Celebremos os méritos do matemático Rodríguez no segundo centenario da súa morte

Busto de Rodríguez en Bermés.

Busto de Rodríguez en Bermés. / Xosé Antón Fraga

Xosé A. Fraga | Historiador e divulgador da ciencia

En 1770 naceu Joseph Pedro Rodríguez González en Bermés, parroquia de Lalín, comarca do Deza. Fillo de Francisca e Ambrosio, nunha familia labrega que abonaba —como o resto dos veciños— unha renda á condesa de Lemos (residente en Madrid), pois aquelas terras formaban parte do seu señorío. Tamén pagaba á Coroa rendas xerais e provinciais e á Igrexa por diversos conceptos. Entre eles, unha cantidade ao convento de San Martiño de Santiago polo aluguer anual do muiño que utilizaban, ademais —xunto cos veciños— pola produción da terra, o décimo, primicia e oblata aos cregos da parroquia (os, aproximadamente, 270 habitantes mantiñan a seis!) e o correspondente por razón do voto de Santiago Apóstolo. A todo iso debemos sumar o pago da “luctuosa”, un imposto medieval abonado polos oficios funerarios.

Nese mundo, imaxinamos ao pequeno Xosé, maior de sete irmáns, sentado no muiño familiar, observando ao seu avó Ignacio moer o grao, escoitándoo absorto contar as incidencias que vivira nas súas viaxes como arrieiro. O vello agricultor falaríalle das aventuras que lle aconteceran polos camiños que o levaban catro veces ao ano ao Ribeiro, un territorio non moi distante do cotián, pero diferente. O rapaz percibiría que existía un mundo fóra do familiar e a exploralo dedicaría gran parte da súa vida. Porén naquel momento o seu futuro resultaba ben diferente e previsible, sería o de todos os pequenos da parroquia: o traballo agrícola para subsistir e pagar a condes, Coroa e Igrexa. A única circunstancia excepcional que permitía alterar ese destino secular era acceder ao Seminario, facerse crego, e —chegado o caso— atopar protectores con recursos naquela sociedade estamental para ascender na xerarquía eclesiástica. O neno Rodríguez dispuña dunha calidade que o convertía en candidato axeitado: o seu salientable intelecto.

Comezo do expediente da oposición á cátedra de Santiago.

Comezo do expediente da oposición á cátedra de Santiago. / Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela

Foi a figura científica máis destacada deu Galicia na primeira metade do século XIX, polo que hai moito que celebrar este 2024, douscentos anos despois da súa morte. Nese sentido, para contribuír a esa conmemoración, terá lugar o 13 de xuño a xornada Medir territorio e a forma do planeta da man do matemático Xosé Rodríguez, científico e cidadán, organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación de Galicia (Ceida), a Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.

Cátedra e relacións iniciais

O apoio da familia permitiu que Xosé Rodríguez fose estudar ao Seminario de Monforte. En 1786, cando tiña 16 anos trasladouse a Santiago, onde acadou, en 1790, o grado de Bacharel en Filosofía e cinco anos despois, en 1795, o de Teoloxía, aínda que renunciou aos votos sacerdotais. O seu obxectivo era a ciencia, en concreto as matemáticas, acadando a cátedra desa materia na universidade compostelá en 1800.

Se sempre unha persoa de familia humilde debe superar atrancos para acceder a unha formación superior, naqueles tempos do Antigo Réxime, dunha sociedade na que a desigualdade constituía un elemento central da orde establecida, as dificultades eran enormes. Para acadalo Rodríguez contou coa súa excepcional valía persoal mais tamén gozou de importantes e indispensables axudas. Por unha banda a de Pedro Antonio Sánchez, catedrático, cóengo e director biblioteca arcebispal, e —sobre todo— a dunha poderosa familia de orixe no Deza, os Taboada. A eses apoios sumaría, por conta propia, outros importantes para os seus proxectos. Ademais, o matemático estableceu nos seus anos compostelás unha fraternal amizade, que sería permanente e relevante na súa traxectoria, con tres persoas. Todas de similar ideoloxía liberal, que naquel momento era anti-sistema, pois cuestionaba o modelo político e social: Pedro Sánchez Boado, Joaquín Fondevila Vaamonde e Julián Suárez Freire.

A biografía de Rodríguez é densa e ilustrativa dunha época de cambios. Neste episodio só imos explicar, de xeito sintético, as catro razóns que fan del unha figura excepcional na historia da ciencia en Galicia, e polo tanto da cultura, e con proxección no ámbito español e europeo.

