Ecodicionario galego

89. Suprarreciclaxe

Ecodicionario galego

Ecodicionario galego / LOC

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo

Definición: s. f. Proceso de transformación de subprodutos (isto é, materiais de refugallo, produtos inútiles ou non desexados) en novos materiais ou produtos que se perciben como de maior calidade e utilidade. Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Reciclaxe: rexenerar ou transformar un material xa usado para volvelo utilizar. Reutilización creativa: sinónimo de suprarreciclaxe. Infrarreciclaxe: proceso de reciclaxe de residuos onde o novo material reciclado ten calidade máis baixa e menor funcionalidade que o material orixinal. A primeira destas definicións figura no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo? O termo suprarreciclaxe foi ideado en 1994 polo enxeñeiro alemán Reiner Erich Pilz (n. 1942), quen, paralelamente, acuñou o concepto de infrarreciclaxe. En todo caso, o aproveitamento de material de refugallo para darlle unha nova vida no eido da arte, da moda ou mesmo da alimentación é moito máis antigo, case tanto como a propia vestimenta humana, a creación artística ou procura do sustento diario. Os beneficios ambientais da suprarreciclaxe son claros: materiais potencialmente contaminantes no medio natural son recuperados e retidos permanentemente dentro de novos produtos ou en contornas onde non existe tal perigo de polución. O lixo deixa de ser lixo, converténdose nun recurso útil. Restos alimenticios serven para crear novos alimentos, tendo isto enorme importancia en campos como a nutrición animal (gandería, acuicultura, etc.). No caso concreto dos plásticos, existen iniciativas arreo do mundo para retiralos dos litorais, de ríos e de espazos naturais do interior, e crear con eles novos produtos artísticos, co valor engadido de converterse en inocuos para o medio natural. Aínda que a suprarreciclaxe contribúe modestamente a que haxa menos plásticos na natureza, non logra (nin moito menos) atallar o problema: cada ano 14 millóns de toneladas de plásticos acaban nos océanos. Nin sequera con todas as actividades de recuperación e reciclaxe a nivel global se logra conter o problema: é imprescindible unha redución drástica e global da utilización de plásticos, especialmente os dun só uso.

Por que está en auxe esta palabra? O artellamento conceptual da parella suprarreciclaxe-infrarreciclaxe significou xa a finais dos anos noventa crear un novo argumento mercantil para moitos e moitas artistas que querían poñer en valor as súas creacións. Tanto, que número de empresas baseadas na suprarreciclaxe de materiais multiplicouse nas últimas dúas décadas, e o uso da etiqueta en inglés “upcycled” (equivalente a suprarreciclado) creceu tamén exponencialmente en popularidade ao abeiro de plataformas en liña de venda de creacións. A nivel galego existen multitude de exemplos de iniciativas de suprarreciclaxe: Alivavá na Costa da Morte, Aobá en Lugo, Arteclaxe en Culleredo... e así ata a letra Z.