O Grupo Hábitat opina

Sobre os lagartos do Portiño

Embarcadero do Portiño

Embarcadero do Portiño / Carlos Pardellas

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo, en nome do G. N. Hábitat

Tres pequenas “pirámides” feitas con laxes amontoadas dan a benvida ao Portiño a aquelas persoas usuarias do paseo marítimo da Coruña. Estas “pirámides” non forman parte dun singular parque escultórico, nin tampouco son unha excentricidade. Estes acúmulos pétreos son realmente refuxios de fauna, feitos aproveitando a renovación das laxes que conforman o chan do propio paseo marítimo. En efecto, moitos destes pesados rectángulos graníticos acabaron por agretarse e escachar co paso dos anos, provocando non poucos traspés e algunha caída de paseantes. A renovación era inevitable, pero había un problema “escamoso”: varias ducias de lagartos arnais (Timon lepidus) e lagartixas galegas (Podarcis bocagei) fixeron destas gretas no chan do paseo o seu fogar. O lagarto arnal está incluído tanto no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (*) como no Convenio de Berna de 1979. Protexida por este último convenio —de conservación da vida salvaxe europea— tamén está a lagartixa galega. Grazas a un fluído diálogo entre cidadanía, Concello da Coruña, a UTE encargada da obra (Infraestrutura Verde Lote 1) e o G. N. Hábitat, chegouse a unha solución tan novidosa como útil para todas as partes, e que se acometeu axilmente nos últimos meses. Consistiu primeiro no exame coidadoso da presenza de lacértidos baixo as laxes, retirando as rotas con coidado de non danar ningún animal. Os fragmentos de pedras residuais ían acumulándose un sobre outro en lugares tranquilos previamente seleccionados, deixando entre capa e capa de rochas o espazo suficiente para que atopen acubillo todo tipo de réptiles. Engadindo terra vexetal aos refuxios e instalando carteis explicativos fronte a estes, déronse por rematados os novos hábitats de lagartos e lagartixas. Aos poucos días, estas “pirámides” xa rebulían cos novos inquilinos: ata dezaoito lagartos foron contados nunha soa xornada nun dos refuxios! Varias especies de caracois, escaravellos, arañas e mesmo algúns grilos tamén tomaron posesión destes tres baluartes da biodiversidade coruñesa. E agardamos que máis especies aparezan nos próximos meses ou anos. Unha delas, o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) está incluído nos anexos II e IV da Directiva de Hábitats (**), estando por este motivo estritamente protexido a nivel europeo.

Conclusión: o diálogo entre administración, ONG e cidadanía é necesario para salvagardar os últimos redutos de natureza salvaxe de contornas urbanas como A Coruña. Cómpre ter presente que a elaboración de “pirámides” de pedra é apenas un pequeno xesto a prol da conservación dun pequeno número de especies protexidas (neste caso réptiles), pero que hai moitos outros seres vivos necesitados de accións decididas de conservación.

(*) Real Decreto 139/2011, de 4 de febreiro.

(**) Directiva 92/43/CEE.

Tracking Pixel Contents