O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre o Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental
Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo, en nome do G. N. Hábitat
O pasado xoves fixo un ano da publicación no Boletín Oficial do Estado da orde coa que se declaraba unha zona de especial protección para as aves mariñas (ZEPA mariña): o Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental (*). Establecíase, así, unha área de case millón e medio de hectáreas na contorna marítima desde a península do cabo Peñas, en Asturias, ata a desembocadura do río Miño, converténdose nese momento nunha das principais reservas naturais do litoral do suroeste de Europa.
A área protexida chega ata as 12 millas náuticas da costa, e protexe tamén a metade externa de case todas as rías galegas. Nas proximidades da cidade da Coruña, cómpre destacar que esta ZEPA mariña abrangue as rías de Ares, Betanzos, A Coruña e mesmo a totalidade da ría do Burgo, se ben quedan fóra a ría de Ferrol e os portos da Coruña e de punta Langosteira.
Os valores naturais son indiscutibles: poboacións relevantes a escala mundial de máis de trinta especies de aves mariñas protexidas (varias delas ameazadas, como o furabuchos balear —Puffinus mauretanicus—) pasan cada ano por esta faixa marítima nas súas migracións. Tamén existen importantes continxentes invernantes de moitas delas, e as poboacións reprodutoras de aves ameazadas como o corvo mariño cristado (Gulosus aristotelis) teñen relevancia no contexto español. Así e todo, esta ZEPA mariña carece aínda dun instrumento de xestión específico, nun momento no que as competencias administrativas do litoral están transferíndose ao goberno galego.
Aínda quedan moitos aspectos por aclarar en relación con esta ZEPA: por exemplo, a xestión das chamadas augas interiores (aquelas que teñen como límite exterior a “liña de base”, que une os cabos máis prominentes da costa galega), que son asumidas pola Xunta de Galicia para cuestións pesqueiras pero non para conservación da natureza. En todo caso, a declaración hai un ano da ZEPA mariña do Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental dá xa un poderoso argumento para reclamar a conservación efectiva non só das aves mariñas que motivaron a súa declaración, senón de todos os valores naturais desta faixa marítima.
Conclusión: o G. N. Hábitat considera moi positiva a declaración da ZEPA mariña do Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental hai xusto un ano, pero reclama celeridade ás administracións públicas para redactar e aprobar un plan de xestión específico que permita avanzar na protección efectiva da súa biodiversidade.
- La borrasca Éowyn traerá a A Coruña fuertes lluvias y vientos
- Una influencer de moda desvela sus tres tiendas favoritas de A Coruña para comprar ropa de segunda mano: 'Tesoros a un precio bajísimo
- Sábado accidentado en A Coruña con tres siniestros, uno con tres heridos
- Ingresa en prisión un vecino de Cambre acusado de suministrar droga a otros vendedores en la provincia
- A Coruña cierra las instalaciones deportivas exteriores por el temporal
- La Xunta alerta de que una parte de la vivienda vacía en A Coruña está en estado ruinoso
- A Coruña supera los 250.000 habitantes por primera vez en 30 años
- Eroski abre su nuevo establecimiento en Xuxán