Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras: "Non son un individuo, son herdeiro dunha tradición"

O escritor coruñés confesa a súa incredulidade cando recibiu a chamada do ministro anunciándolle o galardón: "Pensei que era un amigo de Sada tomándome o pelo"

Convértese no primeiro galego en recibir o premio

El escritor Manuel Rivas, Premio Nacional de las Letras 2024, este martes en Sevilla.

El escritor Manuel Rivas, Premio Nacional de las Letras 2024, este martes en Sevilla. / EFE

"Cando recibín a chamada, pensei que era un amigo que teño en Sada, moi bromista, tomándome o pelo. Pero non, era o ministro de Cultura". Acababa de saber que fóra distinguido co Premio Nacional das Letras 2024, pero a Manuel Rivas (A Coruña, 1957) non lle saían as palabras. "Non souben que dicir. Foi completamente inesperado", comenta, en conversa con LA OPINIÓN, dende a Feira do Libro de Sevilla, onde recibiu, "baixo a treboada", a boa nova. Os motivos da escolla falan con elocuencia do escritor, ensaísta, poeta e xornalista e da súa pegada universal, que acadou sen renunciar á súa lingua nin aos valores diferenciais de Galicia marco. "Pocos autores del panorama literario español, partiendo de un compromiso firme con su lengua, han conseguido alcanzar tal reconocimiento a nivel mundial", destaca o xurado, para quen tamén pesou o "activismo" de Rivas, inherente á súa figura e á súa escrita. El normaliza o vínculo. "Se traballas coas palabras, como te vas desentender diso que as palabras nomean. Vivimos nun tempo no que domina a linguaxe imperativa, que pavimenta o camiño cara o odio, o temor semántico. A palabra literaria é a pulsión do desexo fronte a morte, fronte a pulsión destrutiva", simplifica.

O autor de clásicos como O lapis do carpinteiro, A lingua das bolboretas ou Un millón de vacas, declarado deportivista e orgulloso natural do barrio de Monte Alto, únese á xa longa listaxe de Premios Nacionais que persoeiros galegos -e coruñeses- foron acadando, sobre todo, nos últimos anos, como as poetas Yolanda Castaño, Chus Pato ou Olga Novo; a autora de cómic Bea Lema, os escritores Marilar Aleixandre ou Xesús Fraga ou o ensaísta Alfredo González Ruibal. Ao mesmo tempo, racha coa seca de 40 anos no galardón específico das Letras, que ata o momento nunca fora outorgado a un galego. "Para min é algo compartido. O oficio da literatura e a cultura non é para competir, senón para compartir. É un traballo solitario, pero unha soidade acompañada. A primeira ferramenta que temos, moito mellor que calquera tecnoloxía, é a escoita. Escríbese en soidade, pero eu síntome herdeiro, non son un individuo", defende. O seu nome completa un palmarés no que figuran escritores como Gabriel Celaya, Francisco Umbral, Carmen Martin Gaite, Buero Vallejo, Vázquez Montalbán, Ana María Matute o Juan Goytisolo.

Rivas recoñécese herdeiro dunha tradición, a das Letras Galegas, que entende como "liberadora", especialmente nun momento, lembra, na que a regresión de falantes ameaza con colocar a lingua galega nun curruncho da esfera social. "Para min o máis importante deste premio é o que ten de valor para a lingua, que vive nunha situación de emerxencia. Isto é como formar parte dun carreiro de vagalumes, non estás só. Das luz porque hai transmisión e acordo entre xeracións", sinala.

No seu propio caso, a obra de Rivas escenifica a unión entre o local e universal, bebe de valores diferenciais galegos, mergúllase no humor popular e nas historias propias, emprega Galicia como centro e non como periferia e non renuncia o idioma, e non por iso perde proxección internacional. Tampouco de vixencia ou compromiso. "Estando en Galicia podes levar o mundo na cabeza. O universal é o local sen paredes. Como un faro no que os lampos de luz non discriminan. A cultura é semellante á biodiversidade, hai esas visións parvas de pensar que o cosmopolitismo é andar moito polos aeroportos. Non, iso é cosmopaletismo. Hai xente que se define cosmopolita pero se desentende do que ten arredor, do próximo", manifesta.

Tracking Pixel Contents