O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre as consecuencias de non escoitar á ciencia
Cosme Damián Romay Cousido
Hoxe conmemórase o 40 aniversario do chamado “desastre de Bhopal”. Entre o 1 e o 3 de decembro de 1984, nesta rexión do centro da India, produciuse unha fuga masiva dun composto químico altamente tóxico (isocianato de metilo) desde unha fábrica de praguicidas. Morreron 25.000 persoas e medio millón viron a súa saúde afectada por este desastre ambiental e humano, que foi advertido nos anos precedentes por traballadores desta fábrica obsoleta e por ambientalistas locais, especialmente polo xornalista Rajkumar Keswani (1950–2021). As autoridades indias obviaron aquela advertencia. Tamén se ignoraron alertas previas ao “desastre de Aznalcóllar”, no oeste andaluz, no que a rotura dunha balsa mineira en abril de 1998 afectou seriamente a 4.400 hectáreas da contorna do Parque Nacional de Doñana e tamén ao propio parque.
As advertencias do mal estado da balsa, que desde 1994 ían transmitindo técnicos e ecoloxistas ao goberno andaluz, foron sistematicamente ignoradas. Algo similar aconteceu en outubro de 2010 coa rotura dunha balsa con residuos da fabricación de aluminio en Ajka (Hungría), que causou a morte de dez persoas e a contaminación de 40 quilómetros cadrados, incluíndo espazos naturais protexidos. Peor aínda foi o acontecido en Minas Gerais (Brasil): en novembro de 2015 máis de 40 millóns de metros cúbicos de residuos altamente contaminantes saíron dunha presa mineira, causando 19 mortos e máis de medio millón de damnificados. Estes precedentes non impediron que o goberno galego publicara unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) “favorable” para o recrecemento da balsa de residuos mineiros irritantes e corrosivos (“lodos vermellos”) de Xove, na Mariña luguesa. Nesta DIA dise que “revisada a documentación en relación coa avaliación dos efectos derivados da vulnerabilidade do proxecto ante riscos de accidentes graves ou catástrofes que incidan no proxecto, se estima que son elevados”. Dito doutro xeito, desde a administración galega dáse o visto bo a unha balsa mineira que acolle centos de metros cúbicos de lodos irritantes e corrosivos e que posúe un elevado risco de accidente. Ogallá Xove non se una a Bhopal, Aznalcóllar, Ajka e Minas Gerais na lista de desastres ecolóxicos evitables.
Conclusión: o G. N. Hábitat considera que se debe reverter a DIA favorable da balsa de lodos vermellos de Xove, e proceder á súa clausura urxente e non ao seu recrecemento, cun mantemento posterior que garanta a súa estabilidade xeotécnica e un tratamento efectivo dos residuos. Só deste xeito podería evitarse un desastre ecolóxico de primeira orde na Mariña luguesa.
Suscríbete para seguir leyendo
- Julio Llamazares, en A Coruña: «España será normal cuando se hable de la Guerra Civil como un pasaje histórico»
- La apertura de la pasarela con acceso para coches sobre la intermodal de A Coruña está prevista para 2030
- La nueva estación de autobuses de A Coruña encara la recta final de la obra con la estructura acabada
- El baile de Os Mallos es «la mejor medicina» vecinal
- Cancelado el concierto de Anuel AA este domingo en el Coliseum de A Coruña
- Uno de los planes más esperados de la Navidad regresa a A Coruña
- La compra de edificios enteros en la ciudad aumenta por el tirón de la vivienda turística
- No querían que siguiera en el negocio, ahora lo dirige: la encargada de Komo Sushi en A Coruña