Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Lucía Veiga Humorista, presenta este domingo o espectáculo de monólogos ‘Contos ao Noroeste’

“As festas non son só dos turistas: que haxa actuacións nos barrios é fundamental”

“Carlos Blanco é incisivo, Touriñán ten humor galego e Perdomo é o máis punki”

A humorista e actriz Lucía Veiga.   | // AIGI BOGA

A humorista e actriz Lucía Veiga. | // AIGI BOGA

A Coruña

A actriz coruñesa Lucía Veiga será ás 20.00 horas deste domingo a mestra de cerimonias de Contos ao Noroeste, un espectáculo de monólogos cos cómicos Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco e David Perdomo que se celebrará no parque de Santa Margarita. Forma parte do Festival Noroeste Estrella Galicia.

Como coordinarán o show?

A idea é que cada un fale do seu, co seu sentido do humor e perspectiva da vida, e un pouco da cidade. O público agradece moito que lle introduzan referencias locais, pois a complicidade co artista xera un vencello emocional que potencia moitísimo o humor.Eu serei a mestra de cerimonias que dará un fío condutor aos tres.

Como é a combinación dos diferentes estilos de humor?

Penso que son tres estilos moi distintos pero moi complementarios entre si, funcionan moi ben xuntos. Como espectadora, agradezo que haxa variedade en espectáculos conxuntos, e cambie a linguaxe, a perspectiva e o sentido do humor. Carlos ten un humor moi incisivo, que ten moitas veces ese dobre sentido moi elegante, moi da terra, que funciona moi ben, e ten tantísima experiencia que sabe conectar moi ben con calquera tipo de público.

E os outros dous?

Touri ten un humor moi, moi, moi galego, e a retranca en Galicia nos fascina e entendémola perfectamente, porque é parte da nosa idiosincrasia. E o que ten Touri é que é sempre moi fresco. E David aporta sempre a parte máis punki, é máis o rebelde. É que arrisca máis coas propostas, xogando con temáticas e conceptos que provocan. E o humor tamén é provocación.

Que humor prefire?

Como espectadora, depende do estado de ánimo que teña eu. Conecto con calquera dos tres, pero igual que para ver unha película ou serie ás veces prefires comedia, drama ou acción, pásame o mesmo co humor, depende do estado de ánimo que teña preferirei un ou outro. Son a que menos experiencia como monologuista teño, e para practicalo aínda estou case escollendo. É como o estilo de natación, que todavía non teño claro cal me gusta máis (ri). Por carácter, penso que teño unha forma de comunicar bastante branca; gústanme os dobres sentidos, xogar coa linguaxe, falar sen personaxe, desde min mesma, e son moi do humor do absurdo. Inspirado na vida, que ao final é moi absurda.

O humor axuda a entendela?

O humor é unha ferramenta imprescindible na aprendizaxe. O que se aprende nun contexto de benestar, humor e diversión, queda no cerebro de xeito moitísimo máis arraigado.Escoitar un monólogo que aparentemente é totalmente lúdico deixa no cerebro información de xeito firme. E o humor ten unha vertente social: é un xeito do ser humano de relativizar o drama que supón a vida.Non aguantaríamos os anos que vivimos se o tomásemos todo tan dramático como parece. É de cerebros máis evolucionados tomar as cousas relativizándoas, e a mellor ferramenta é o sentido do humor.

Xa traballara neste formato.

Cando rematou a pandemia, no verán do 2021, Touri e Carlos idearon un proxecto que se chamaba Cómicamente, que era este mesmo formato. Funcionou moi ben e estou contenta de que me chamaran para repetir, porque quere dicir que tan mal non o fixen da outra vez (ri).

Hai un humor coruñés?

Penso que si. A complicidade que se xera entre grupos sociais provoca que haxa chistes internos, un humor propio de cada zona dado polo que se comparte. O humor coruñés existe polas referencias que temos de lugares, de sitios, de datas, de xeitos de falar, de anécdotas.

Como ve a introdución do humor nun festival de música?

Pareceume unha moi boa idea. Son moi partidaria de facer calquera acto cultural o máis transversal posible, porque é un xeito de chegar a máis xente e de enriquecer o propio acto. O Noroeste callou na cidade e ten sona en Galicia, e funciona por si mesmo como música. Pero introducir algún tipo de programación complementaria noutros lugares, doutras manifestacións como o humor, paréceme abrilo moito máis á cidade. Somos unha cidade aberta, riquísima en produción cultural; por que non imos explotar todo iso.

Falando da programación en varios lugares, vostede naceu nos Mallos e agora vive aló, co que actúa preto da casa.

O 15007 non se aparta de min (ri)

É bo levar os actos aos barrios?

Paréceme fundamental. As festas da cidade son da cidade. Hai lugares emblemáticos nos que ten que haber programación, os turistas queren desfrutar alí. Pero as festas non son só para os turistas, son tamén para os coruñeses, e non a todos nos gusta baixar ao centro, á aglomeración, estou cumprindo unha idade que me dá pereza! Así que que as actividades se acheguen aos barrios me parece imprescindible e moi de agradecer.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents