Un ‘show’ de récord: 25.600 persoas no Colón

Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco esgotan as entradas das oito funcións consecutivas do espectáculo ‘Somos criminais e punto final’. «É espectacular. O da Coruña non ten moito sentido», comentan os humoristas

Xosé A. Touriñán, Inés Rey e Carlos Blanco, onte no teatro Colón. |  Casteleiro / Roller Agencia

Xosé A. Touriñán, Inés Rey e Carlos Blanco, onte no teatro Colón. | Casteleiro / Roller Agencia

O de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán é doutro planeta. Aí están os números para demostralo: oito funcións de Somos Criminais consecutivas e 25.600 entradas vendidas. Un récord no teatro Colón. «É espectacular. O da Coruña non ten moito sentido. Cada vez que vimos, cheo, cheo e cheo. Son oito funcións porque non tiñamos máis días na semana», conta Touriñán.

Onte foi o primeiro día de Somos criminais e punto final. «Agradezo especialmente ás persoas que compran arriba de todo, cando xa non quedan entradas. Cando nos aplauden, miro moito para alí. Ten moito mérito», confesa Blanco, que ten unha historia especial co Colón: «Ten un antes e un despois na miña carreira. Aquí gravei os DVD hai doce anos. É especial volver e encher».

Para Touriñán, é «como xogar en Riazor». «Impresiona moito, pero é marabilloso traballar cos teatros cheos», manifesta o humorista.

As oito funcións consecutivas e os 25.600 espectadores non pasan desapercibidos para a alcaldesa, Inés Rey, que sinalou que os dous cómicos son «garantía de éxito». «A Coruña sempre responde, peor faino dunha maneira que hai tempo que non víamos», contou a rexedora. Esta é a primeira vez que un espectáculo de humor no Colón presenta cheo en todas as funcións durante oito pases consecutivos.

Dirixida por Tito Asorey e con textos de José L. Prieto, Somos criminais e punto final amosa sobre as táboas a Blanco e Touriñán ao mando dunha misión espacial moi particular. Os humoristas serán os encargados de que na súa nave, rumbo a outro planeta, todo o patrimonio material e inmaterial de Galicia. Para os que non conseguiron entrada, os humoristas abren a porta a un regreso á Coruña. Haberá que esperar.

Tracking Pixel Contents