Xabier Díaz, un profeta en Santa Margarita
O músico participa esta semana, canda as Adufeiras de Salitre, na popular Romaría que pecha o verán coruñés

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. | // LOC
O ano pasado, namoraron en María Pita. En primavera encheron o teatro Colón. E este domingo porán o ramo á festa que pecha o verán coruñés. Xabier Díaz, coas inseparables Adufeiras de Salitre, clausuran a Romaría de Santa Margarita e despiden, con ela, as festas da cidade. Chegan co seu último traballo, Axúdame a sentir, baixo o brazo. Leva pouco tempo rodando, pero xa é garantía de éxito: as entradas levaban tres meses esgotadas cando o presentaron na Coruña.
“Sempre é un privilexio para un coruñés tocar dúas veces consecutivas na súa terra, pero desta volta síntome bastante profeta”, reflexiona Xabier Díaz, entre ensaio e ensaio, a unha semana da Romaría, que se desenvolverá no parque coruñés do xoves 29 de agosto ao domingo, 1 de setembro. Se alguén sabe que iso de que na Coruña non hai querenza pola música tradicional e existe un desapego xeneralizado polo galego é un simple tópico, ese é Xabier Díaz, que en cada concerto canta e toca para unha marea de seguidores fieis.
“É un mito que as propias coruñesas están desmontando. Se camiñas polos Mallos, Eirís e Monte Alto, vas escoitar moita xente falando galego. Os que nos dedicamos a esta marabillosa profesión poñemos tamén o grao de area para normalizar algo que nos foi regalado polas nosas avoas, a nosa lingua nai”, defende Xabier Díaz, que foi precisamente na Coruña, no barrio de Eirís, onde o pequeno músico tocou as súas primeiras muiñeiras.
Non é a súa primeira vez na Romaría, pero cando empezou a ir non foi como músico, senón só como coruñés. “Teño o recordo de ir coa miña avoa e os meus pais cando era unha romaría antiga, cunha manta e unha empanada. Alí atopabámonos con outras familias do barrio. Lémbroa como unha actividade colectiva, festeira e moi coruñesa. Foi un acerto recuperala”, sinala.
Desta vez, como outras, acode ao parque coa responsabilidade de poñer a música aos recordos futuros dos asistentes de hoxe. O seu último traballo, Axúdame a sentir, reivindica o campo da festa e a alegría de vivir, pero o domingo en Santa Margarida non faltarán os seus temas máis populares, selo de identidade nestes últimos anos de andaina musical. “A xente atopará un directo que xa coñece: completamente acústico, entregado, enérxico, con moita vitalidade, que é algo implícito no noso folclore”, adianta.
Na programación da Romaría, porén, non son eles os únicos que están a desenvolver unha grande labor no eido da música tradicional e de raíz: o xoves, día 29, antecédeos no escenario Rodrigo Cuevas, axitador folclórico e artista total da tradición asturiana, e, xunto con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, o mellor exemplo do doce momento que viven as músicas populares hoxe. Foi precisamente en Galicia onde Rodrigo Cuevas entrou en contacto co folclore e puxo as primeiras pedras da súa creación musical. “Rodrigo é un amigo de lonxe, celebro os seus éxitos. Os países que se senten fachendosos das súas propias músicas, que constrúen músicas urbanas e contemporáneas cos pés metidos da tradición, van ter moita identidade. É algo que está pasando agora. A música moderna deixou de mirar cara as músicas anglosaxonas e empezou a mirar para o que temos na casa. Rodrigo, nós e moitos reivindicamos ese norte tan necesario na música popular”, reivindica.
- La alcaldesa de A Coruña destituye al concejal de Urbanismo ante el Icomos y como presidente de la comisión del plan de la Ciudad Vieja
- El barrio de A Coruña para huir de la nubosidad en el eclipse total de 2026: 'Aquí estamos por encima de las nubes
- Nueva batalla judicial por la cárcel de A Coruña: el Estado lleva al Ayuntamiento ante el Tribunal Supremo
- Preocupación entre los padres del alumnado de seis escuelas infantiles de A Coruña ante el cambio de gestión
- El histórico bar de A Coruña con una empanada casera que probó el Papa: 'Llegamos a vender 900 en un día
- La guía definitiva para ver el eclipse solar en A Coruña: recomendaciones, uso de las gafas y zonas a las que no se puede ir
- Sindicatos denuncian que empresas hosteleras de A Coruña ofrecen subidas salariales por no hacer huelga el día del eclipse
- La compra de un edificio de Greenalia impulsa la expansión hotelera en San Andrés, en A Coruña