Entrevista | Sara Faro Integrante, con María SOA, de Fillas de Cassandra, hoxe na sala INN

“As últimas dionisíacas puideron ser as primeiras ‘raves”

“Esta xira parte da idea de que a Acrópole xa pechou, queremos abandonar esa polis”

María SOA e Sara Faro, Fillas de Cassandra, hoxe na sala INN.   | // SABELA ANDRÉS

María SOA e Sara Faro, Fillas de Cassandra, hoxe na sala INN. | // SABELA ANDRÉS / marta otero mayán

Non houbo sala ou praza onde non levaran, o ano pasado, a súa Acrópole, un rompedor traballo no que mesturaban as harmonías coa electrónica para reconstruir a experiencia femenina a través da mitoloxía. Agora, o dúo Fillas de Cassandra emprende o camiño de novo con Últimas Dionisíacas, na que revisitan algúns dos temas do seu primeiro traballo dende unha nova escenografía e ofrecen algún adianto do que está por vir. Estarán hoxe na sala INN da Coruña (21.00 horas), con todas as entradas vendidas.

O disco Acrópole foi un dos fenómenos do ano. Agora, prolónganlle a vida en Últimas Dionisíacas.

A verdade é que si. É un traballo que tiña moito percorrido, as cancións admiten moi ben mudanzas. Cando compuxemos Acrópole non pensamos na pedazo de xira que ía ter, así que compuxemos o disco para ser escoitado. O directo a nós, o ano pasado, xa nos pedía outras cousas. Decátaste que hai cousas que precisan máis potencia, máis voltas.

En tempos nos que parece que os proxectos teñen unha vida cada vez máis curta, apostan por traballar e potenciar o que xa teñen.

Iso por unha parte. Por outra, este espectáculo traballa sobre o concepto máis que o ano pasado, coa idea de que a Acrópole xa pechou, queremos abandonar esa polis e levarnos todas as cousas con nós. A escenografía apoia esa idea dunha acrópole derruida, que xa comeza a estar embalada para ir a outro lugar, con plásticos de burbulla, hai cinchas por todo o escenario...Tamén, a nivel musical, ademais de revisar, implementamos tres aidantos do próximo traballo, mais as colaboracións que fomos sacando. Foi un reto mesturar un traballo tan pechado como Acrópole co porvir de Fillas de Cassandra.

E cal é ese lugar ao que van as Fillas de Cassandra tras embalar as cousas e abandoar a polis?

Iso é unha lotaría para nós. Falámolo moito. Cando falamos de que esta xira é de cantos efémeros é porque hai cancións que compuxemos estes meses que nos apetecía que estiveran no directo, pero que non sabemos a que van pertencer: se nos apetece que sexa un disco, un proxecto, que integre ao mellor outras artes que tamén nos chaman a atención, que sexa algo interdisciplinar... queremos deixarnos sorprender e deixarnos repousar, reconectarnos e ver que mensaxe queremos pór no mundo agora.

Cal foi o legado ou a mensaxe que deixaron con Acrópole?

Acrópole era unha declaración de intencións, non sabiamos que a mensaxe ía calar tanto nin que iamos chegar a tantos lugares; falaba da nosa verdade como mulleres no mundo, que constatamos que conectou con outras mulleres e con outras persoas. Ás veces preguntan se o feninismo vai estar presente nas nosas cancións, e obviamente. O feminismo é un xeito de ler e de estar no mundo, pero como temática de maneira directa, claro, este era un traballo moi pechado, sobre mitoloxía grega, e quizais estamos na busca, deixando que nos veña sorprender que outra historia queremos contar.

Nesta ocasión traen a Tania Caamaño e Marina Vidal, coas que unen voces no escenario, e unha escenografía máis “escura”. Incorporan electrónica sen renunciar as voces e o instrumento.

Si. As cancións de Acrópole están revisitadas dende unha electrónica máis escura, que nos levase a unha especie de rave. Investigando sobre esas dionisíacas que se celebraban na antiga Grecia, que logo foron sobrevivindo nas zonas rurais, unha muller que sabe moito sobre dionisíacas dixéranos que “eran un pouco como as primeiras festas agroqueers”, que para nós era moi interesante. Estaban cheas de festa, de música, de comida, de persoas que foran acusadas de herexía e bruxería porque eran espazos de liberdade. Pensamos que as últimas dionisíacas puideron ser as primeiras raves. Para nós, este directo tiña que ter algo máis de electrónica, pero sen abandonar o que nos levou a facer música, que foi as voces. Por iso hai dúas rapazas máis que veñen a completar as harmonías, hai máis instrumentación, e logo unha posta en escena que para nós era fundamental.

Non teñen claro aínda cara onde irá o proxecto, mais, esta parte de electrónica terá máis peso?

Certamente, non o sabemos. Estamos fascinadas polo mundo da electrónica, a través por exemplo das colaboracións con artistas, como Anguleele con Zetak, ver como poden atoparse a tradición co electrónico, pero non o sabemos. Se cadra de repente facemos un disco en acústico; ou algún traballo paralelo, máis alá de compoñer nunha liña, explorar en que nos sentimos cómodas. Non somos prexuiciosas coas músicas, igual aparece algo que nos fascina.