Un mural no paseo marítimo da Coruña para amosar as “dúas versións” de Luísa Villalta

A muralista Lidia Cao comezou este xoves a pintar unha ilustración da coruñesa homenaxeada no Día das Letras, promovida por Gadis e o Concello

Esbozo do mural, con Cao á esquerda, a alcaldesa, representantes de Gadis e familiares de Villalta.   | // L. O.

Esbozo do mural, con Cao á esquerda, a alcaldesa, representantes de Gadis e familiares de Villalta. | // L. O.

Para a muralista Lidia Cao, a figura de Luísa Villalta, a escritora coruñesa protagonista do Día das Letras deste ano, é a dunha “muller super completa” e de múltiples facetas. Por iso, cando deseñou o mural que, por iniciativa do Concello e Gadis, comezou a pintar este xoves na zona das Lagoas do paseo marítimo, apostou por un debuxo que amosase as súas “dúas versións”. Unha parte será un retrato cerrado de ton laranxa, “máis intimista”, que fai referencia á súa faceta como violinista cunhas liñas que representan un pentagrama. “Está baleiro polo baleiro que deixou ela e como homenaxe ao legado que nos deixou: hai que escribir a nosa propia canción”, explica a ilustradora.

A parte máis grande do mural estará ocupada por unha ilustración cun enfoque máis amplo, na que se poderá ver á escritora “apoiada en libros, en representación de todo o traballo que deixa”. Na man ten un caravel, un “sinal de revolución” porque, para Cao, as palabras que definen a Villalta son “atrevida e valente”, pero indica que está pensando en xogar co obxecto para que tamén represente o “pauciño dun violín”, instrumento da coruñesa.

Neste caso as tonalidades predominantes son en azul, unha cor complementaria á laranxa, unha referencia ao mar ao que mirará o mural. “É un soño pintar no paseo marítimo”, explica Cao, que xa fixera un mural hai anos ante a antiga paxareira do parque de San Diego, “aínda que o malo é que a parede ten humidades que tivemos que salvar”. A obra,para a que lle deron “bastante liberdade creativa”, tardará aproximadamente unha semana en pintarse, aínda que Cao indica que dependerá, sobre todo, do clima destes días.

A alcaldesa, Inés Rey, estivo o xoves na presentación da obra adicada a Villalta, cuxa mirada, destacou, “quedará tatuada na pétrea pel deste paseo marítimo, o lugar dende o que todos os coruñeses e coruñesas miramos ao mar, facéndolle honra á pegada que a súa Cidade Alta lle deixou”. O director de comunicación de Gadisa Retail, José Luis Fernández Astray, engadiu que a acción permite achegarse á cidadanía de xeito multidisciplinar, en tanto que combina o arte coa promoción da lingua. Na inauguración dos traballos estiveron Susana Villalta, María Gómez e Carolina Rouco, irmá, nai e sobriña respectivamente da escritora coruñesa falecida hai agora dúas décadas, así como Alexandra Kuntz, coordinadora de Marketing Dixital e Contidos de Gadis.

Suscríbete para seguir leyendo