Ecodicionario galego

95. ‘Greentrolling’

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

As vindeiras cinco seccións tratarán sobre anglicismos empregados habitualmente en contidos relacionados co medio ambiente. Abórdase así a recta final deste Ecodicionario galego.

Definición: s. (ing.) Combater de xeito activo o discurso pseudoecoloxista de multinacionais ou gobernos nas redes sociais. Esta definición non figura (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Pseudoecoloxista: persoa ou colectivo que, pretendendo defender ou fomentar a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico, dana coas súas accións o medio ambiente. Activismo: defensa das ideas políticas, sociais etc., por medio de calquera método, incluso da violencia. Trol: persoa que publica comentarios provocadores, maliciosos ou violentos en Internet coa finalidade de amolar ou de causar unha resposta emocional por parte doutros usuarios. Ecobranqueamento: venda fraudulenta de produtos ou ideas insostibles ecoloxicamente como se fosen ecolóxicas; ou ben estratexia de empresas ou institucións de lavar a súa imaxe pública realizando accións puntuais consideradas “verdes”, para así mellorar a súa reputación ambiental aínda que teñan liñas de traballo lesivas co medio natural. A última destas definicións non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: O anglicismo greentrolling —“troleo verde” ou “sabotaxe verde”— oponse á verba inglesa greenwashing, sinónima de ecobranqueamento. En efecto, algúns discursos de grandes multinacionais, da clase política e de gobernos —que presumen de xeito espúreo de compromiso co medio ambiente, ou de accións “ecolóxicas”— son activamente combatidos por unha lexión de troles cibernéticos. Estes usan a retranca, o humor, ou directamente empregan datos científicos, para botar abaixo a pátina “verde” dalgúns discursos alambicados dos poderes públicos e privados. Os casos máis clásicos de greentrolling producíronse na rede social Twitter (agora X) contra compañías petroleiras nos Estados Unidos. Tamén serían greentrolling os actos de sabotaxe de eventos públicos de multinacionais arreo do planeta, ou mesmo a instalación de grandes carteis de protesta en edificios ou infraestruturas simbólicas. As accións grupais de asociacións como Greenpeace son un exemplo disto último.

Por que está en auxe esta palabra?: Algunhas figuras famosas da actualidade se teñen comportado como “troles verdes” nalgunha ocasión, como a activista sueca polo clima Greta Thunberg (n. 2003) ou a representante demócrata estadounidense Alexandria Ocasio-Cortez (n. 1989). En todo caso, o greentrolling é realizado case sempre de xeito anónimo por persoas que combinan o manexo en redes sociais con coñecementos máis ou menos aceptables sobre cuestións ambientais. Excedería xa o ámbito do greentrolling as protestas violentas, e incluso aquelas accións que atenten contra o patrimonio artístico, monumental ou arqueolóxico. Por contra, podería asumirse que é greentrolling as accións de colectivos anti-caza para rebentar campionatos cinexéticos, escorrentando á fauna dunha determinada zona antes de que se produzan as batidas.