Ecodicionario galego

92. Sensocentrismo

Un ave, enxaulada.

Un ave, enxaulada.

Cosme Damián Romay Cousido, biólogo

Definición: s. m. Corrente de pensamento, ou criterio ético, que defende que o centro de consideración moral son os intereses de todo ser con capacidade para sentir, e non só os dos seres humanos. Esta definición non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Animalismo: movemento que propugna a defensa dos dereitos dos animais. Especismo: discriminación por parte de seres humanos cara a outra especie. Mascotismo: moda ou tendencia baseada en ter (ou manter) animais con fins recreativos ou sentimentais, sen que cubran necesidades humanas como a alimentación ou suplemento de materias primas. Veganismo: forma de vida da persoa que evita o uso e consumo de produtos ou servizos derivados de animais, ou que impliquen a súa explotación. A derradeira destas definicións aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: ao longo da historia os animais foron a miúdo definidos como “seres que sinten”. En todo caso, a elaboración dunha teoría completa arredor disto (o sensocentrismo), con implicacións morais, é debida ao filósofo inglés Jeremy Bentham (1748–1832). Os argumentos sensocentristas foron empregados polo animalismo desde as súas orixes, recalcando que os animais deben gozar de dereitos similares —senón iguais— aos dos seres humanos, unha vez que “sinten” e “sofren” como nós. Na práctica, a doutrina animalista propón convivir con todos os animais, mesmo aqueles que poidan resultar prexudiciais para nós, e non inflixirlles ningún dano. A miúdo, o animalismo centra esforzos nos animais domésticos (gando e mascotas), deixando en ocasións de lado a conservación activa da fauna salvaxe (con excepción dunhas poucas especies “totémicas”). O movemento conservacionista (ecoloxista) acolleu con certo interese o sensocentrismo, pero con escepticismo a filosofía animalista. Por un lado, sensocentrismo e animalismo poderían servir para sensibilizar á sociedade no coidado de todos os animais. Porén, o excesivo foco do animalismo en gando e mascotas (“mascotismo”), a súa ineficacia á hora de prestar axuda na preservación de toda a fauna silvestre, e a nula integración de principios ecolóxicos no seu argumentario, distanciou o conservacionismo do animalismo.

Por que está en voga esta palabra?: actualmente, o sensocentrismo está imbricado dentro do argumentario animalista, e moi difusamente no seo do conservacionismo. Aínda que pode haber puntos de acordo entre ambas visións (por exemplo, protección de grandes simios, baleas e carnívoros fronte á caza, ou trato ético a animais domésticos), chocan na xestión de determinadas especies: por exemplo, os descastes de visóns americanos (Neovison vison), catorras arxentinas (Myiopsitta monachus) e sapoconchos de Florida (Trachemys scripta), especies exóticas invasoras moi daniñas, son censurados polo animalismo con argumentos sensocentristas, esquecendo que a presenza destas invasoras provoca a morte de fauna salvaxe tamén “sentinte”.

Tracking Pixel Contents