1. A extraordinaria formación, as importantes relacións e o coñecemento de salientables institucións científicas. A formación inicial de Rodríguez tivo lugar na universidade de orixe, a compostelá. De Santiago partiu en 1803 cara á súa primeira estadía, en París, capital científica do mundo nese tempo. Comezaba así o percorrido por algunhas das principais institucións científicas europeas, que supuxo o coñecemento de salientables especialistas da época. Non existe comparación posible cos colegas galegos do período e só moi poucos do ámbito español poderían equipararse.

A París acudiu para mellorar, ata 1806, a formación en Matemáticas e Astronomía en dúas relevantes institucións, o Collège de France e o Bureau des Longitudes. Coñeceu, entre outros, a Jean Baptiste Biot, Alexis Bouvard e François Aragó. Outro destino no seu proceso formativo foi Londres. En novembro de 1809 solicitou unha comisión a Inglaterra, onde permaneceu, non de xeito continuo, ata a primavera de 1812 e semella que traballou no prestixioso Ordnance Survey, axencia cartográfica oficial do Reino Unido. O seu principal valedor foi José Mendoza Ríos, mariño español de gran prestixio científico, quen lle facilitou o contacto coa Royal Society, unha entidade de relevancia mundial.

Entre 1812 e 1814 veuse obrigado a volver a exercer a docencia na súa cátedra compostelá, mais en setembro dese ano solicitou unha comisión para ir a estudar Mineraloxía. Un cambio no seu perfil científico que supuña acudir á Academia de Minas de Freiburg (Alemaña), unha institución dirixida por Abraham Werner, principal referencia na materia a nivel mundial.

No verán de 1816 o matemático deixou Freiberg e marchou para a “célebre universidad de Gotinga”. Importante centro de educación superior no que salientaba o eminente matemático Friedrich Gauss, director do Observatorio, con quen estableceu contacto. O de Bermés abandonou Gotinga a finales de marzo de 1817 e marchou para a capital francesa, onde continuou relacionándose con salientables científicos.

A fins de maio de 1818 deixou París, pois o Goberno español lle concedera seis meses de pensión para “examinar las escuelas y establecimientos de aplicación de los diversos ramos de mineralogía a las artes, manufacturas y minería en Francia y otros paises inmediatos”. Sabemos, polas cartas que remitiu a Suárez Freire, que tamén estivo en Roma, onde dicía que seguía a súa “instrucción”. Formación permanente, diríamos.

2. Os proxectos relevantes nos que participou e a valiosa produción. A Academia de Ciencias de París decidira en 1791 a creación dun patrón único de medida baseado na natureza e definiu o metro como a dez millonésima parte da distancia desde o Ecuador ata o Polo. A institución encargou a realización dunha expedición para medir coa máxima precisión a distancia entre Dunkerque e Barcelona, como base para determinar a lonxitude do arco meridiano que vai do Ecuador ao Polo Norte. Falamos dunha realización científica de enorme relevancia, importante para a definición do sistema métrico decimal mais tamén para o coñecemento da forma da Terra (Xeodesia).

En 1806 o labor foi retomado por Jean-Baptiste Biot e François Aragó, co obxectivo de continuar a medición ata as illas Baleares. Como afectaba ao territorio español, o Bureau des Longitudes solicitou ao Goberno que adscribira a dous especialistas locais para traballar cos franceses, José Chaix Isnail e José Rodríguez González, o que foi aceptado. O traballo rematou en 1808, Chaix morreu en setembro de 1809 e Rodríguez redactou a importante memoria da experiencia, que entregou ás autoridades españolas en novembro. A Junta Central encargoulle outro relevante proxecto, que elaborara un proxecto sobre o sistema de operacións necesarias para a formación dun “mapa exacto de España” e dun novo sistema de pesas e medidas. Lamentablemente, eses dous valiosos escritos foron coñecidas pero non publicadas no seu momento.

Si que deu á luz o de Bermés, cando menos, tres traballos, en inglés, alemán e francés. O primeiro deles foi presentado en xuño de 1812 na Royal Society (Londres), un texto que aparecería publicado na prestixiosa revista da entidade, Philosophical Transactions, co título de Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudge. Os outros dous artigos trataron sobre xeodesia e a composición xeolóxica de Serra Nevada.

