O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre a conservación dos nosos ríos

Especies autóctonas no río Mandeo. / LOC
Cosme Damián Romay | Cousido Biólogo, en nome do G. N. Hábitat
Hábitat ven de activar a campaña Vixías dos nosos ríos, que ten por obxectivo xeral analizar a situación ecolóxica de quince cursos fluviais da provincia da Coruña. A avaliación realizarase mediante xornadas de voluntariado gratuítas, abertas ao público (*) ou en colaboración con outras entidades, e guiadas sempre por persoas expertas. Nelas empregaranse distintos indicadores da saúde dos ríos, tanto biolóxicos como fisicoquímicos, e avaliarase tamén o estado de conservación dos bosques de ribeira. A recollida de lixo e a eliminación de especies exóticas invasoras serán tamén importantes nesta campaña. Estas accións coordínanse con outras levadas á práctica por asociacións como ADEGA noutros puntos do territorio galego, e que, en conxunto, cobren unha porcentaxe apreciable dos cursos de auga do “país dos mil ríos”. Ademais de obter información científica, Vixías dos nosos ríos pretende trasladar á opinión pública a necesidade da preservación tanto dos treitos fluviais como das súas veigas, que serven como extraordinarios corredores ecolóxicos e importantes reservorios de biodiversidade. Identificaranse tamén puntos de verteduras líquidas e sólidas e caracterizaranse aqueles obstáculos innecesarios, que rompen a conectividade fluvial e son máis prexudiciais que beneficiosos para a biodiversidade. En relación con isto, coa recente aprobación do Regulamento (UE) 2024/1991 (Lei de restauración da natureza), emprenderanse proxectos para que un mínimo de 25.000 quilómetros de ríos da Unión Europea flúan libres, sen obstáculos, de aquí a 2030. Tamén se restaurarán todo tipo de hábitats naturais degradados, incluídos fluviais, con tres metas ambiciosas: rehabilitar o 30 % destes hábitats para 2030, o 60 % para 2040 e o 90 % para 2050.
Conclusión: esta é unha acción máis de Hábitat en favor da conservación dos nosos treitos fluviais, que sofren diariamente o impacto de todo tipo de verteduras, da expansión descontrolada de especies exóticas invasoras e duns manexos insostibles das súas ribeiras. O caso do bosque de ribeira é paradigmático: un hábitat considerado de conservación prioritaria pola Unión Europea (Directiva 92/43/CEE) é a miúdo destruído por cortas a feito, suplantado por estériles plantacións de eucalipto (infrinxindo a Lei de Montes de Galicia, 7/2012) ou invadido por todo tipo de especies exóticas invasoras. Mellorar o estado ecolóxico dos nosos ríos é algo no que a Unión Europea ven marcando o camiño desde o ano 2000, a través da Directiva Marco de Augas Nesta labor pode e debe participar toda a cidadanía europea.
(*) Podes colaborar entrando na páxina web: gnhabitat.org/proxecto-vixias-dos-nosos-rios. Este luns ás 20.30 horas haberá presentación do proxecto no local de Hábitat.
- Un veterano restaurante de A Coruña que mira hacia la ría
- El Estado tramita un cambio en la AC-12 para permitir edificar mil pisos en Monte das Moas
- O Puntal de A Coruña: un cocido con vistas al mar
- Así era la 'pequeña Ibiza coruñesa': una discoteca que revolucionó las noches de A Coruña en los 90
- El Concello de A Coruña cambiará el diseño de las terrazas de María Pita y regulará su mobiliario
- Una popular influencer viguesa visita A Coruña exclusivamente para probar 'la mejor tortilla de España': 'Es perfecta
- Un chef de vocación tardía por el que suspiran los amantes del buen comer
- Un irlandés deportivista de Belfast busca a su pandilla de A Coruña en los 70