Máis tabernas e menos museos!

Mural de Lugrís, en el antiguo restaurante Fornos.

Mural de Lugrís, en el antiguo restaurante Fornos. / VICOM/CEDIDA POR ABANCA

Rodrigo Osorio Guerrero | Colectivo lugrisán In Nave Civitas

Mentres o Concello da Coruña miraba para outro lado, a Xunta de Galicia decidiu comprar os frescos que Urbano Lugrís pintou no restaurante Fornos sen mercar o edificio, aínda que todo estaba a prezo de saldo. A decisión é xuridicamente discutíbel e na práctica vai rematar no absurdo de gastar (segundo os voceiros da administración autonómica) polo menos 300.000 euros en arrancar pola forza unhas pinturas murais, mutilar un espazo único e pechar nun museo unhas obras excepcionais que teñen todo o seu sentido ligadas o lugar no que foron pintadas.

Mercedes Sánchez Pons, profesora do Departamento de Conservación y Restauración de Bienes Culturales da Universitat Politécnica de València, especialista na conservación e restauración de pinturas murais, deixouno claro nun informe de febreiro de 2024: «De forma casi milagrosa, el conjunto mural que nos ocupa ha ido sorteando los avatares de los años y, a pesar de las reformas más o menos afortunadas del inmueble del que forman parte, se han conservado en su lugar de origen, manteniendo la función y el sentido concebido por el artista, ya que también este espacio ha continuado siendo usado como local de restauración. Este hecho dota a este lugar de una singularidad única, pues constituye una muestra viva del universo creativo de Lugrís. Estos valores son únicos y deberían ser conservados, al igual que la propia materia que constituye las pinturas». Lugrís creou un restaurante único e é nese espazo e con ese uso onde as pinturas brillan con todo o seu sentido.

Sigue o conselleiro de cultura pensando no Museo de Belas Artes como destino final dos frescos. Quere reconstruír o espazo do Fornos en Zalaeta? Reducir máis o cativo espazo expositivo do noso mellor Museo? Obrigarnos os seareiros das tabernas de Olmos a pisar un Museo? Vostedes entenden que non é o mesmo entrar na abafante e pesada acumulación de obras dunha pinacoteca, á que temos que ir á mantenta e cos ritos de seu, que atoparse coa marabilla do arte de Lugrís nun bar. O ribeiro, a caña, o albariño axudan a abrir as portas da percepción e entender de vez o mundo que se agocha tras os ollos de boi, a serea na súa trepidante caza do congro, o canto do narval, a danza de sol e lúa sobre a cidade da Coruña...

Podería ser a primeira dunha serie de tabernas artísticas e históricas de Galicia (como as de Buenos Aires ou Lisboa)? Podería. Pero, se as choivas que caeron dende xuño de 2021 e as que van caer até que alguén decida facer dunha vez algo, non acabaron xa con este espazo excepcional, os frescos rematarán nun almacén e só saíran unha vez cada década se algunha entidade bancaria decide facer unha exposición antolóxica. Teremos que nos conformar coa imaxe cada día máis borrosa que conservamos nos nosos corazóns e memorias. Nunca seremos quen de llo agradecer os nosos mandatarios.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents