O patrimonio natural dun faro universal

O Plan Especial da Torre, unha guía para integrar patrimonio, natureza e urbanismo

O concelleiro de Urbanismo, o director da Etsac e a directora da Torre conversan con LA OPINIÓN sobre a transformación da contorna do faro, cuxa tramitación xa avanza

Francisco Díaz, Ana Santorun e Miguel Abelleira, na sede de LA OPINIÓN. | Carlos Pardellas | CARLOS PARDELLAS

Francisco Díaz, Ana Santorun e Miguel Abelleira, na sede de LA OPINIÓN. | Carlos Pardellas | CARLOS PARDELLAS

B.C.

O Plan Especial da Torre suporá a grande transformación da contorna do faro, con criterios que respecten a paisaxe, o patrimonio e cunha edificabilidade menor que a que permite a ordenación actual. O equipo redactor do plan xa ultima o documento para a súa aprobación inicial. O Concelleiro de Urbanismo, Francisco Dinís Díaz; a directora da Torre de Hércules, Ana Santorun, e o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura, Miguel Abelleira, conversan con LA OPINIÓN dos obxectivos e perspectivas da nova ordenación.

A transformación

Francisco Dinís Díaz. No plan xeral de 2013 delimitouse un ámbito de plan especial para ordenar a edificabilidade que xa viña de plans anteriores e que estaba prevista na zona. Polo medio, hai un acordo plenario en 2017 que fala de reducir e incluso de eliminar a edificabilidade prevista no ámbito. Con este plan especial estamos na fase de borrador no que se propoñen unha serie de alternativas. A que o Goberno municipal escolle é unha na que se reduce ao máximo a edificabilidade prevista, deixando só os metros cadrados que si que están comprometidos, consolidados por parte dos propietarios do solo, que son moi poucos. É menos do 20% do que estaba previsto, e concentrados, ademais, nun único edificio, que non tapa a Torre nin causa prexuizo paisaxístico, e nunha mazá en Monte Alto, que permite sacar a edificabilidade do entorno da Torre e levala a unha zona consolidada. O que introduce son os temas que plantexou o Icomos e demais organismos: minimizar o impacto da cidade deportiva da Torre, eliminar o aparcadoiro aos pés e movelo, como propón o plan, á zona onde estaba a chatarrería antiga.

Miguel Abelleira. Un dos proxectos principais sería a manterialización do aproveitamento tras os acordos cos promotores, que hai que cumplir como se pactou. É un conxunto paisaxístico, cunha serie de valores patrimoniais, históricos, arquitectónicos, pero tamén de carácter ambiental. Aí entramos con todos os ámbitos que son obxecto de construción: camiños, pavimentos, mobiliario urbano, tratamentos brandos con verde. Unha das cousas que creo que estarán ben é trasladar o volume do frontón, que está diante dos espazos polideportivos da zona, a Durmideiras, aproveitando a topografía, cun impacto paisaxístico moi suave. O traslado do aparcadoiro está realmente ben; e outra cousa que está prevista, que é suprimir a inmensa glorieta do acceso, quere dicir que ao final o que me atrae de todo isto é que é un plantexamento de carácter integral. A paisaxe é un elemento fundamental a ter en conta no planeamento, no entendemento de que a cidade que queremos construir entre todos ten que ter en conta os valores paisaxísticos, porque son determinantes. Como peóns, cando nos movemos polo paseo marítimo, estamos nunha zona cunha paisaxe marabillosa, enriquecida cun elemento con valor histórico patrimonial como é o da Torre. Entendendo que todo isto pode mellorar nas esixencias que a Unesco plantexou cando proclamou a Torre como Patrimonio da Humanidade, se se leva a cabo todo isto, quen gaña é a cidade.

Ana Santorun. Dende o punto de vista da Torre, o que se trata é de ter unha normativa clara, que teña como centro á Torre. Tanto a paisaxe como o patrimonio deben ser os que dirixan ese planeamento e non o revés. É moi importante o traslado da zona de aparcamento, porque é un dos elementos máis conflitivos na zona da Torre. Eu engadiría unha cousa importantísima, a renaturalización de moitos espazos. Este espazo natural de interés local que temos arredor da Torre vaise ver enriquecido coa renaturalización de certos espazos. A natureza, a paisaxe e o patrimonio teñen que ir da man e teñen que ser o centro arredor do cal se estruture esta normativa. Hai zonas que agora están ocupadas por construcións, como é o aparcamento dun lado e o frontón de outro, que nalgún momento terán que desaparecer e deixar paso á natureza. Natureza é natureza, non unha praza, nin un xardín. A Torre está no medio da natureza. Gústame subliñar isto, porque hai unha idea mal aprendida entre a cidadanía que é que o que hai arredor da Torre é un parque. Non, é natureza, coas súas propias dinámicas, e hai que respectalas.

Posible impacto paisaxístico

F.D.D. Está nunha fase moi embrionaria. Todo o que hai que pulir na tramitación, na aprobación inicial, nas alegacións e aprobación provisional irase facendo segundo que a Xunta e outros sectoriais nos digan, e tamén o que os expertos afonden das alegacións. Dase unha circunstancia positiva na conservación e no simbolismo da Torre, que é unha zona natural pero moi usada pola cidadanía. A cidade deportiva da Torre é un dos equipamentos que máis usa a cidadanía. O bo é ter esas dotacións, esas infraestruturas, pero adaptadas con criterios do século XXI e de naturalización. O Icomos falaba de eliminar peches da cidade deportiva, do frontón, a redución de carrís; pero todo ten que compatibilizarse cun uso cidadán que é o que dá vida á Torre.

A.S. É unha oportunidade, precisamente, para que a propia cidadanía vexa que unha cidade mediana, como é A Coruña, ten a natureza de verdade a 20 minutos. En 20 minutos estás no medio da natureza.

M.A. Sen discutir o valor da natureza, que non hai dúbida de que a xeografía da nosa cidade é un prodixio, o que outorga valor diferencial é unha actividade humana como é o feito da construción da Torre, como emblema, como símbolo, como significado. Ten un valor que cualifica o seu lugar. Pero non estritamente o promontorio, adecuado para un edificio utilitario, un faro de sinais marítimas, senón que a propia historia da Torre, sexa real ou lexendaria, fai que o ámbito de intervención transcenda o ámbito inmediato do plan especial e vaia á totalidade da cidade. Tendo a sorte de que estamos nun paraxe natural que se conserva enteiro, con pequenas intervencións, estamos ante unha oportunidade na que é fundamental como se fan as cousas. A diferenza non está en que facemos, senón en como. Mesturando a potencia da natureza coa intervención humana, cando isto saia adiante e toda esta actuación se materialice, podemos ter unha zona natural apra disfrutar, pero chea de significado a partir do emblema da Torre.

A.S. Dende a Unesco hai xa tempo que se insiste en superar as barreiras entre o patrimonio natural e histórico. Na Torre témolo facilísimo.

Continuidade coa cidade

M.A. A Torre ten unha importancia que transcende ao ámbito inmediato; incluso en termos xeográficos. A dinámica urbana fixo que se construira no que hai 200 anos estaba baleiro. Pola propia historia da cidade, e polas condicións meteorolóxicas nunha zona venteada, esta foi unha parte que, historicamente, tardou máis en desenvolverse. A cidade creceu cara a Pescadería, pola topografía, pola xeografía, por todo. Non podemos entender isto como un elemento illado, senón unha integración paulatina. Trátase de facer unha convivencia suave. A clave é como o facemos. Non podemos pensar a Torre como un elemento illado. A cidade crece, e o que temos que facer é controlar ese crecemento. Lamentablemente, nos anos 60 e 70 nesta cidade tivemos exemplos de como as cousas se fixeron de calquera maneira. Todos, como cidadáns, temos que poñernos de frente a ese modo de planificar.

F.D.D. O plan especial é a última fronteira entre a cidade e a Torre, a que vai marcar eses límites e ver como se pecha esa edificación. Desa fronteira para adiante xa non se vai edificar máis. A Torre ten presencia en toda a cidade, pode afectar a máis ámbitos. O Plan especial vai delimitar ata onde chega a cidade e onde empeza o ámbito de protección, onde empeza esa ordenación máis detallada.

M.A. O planeamento é a primeira ferramenta, despois están as materializacións concretas. Este plan especial dinos que hai que facer, o paso seguinte é o como. Aí é fundamental a realidade na que se construen os elementos. Nesta cidade, simplemente coa construción de todos os planos do paseo marítimo, vese que non todos son iguais. A cidadanía é consciente de cal está mellor. Temos claras as regras do xogo, aproveitemos a oportunidade e xoguemos ben. Fálase dos equipamentos terciarios, pode plantexarse un concurso de ideas. Teño que reivindicar o meu papel na Escola de Arquitectura, que forma a persoas que demostraron capacidade suficiente como para que esta cidade non acepte calquera cousa. Temos que conseguir que á cidadanía non lle dea igual que as cousas se fagan dun xeito ou doutro.

F.D.D. Os mecanismos de participación que están contemplados pola lexislación son amplos, e son suficientes. Ao mellor si que pode ter cabida un proceso participativo fora da lei urbanística en proxectos concretos. Hai moitos proxectos parados fóra do Plan Especial. Cando haxa que reformular a cidade deportiva , ao mellor é o momento para consultar entre usuarios e cidadanía como ten que ser ese proceso, ou outros.

A.S. Gústame a palabra proceso, porque ás veces, dende os medios, trasládase a sensación de que isto é un proxecto que empeza mañá e remata en cinco anos. Entramos a quitar o aparcadoiro, facemos tal cousa.. isto non é así, é un instrumento de planeamento e a ferramenta que hai para que cando se traballe nesa zona, se desenvolvan as ideas que están metidas nese planeamento se poidan hacer con planificación.

F.D.D. É bo que a cidadanía entenda as regras do xogo do Plan Especial para entender como se vai ir transformando esa zona. Recordamos do Concello cando chamaban polas zonas verdes da Torre e preguntaban cando iamos pasar o cortacéspede. É que non é un parque, é unha zona verde nun entorno natural. Se foi difícil explicar iso, imaxina explicar outras transformacións que van ter que ocurrir. Por que aparcar aquí e non os pés da Torre, por exemplo.

A.S. Cando pase iso, vai haber debate, porque é moi difícil, xa hoxe, aparcar os pés da Torre, sobre todo cando hai actividades na cidade deportiva. Cando traslades, aínda que teñamos máis espazo, vai haber moita xente que non o vai entender. Se vas á Torre Eiffel, tampouco podes aparcar aos pés.

Comunicar as transformacións

F.D.D. Entendo que é complicado para a xente que non traballa no urbanismo explicar estes procesos. Ao mellor, cando lanzamos en urbanismo un tema que é para dentro de 5 ou 10 anos, que ao mellor non estou nin eu aquí xestionando este tema, a xente pensa que é algo inmediato. A edificabilidade queda só cerca do 10% da prevista, que é unha edificabilidade que, tras estas décadas de consolidación de dereitos da xente que ten propiedades, ten que ser así. Senón, habería que pagar unhas cantidades que farían difícil ao mellor facer a inversión de mellora do entorno da Torre. É unha edificabilidade de menor impacto, na zona de Monte Alto, que xa está toda construida, e o outro edificio pegado a Durmideiras tamén, cun traballo de equipo redactor que se asegura de que ese edifcio non teña impacto visual. Van ter menos impacto sobre a Torre que esas luminarias que están no paseo.

M.A. Isto é unha opción estupenda para continuar coa pedagoxía da cidadanía. Con Fran como concelleiro, dende a Escola temos experiencia da Semana da Arquitectura, con diferentes temas, cos que se pretende acercar á cidadanía todas as cuestións arquitectónicas importantes que temos na cidade, para que a xente as coñeza e as entenda. Ao mellor, no momento que sexa, pode organizarse unha conferencia ou unha pequena exposición, con imaxes do que había antes, do que hai e do que pode haber. Eu creo que é a oportunidade para que a cidadanía poda achegarse e, dende o coñecemento, poida ser máis esixente coas intervencións na cidade. Iso non significa poñer a proba e intentar que non se faga nada, senón que se explique e se comprenda, a través dunha labor pedagóxica.

O futuro do cárcere

F.D.D. Cando se fala de bens patrimoniais nesa contorna, fálase exclusivamente da Torre, pero tamén está o cárcere, que dende logo hai que poñer en valor. Fíxose unha proposta que recollía ese bagaxe previo das decisións. Chegouse a un acordo co Goberno que o pleno rexeitou, e agora está volvendo a negociarse esa cesión cunha solución que sexa o menos gravosa posible, tendo en conta que despois haberá que facer unha inversión en rehabilitación moi elevada. Está en moi mal estado, é un edificio que non se construir cunhas calidades moi boas, e nun entorno moi afectado polo ambiente marino. Estase traballando niso, na recuperación do antiga cárcere para a cidade nas mellores condicións, na procura dun uso que poida darlle vida ao edificio.

M.A. O cárcere construese aqui porque isto era o extrarradio da cidade. As cidades, a partir do XIX, dótanse de equipamentos. Hai equipamentos que todo o mundo quere preto da casa: un teatro, unha biblioteca. Pero a cidade precisa outros, como matadoiros, cárceres, ou outros equipamentos que non queremos ao lado da porta. O cárcere non se vía. Chega un momento no que se construe unha nova prisión, fóra. Tan fóra que a levan a Teixeiro, practicamente no medio da nada. Cando nos atopamos cunha peza considerable que, aparte do seu valor per se, ten un valor simbolico, que facemos? Como podemos poñer en valor todo o significado do cárcere na contemporaneidade, como valor simbólico e arquitectónico? As administracións teñen que chegar a un consenso para recuperar este equipamento para a cidade. Acertar co uso, que teña sentido recuperalo.

A.S. Ese é un valor simbólico que ten que ver coa Torre. A luz da Torre chegaba ao cárcere, é un valor que hai que saber transmitir. Un posible centro de interpretación alí? O centro é unha necesidade da Torre. Temos un, provisional, dende hai 15 anos. Fundamentalmente, ademais da provisionalidade, a envergadura da Torre require uns equipamentos que se correspondan co Patrimonio Mundial.

Tracking Pixel Contents