Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Xornalista, publica o libro ‘Moito que contar’

Moncho Viña: “As historias máis interesantes do Dépor aínda están por contar”

Que pasou na cea do penalti de Djukic? Por que se enfadaron Arsenio e Lendoiro? e ata 120 anécdotas inéditas máis dos anos dourados do Deportivo da man de Moncho Viña

Moncho Viña, co seu libro, en Riazor

Moncho Viña, co seu libro, en Riazor / Germán Barreiros

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
a coruña

Un libro de contos. Un anecdotario de referencia dos anos dourados do Deportivo. Unha historia de intrahistorias. Todo o que non se contou dos anos máis contados. Todo iso é Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias, un libro que rescata a memoria oral dos mellores anos do Deportivo a través das historias do xornalista Moncho Viña, coa colaboración de Alfonso Hermida, Henrique Rabuñal e Adrián Viña Menéndez e cun feixe de imaxes inéditas que contan historias propias.

Nun dos equipos con máis épica e lírica da Liga, que pode quedar aínda por contar?

Por contar quedan as cousas máis interesantes. Os libros son sobre 120 historias e 150 fotos. Eu creo que as fotos son historias. Todo o que contamos é certo. Evidentemente, hai unha parte literaria, pero non hai unha biografía, non son fichas de partidos nin crónicas. Iso pódese atopar en calquera sitio. O que queremos é contar historias, posiblemente a maioría descoñecidas, pero reais, na parte máis recoñecible que todos temos no pensamento do que foi o Deportivo nos seus mellores momentos. Consiste niso, en revivir momentos estelares contando historias qye a xente non coñece. As historias, para que sexan entretidas, non poden ser largas. Son historias curtas nas que intentamos sacar un sorriso á xente. Na parte das fotos, a maioría tampouco se coñecen. Temos que darlles as grazas á familia de Arsenio e de Amancio Amaro, que nos cederon imaxes marabillosas, documentos impagables. No libro, as mellores anécdotas de Arsenio, e mira que as ten, están recollidas. Ou por exemplo, por que os títulos se celebran nos Catro Camiños? Por que os Riazor Blues se chaman así?

Máis que as grandes historias que coñecemos todos, como o penalti de Djukic, semella un libro de intrahistorias, como a da cea na que Lendoiro saíu erixido presidente do Deportivo por aclamación...

Esa parte, a de Djukic, é a parte coñecida. A descoñecida é o que sucedeu despois do penalti, na cea de celebración no Corte Inglés, na que estabamos 300 persoas celebrando nada, pero alí estabamos. Esa é a parte que conto. No de Augusto, a cea do mesón de Pastoriza é coñecida, pero hai outra historia relacionada con iso, como os documentos de Camina o revienta, o lema de Augusto que aparecen no libro.

Hai unha imaxe de Carlos Pardellas, que foi capturada na presentación de 110% Blanquiazul, de LA OPINIÓNe que recolle o apretón de mans entre Lendoiro e Arsenio. Define esa fotografía como “histórica”. Por que?

Esa foto é absolutamente histórica. É a última vez que Augusto e Arsenio teñen contacto físico. A partir de aí, nunca máis volveron ter contacto. Creo que se viron algunha vez pola rúa, pero nada máis.Esa foto de LA OPINIÓN é absoluta historia. Está a foto da última viaxe que fixo Luis Suárez á Coruña, e tamén da última de Amancio. Esas son as cousas que contamos, que a maioría delas son sorprendentes. Aínda que un sexa moi deportivista, non coñece esas fotos. Iso é o que contamos.

O libro está inspirado na súa experiencia como xornalista deportivo, sobre todo no ámbito radiofónico. Inflúe nas historias o feito de que estean contadas dende a óptica de quen as viviu e narrou?

Si. Unha cousa importante é iso, vivímolas. Non nolas contaron, a maioría delas non as limos en libros. Esperamos que nun futuro si as lean en libro, pero nos non as limos. Iso é importante. Ningunha desas historias é mentira, aínda que despois cada quen ten a súa versión, porque cada quen ve o mundo da súa maneira. Isto é un libro de historias, pero creo que dende o punto de vista literario, ou lingüístico, é interesante. Está moi traballado. As historias son miñas, case todas, pero ter historias non significa ter un libro. Este libro fixérono Alfonso Hermida, Adrián Viña Menéndez, Henrique Rabuñal e eu, que son o que o firma; pero o libro vai a partes exactamente iguais. Eles son tanto ou máis importantes ca min nisto. As historias son miñas, das cousas que vas aprendendo, pero o libro ten que ter calidade linguística e literaria.

A un xornalista esíxeselle obxectividade, pero cando se trata dun que segue ao Dépor, é inevitable que quede implícita a parte emocional. Considera propias estas historias tamén?

Efectivamente. Dise que “ eu non son obxectivo, porque non son un obxecto”, e é iso. As cousas vense sempre dende a óptica de quen as conta, non hai volta que darlle. Nos case 15 anos de cousas marabillosas que vivimos sucederon tantas cousas incribles que todo o que poidas contar remite a momentos bonitos, a recordos. E pensas: ai, si, o partido de Múnich, no que gañamos 2-0, pois aí sucedeu unha historia. O partido de Manchester, outra historia.

Hai algunha anécdota á que lle teña especial cariño?

Téñolle a todas, pero como dis especial cariño, á de Arsenio.As anécdotas de Arsenio, en xeral. Presumo, e creo que vai reflectido claramente no libro, de ter sido moi amigo de Arsenio. Tivemos sempre unha relación moi especial, tomabamos café todas as semanas. Son esas cousas das que tanto se falaron sobre a forma de ser de Arsenio, aínda hai cousas descoñecidas marabillosas. Por afinidade, son as que máis aprezo.

Hai moitas tamén sobre Augusto César Lendoiro. Existe certo afán de facerlle xustiza ao seu rol naqueles anos, tras os últimos tempos, nos que estivo apartado?

Nós contamos cousas, pero non valoramos. Unha das historias conta o que acabou sendo a mala relación entre Augusto e Arsenio. Iso está contado aí, o motivo do enfado. Nós o que non nos metemos é a dicir que este ou o outro tiña razón. Contamos os feitos que si sabemos. A valoración non nos corresponde a nós.

Tracking Pixel Contents