Touriñán e Carlos Blanco fan historia no Teatro Colón da Coruña
Os dous cómicos enchen as oito funcións de ‘Somos Criminais e punto final’ programadas para estes últimos días do ano
É a primeira vez na historia que un espectáculo galego agota as entradas oito funcións consecutivas no teatro coruñés
B.C.
Era o ano 2018 cando Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán decidiron xuntarse e facer un gran espectáculo de comedia. Por separado, ambos cómicos xa estaban acostumados a encher teatros e auditorios e contaban xa cunha base de seguidores moi fiel, pero o que pasou a continuación foi algo nunca visto ata o momento.
Nacía Somos Criminais, un espectáculo que aspiraba precisamente a iso, a ser un gran espectáculo. Baixo a dirección de Tito Asorey, Blanco e Touriñán crearon unha proposta escénica que resultou o éxito de público máis grande do teatro galego nos últimos tempos. Somos Criminais converteuse no 2020 na primeira obra de teatro en realizar un pase en streaming, unha novidosa proposta que vendeu 10.000 pases únicos. En 2021, Touri e Carlos presentaban unha nova entrega de Somos Criminais que chamaron Somos Criminais 3, xa que, nas súas propias palabras, “segundas partes nunca foron boas”. De novo, o éxito foi tremendo e volveron encher teatros por toda Galicia, facendo ata seis funcións consecutivas en varios lugares.
Seis anos despois desa idea e superada con creces a barreira dos 100.000 espectadores, Touriñán e Carlos Blanco regresan á Coruña con Somos Criminais e punto final, o terceiro espectáculo do proxecto máis exitoso do teatro galego. E, como xa vén sendo habitual, o público coruñés esgotou en poucas semanas as funcións dispoñibles (oito en total) que terán lugar no Teatro Colón do 27 ao 30 de decembro.
É a primeira vez na historia que o teatro Coruñés programa oito funcións consecutivas dunha obra galega, unha proeza nun contexto no que rara vez se repite un pase no mesmo teatro e contadísimas ocasións se superan os dous días en cartel. A primeira remesa de entradas para o Colón esgotouse ás poucas horas de saír á venda no mes de outubro, o que motivou ampliar as funcións ata o total de oito. Nesta ocasión, máis de 6.700 espectadores gozarán de Somos Criminais e punto final’ no Teatro Colón, un número que agranda os récords superados durante estes anos por Somos Criminais.
En Somos Criminais, Carlos e Touri buscaban a esencia dos crimes galegos e as súas particularidades, en Somos Criminais 3, intentaban averiguar cal era a esencia que facía que os galegos fósemos criminais, pero no sentido bo da palabra. Agora, en Somos Criminais e punto final, os dous cómicos están ao mando dunha misión espacial que busca salvar da extinción todo aquilo que nos fai ser como somos.
Para quen quedou sen entrada, o espectáculo estará o 11 e 12 de xaneiro en Pontevedra e pechará a súa xira no Pazo da Cultura de Narón os días 17 e 18 de xaneiro.
- Un popular influencer gastronómico visita 'el templo de los chuletones' de A Coruña: 'Se deshace en la boca
- Los hosteleros de A Coruña tendrán que mostrar en sus locales la autorización y plano de la terraza
- A la venta por 128.000 euros un piso de tres habitaciones en O Castrillón
- Una grúa de grandes dimensiones se cae del camión que la transportaba en Pocomaco
- Un accidente múltiple en Alfonso Molina causa casi una hora de retenciones de salida
- Personal del hospital de A Coruña protesta por la «nefasta gestión» en el traslado a ExpoCoruña
- Los cañones diseñados para Brasil que terminaron en el Monte de San Pedro de A Coruña
- Herido en un patinete al ser alcanzado por un turismo junto al parque de Oza