Ecodicionario galego

94. Pseudoecoloxista

Entorno de la Torre de Hércules, en A Coruña, un día soleado de primavera.

Entorno de la Torre de Hércules, en A Coruña, un día soleado de primavera. / Carlos Pardellas

Cosme Damián Romay Cousido, biólogo

Definición: adx. e s. f. e m. Persoa, grupo ou asociación que, pretendendo defender ou fomentar a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico, dana coas súas accións o medio ambiente. Esta definición aparece parcialmente no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Pseudociencia: corrente de pensamento acrítica e non validada cientificamente que finxe rigor científico sen telo. Magufo/a: persoa que propaga ou promove discursos contrarios ao pensamento crítico e á ciencia, dando pé a miúdo a conspiracións sen base científica. Ecoloxía: ciencia que estuda as relacións que manteñen os seres vivos entre si e co medio en que viven. A derradeira definición aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: a verba ecoloxista ten unha vinculación difusa coa palabra ecoloxía: se ben bebe do coñecemento científico teórico desta disciplina (ver definición liñas arriba), en realidade desenvolve accións pragmáticas que se centran na preservación de seres vivos e hábitats. Deixando a un lado accións históricas (e puntuais) de conservación da natureza, o movemento ecoloxista artellaríase no século XIX. Por exemplo, a inglesa Margaretta (Etta) Lemon (1860–1953) sentaría a finais dese século os alicerces da Royal Society for the Protection of Birds (isto é, a Real Sociedade para a Protección de Aves). Desde ese momento, ducias de asociacións ecoloxistas comezaron a aparecer, sendo as máis coñecidas a WWF (Fondo Mundial para a Natureza, establecido en Suíza en 1961) e Greenpeace (fundada no Canadá en 1971). En todo caso, a loita conservacionista destes grupos, con sólidos fundamentos ecolóxicos, foi coetánea a outras loitas pseudoecoloxistas, sen base científica e con resultados ambientalmente desastrosos: as soltas masivas de visóns americanos (Neovison vison) de granxas peleteiras por activistas pseudoecoloxistas supuxeron altas taxas de mortalidade no curto prazo a tales animais. Ademais, os visóns superviventes ocuparon hábitats naturais, comportándose como especies exóticas invasoras e depredando fauna nativa, especialmente anfibios e aves acuáticas nidificantes.

Por que está en voga esta palabra?: as redes sociais, que tamén se fan eco de discursos populistas acientíficos, supoñen un altofalante para pseudoecoloxistas que desprezan a loita conservacionista, fan chamamentos a accións de “liberación animal” e emprenden iniciativas sen ningún tipo de base científica. Por exemplo, o mantemento de grupos de gatos cimarróns (“colonias felinas”) argumentando que “controlan ratas e ratos” ignora que ditos gatos predarán preferentemente sobre réptiles e aves protexidas (antes que sobre roedores) nas épocas con menor actividade de ratas e ratos. Tamén serían pseudoecoloxistas as campañas de lavado de imaxe (greenwashing) dalgunhas empresas multinacionais que, empregando linguaxes alambicadas nos medios de comunicación, poden facer crer á sociedade que as súas accións e produtos son inocuos co medio natural (cando realmente son lesivos).

Tracking Pixel Contents