Ecodicionario galego
100. Ecoespertar
Cosme Damián Romay Cousido, biólogo
Definición: s. m. Facer nacer nunha persoa ou nun conxunto de persoas un sentimento favorable á conservación da natureza. Esta definición non figura (aínda) no dicionario da RAG.
Palabras e expresións relacionadas: Activismo: defensa das ideas políticas, sociais etc., por medio de calquera método. Voluntariado: alistamento voluntario para facer algo, ou conxunto de persoas voluntarias. Custodiar: coidar dalgo ou dalguén para evitar que sexa roubado, atacado etc. ONG: sigla de Organización non Gobernamental, isto é, institución sen ánimo de lucro que non depende do goberno e realiza actividades de interese social. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.
Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: unha das primeiras mencións (senón a primeira) acerca do espertar ecolóxico das persoas nun contexto de destrución global dos hábitats naturais correspondería ao crego estadounidense Thomas Berry (1914-2009). Como mostra, o seu libro The Dream of the Earth (O soño da Terra), de 1988, que foi unha chamada a favor dunha nova conciencia da humanidade que freara a degradación do planeta (isto é, un ecoespertar global). Desde entón, a verba ecoespertar é frecuentemente usada no discurso naturalista, sinalándose que é necesario que a poboación mundial “esperte” antes de que sexa demasiado tarde para a Terra.
Por que está en voga esta palabra?: a presente crise ecolóxica global está a espertar nunha porcentaxe crecente da poboación de todo o planeta unha conciencia favorable a conservar o medio que o rodea. O maior incremento de persoas concienciadas cos problemas globais deuse nas últimas décadas en países en vías de desenvolvemento e emerxentes, como a India. As persoas ecoespertas realizan xestos cotiáns en favor dun consumo máis sostible, participan en actividades de voluntariado ambiental ou mesmo acaban uníndose a ONGs de perfil ambientalista. En todo caso, este ecoespertar pode tamén conlevar sentimentos de ecoansiedade ou solastalxia, cando a persoa se sinte incapaz de atallar os problemas ambientais polos que sinte preocupación. Calquera pequena acción individual ou colectiva, por modesta que pareza, é sen dúbida necesaria para que o planeta Terra teña unha mínima posibilidade de seguir sendo habitable e biodiverso no futuro.
Coa presente entrega finaliza o Ecodicionario galego. Ao longo de cen edicións, que comezaron en novembro de 2021, abordáronse numerosas definicións de termos relacionados coa conservación do medio natural e o benestar das persoas. Desde estas liñas quixera agradecer a todas as persoas que revisaron e enriqueceron moitos dos borradores, así como a todo o equipo de LA OPINIÓN A CORUÑA pola súa boa acollida.
- El Concello de A Coruña cederá cuatro parcelas a la Xunta para vivienda de promoción pública
- Estrella Galicia lanza la ‘Enciclobirra’, la primera enciclopedia bebible
- El absentismo en la recogida de basura continúa: 1 de cada 4 trabajadores no acude a su puesto
- Condenado un hombre en A Coruña que afeitó las cejas y cortó el pelo a su pareja mientras dormía para denigrarla
- Arde un piso en la avenida de Hércules, en Monte Alto
- La ‘magia’ musical que hizo volver a brillar la calle San Juan
- El ejemplo A Coruña: organización colectiva y apoyo mutuo en la era del individualismo
- Derriba con su coche dos farolas en la tercera ronda y se da a la fuga