3. Os importantes postos académicos que desempeñou e a dirección dunha xeración de científicos galegos. Rodríguez ocupou a cátedra de Matemáticas da universidade galega, que abandonou cando foi nomeado en 1819 profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturales (Madrid). O Observatorio formaba parte do Museo desde 1816 e, en 1821 o noso matemático ocuparía a dirección. Un ano despois, outubro de 1822, coa integración do Museo na nova Universidade Central, o matemático pasou a catedrático de Astronomía da mesma. Asemade, tamén nese ano, foi escollido como un do dezaseis membros da sección de ciencias físico-matemáticas da Academia Nacional, unha institución de efémera vida creada en decembro do ano anterior por iniciativa de Manuel José Quintana e que reunía as reais academias existentes.

Recibiu diversas ofertas para interesantes traballos, que rexeitou. En 1817, residindo en París, un representante do Goberno arxentino ofreceulle a posibilidade de contribuír ao impulso das Ciencias nun país que era independente desde o ano 1816. Na mesma liña, segundo sabemos por fontes indirectas, arredor de 1818 propuxéronlle a dirección de “los trabajos Geodésicos de la Rusia”.

Cómpre engadir que o matemático foi mestre dunha notable xeración de científicos galegos. Tivo como principal discípulo a Domingo Fontán, quen á súa vez, guiou a outros, como Ramón de la Sagra e Casiano de Prado.

4. A destacada contribución política. A biografía de Rodríguez non fica completa sen considerar a dimensión política, as súas posicións e intervencións nos asuntos públicos. Así, por exemplo, fronte ao anacronismo do sistema universitario do seu tempo apoiou a modernización da docencia científica superior promovida por institucións extrauniversitarias, difusoras das novas ciencias, e axudou especialmente ao Colexio de Farmacia de Santiago.

Nesa liña, integrouse —como vimos— no Real Museo de Ciencias Naturales (Madrid), asumindo a cátedra de Astronomía dese centro. Curiosamente, o novo camiño emprendido polo matemático acabaría levándoo a ocupar unha cátedra de universidade, a de Madrid, pero nun modelo diferente.

O apoio de Rodríguez ás novas institucións científicas e a súa desconformidade coa universidade do seu tempo non impediran que actuara favorecendo a modernización do sistema universitario vixente. A colaboración máis relevante coa súa universidade matriz tivo lugar no proceso de adquisición de instrumentos científicos en París que permitirían un ensino práctico da Física nas aulas compostelás. Ademais, identificouse e apoiou o proxecto reformista do ensino universitario dos liberais, liderado por Manuel José Quintana, a quen estaba ben próximo. Por outra banda, o matemático foi deputado nas Cortes do Trienio liberal, entre o 6 de xuño de 1820 e o 14 de febreiro de 1822. O de Bermés situouse no sector conservador do liberalismo, defensor da Constitución de 1812 pero desde unha interpretación restritiva.

A fin do “paseante” da luz

O de 7 abril de 1823 tivo lugar a invasión de tropas francesas que viñan rematar coa experiencia do Trienio liberal. Rodríguez marchou cara Santiago e aloxouse na casa do amigo Julián. Malia que o seu compromiso ideolóxico era ben coñecido non foi obxecto da represión que sufriron moitos dos seus correlixionarios, de feito seguiu figurando como director do Observatorio madrileño.

Pouco despois, en xuño, emprendeu a súa derradeira viaxe, unha ben diferente ás anteriores. Dirixiuse a Lisboa, onde acudiu a falar con dúas importantes figuras do seu influínte sector político, José María Calatrava Peinado e Juan Antonio Yandiola Garay, pertencentes como el á elitista e semisecreta Sociedad Constitucional del Anillo. Semella que Rodríguez quería coñecer a situación política e as expectativas de futuro. O segundo obxectivo da viaxe foi informarse das circunstancias da morte do amigo Pedro Boado nun naufraxio.

A primeiros de setembro estaba de volta en Compostela. Enfermo, atendérono o seu amigo Julián e o químico Gabriel Fernández Taboada. Nesa compañía morreu o 30 de novembro e foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño ao día seguinte. Na nota correspondente, conservada no arquivo dos agostiños, figura así: “En el dia Viernes, 1 de octubre de 1824 se enterró don José Rodríguez, Director del Observatorio Astronómico de Madrid y Paseante a Cortes extranjeras”. O “paseante da luz”, que diríamos nós, deixara de viaxar. Rematara a andaina do neto do arrieiro.

Suscríbete para seguir leyendo