Manuel Rivas: «Non son un individuo, son herdeiro dunha tradición»
O escritor coruñés, primeiro galego en recibir o Premio Nacional das Letras, reivindica a creación universal dende o local: «Estando en Galicia podes levar o mundo na cabeza»
«Cando recibín a chamada, pensei que era un amigo que teño en Sada, moi bromista, tomándome o pelo. Pero non, era o ministro de Cultura». Acababa de saber que fora distinguido co Premio Nacional das Letras 2024, pero a Manuel Rivas (A Coruña, 1957) non lle saían as palabras.
«Non souben que dicir. Foi completamente inesperado», comenta, en conversa con LA OPINIÓN, dende a Feira do Libro de Sevilla, onde recibiu, «baixo a treboada», a boa nova. Os motivos da escolla falan con elocuencia do escritor, ensaísta, poeta e xornalista e da súa pegada universal, que acadou sen renunciar á súa lingua nin aos valores diferenciais de Galicia marco. «Pocos autores del panorama literario español, partiendo de un compromiso firme con su lengua, han conseguido alcanzar tal reconocimiento a nivel mundial», destaca o xurado, para quen tamén pesou o «activismo» de Rivas, inherente á súa figura e á súa escrita. El normaliza o vínculo. «Se traballas coas palabras, como te vas desentender diso que as palabras nomean. Vivimos nun tempo no que domina a linguaxe imperativa, que pavimenta o camiño cara o odio, o temor semántico. A palabra literaria é a pulsión do desexo fronte a morte, fronte a pulsión destrutiva», simplifica.
Recoñéceo así tamén o ministro de Cultura, Ernest Urtasun que definiu a Rivas como «de esos escritores que aviva, con su obra, el fuego originario de las palabras. Representa la esperanza, la memoria y el poder de la literatura para transformar el mundo. Y por todo ello, el Ministeiro de Cultura le otorga hoy el Premio Nacional de las Letras 2024», sinalou o titular do ministerio.
Entre as súas obras máis destacadas están Que me queres, amor? (1995), recoñecido co Premio Nacional de Narrativa e que contén o conto A lingua das bolboretas, que levou ao cinema José Luis Cuerda e que contou coa actuación de Fernando Fernán Gómez.
Autor de clásicos como O lapis do carpinteiro (1998),enmarcada na Guerra Civil, ou Os libros arden mal, a súa grande novela coruñesa, Rivas, declarado deportivista e orgulloso natural do barrio de Monte Alto, únese á xa longa listaxe de Premios Nacionais que persoeiros galegos —e coruñeses— foron acadando, sobre todo, nos últimos anos, como as poetas Yolanda Castaño, Chus Pato ou Olga Novo; a autora de cómic Bea Lema, os escritores Marilar Aleixandre ou Xesús Fraga ou o ensaísta Alfredo González Ruibal. Ao mesmo tempo, racha coa seca de 40 anos no galardón específico das Letras, que ata o momento nunca fora outorgado a un galego. «Para min é algo compartido. O oficio da literatura e a cultura non é para competir, senón para compartir. É un traballo solitario, pero unha soidade acompañada. A primeira ferramenta que temos, moito mellor que calquera tecnoloxía, é a escoita.
Escríbese en soidade, pero eu síntome herdeiro, non son un individuo», defende. O seu nome completa un palmarés no que figuran escritores como Gabriel Celaya, Francisco Umbral, Carmen Martin Gaite, Buero Vallejo, Vázquez Montalbán, Ana María Matute o Juan Goytisolo.
Rivas recoñécese herdeiro dunha tradición, a das Letras Galegas, que entende como «liberadora», especialmente nun momento, lembra, na que a regresión de falantes ameaza con colocar a lingua galega nun curruncho da esfera social. «Para min o máis importante deste premio é o que ten de valor para a lingua, que vive nunha situación de emerxencia. Isto é como formar parte dun carreiro de vagalumes, non estás só. Dás luz porque hai transmisión e acordo entre xeracións», sinala.
No seu propio caso, a obra de Rivas escenifica a unión entre o local e universal, bebe de valores diferenciais galegos, mergúllase no humor popular e nas historias propias, emprega Galicia como centro e non como periferia e non renuncia o idioma, e non por iso perde proxección internacional. Tampouco de vixencia ou compromiso. «Estando en Galicia podes levar o mundo na cabeza. O universal é o local sen paredes. Como un faro no que os lampos de luz non discriminan. A cultura é semellante á biodiversidade, hai esas visións parvas de pensar que o cosmopolitismo é andar moito polos aeroportos. Non, iso é cosmopaletismo. Hai xente que se define cosmopolita pero se desentende do que ten arredor, do próximo», manifesta.
- Una embestida en el cruce de ronda de Outeiro con avenida de Gran Canaria se salda con un taxista herido
- Renfe cambiará los trenes del Eje Atlántico por otros más lentos y con menos asientos
- Cuántica para una Estrella Galicia más sabrosa y sana
- Los nuevos usos de la atalaya de San Roque, en pausa
- El Concello saca a subasta forzosa el edificio en ruinas de la calle Damas de A Coruña
- Oleiros y A Coruña acuerdan la extensión del bus 1A hasta Santa Cristina
- El Chuac de A Coruña amplía en medio centenar sus camas en la ‘antesala’ del pico de gripe
- La comunidad de sirios en A Coruña: «Aún hay muchos grises y miedo»