O Grupo Naturalista Hábitat opina

Sobre os retos ambientais do 2025 na contorna da Coruña

Ría do Burgo, logo da rexeneración.

Ría do Burgo, logo da rexeneración. / LOC

Cosme Damián Romay Cousido, biólogo en nome do G.N. Hábitat

Comeza 2025 e o G. N. Hábitat ten a mente posta en varios retos ambientais para o novo ano, catro deles na Coruña e comarca:

-Primeiro, a loita contra as especies exóticas invasoras. Nisto destaca o Espazo natural de interese local (ENIL) da Torre de Hércules, lugar onde máis intensamente se acometen accións encamiñadas a eliminar invasoras. Como exemplo, a uña de gato (xénero Carpobrotus), especie sudafricana que invade o noso litoral e da que, tras sete anos de traballo, logramos eliminar máis da metade da súa cobertura no ENIL.

-Segundo, a (re)naturalización de espazos dentro da cidade. Neste caso, hai tres puntos quentes para 2025: 1) o Porto da Coruña, coa petición do G. N. Hábitat de reservar unha pequena porcentaxe dos terreos portuarios para rehabilitar a desembocadura do río de Monelos, cun espazo verde adaptado á crecida do nivel do mar e que permita revivir o castelo de San Diego; 2) o treito entubado do río de Monelos entre Pocomaco e a avenida Salvador de Madariaga, coa meta de sacalo á superficie nalgúns treitos (creación de parques asolagables como La Marjal en Alacante); e 3) o parque de Bens, que debería ser o primeiro espazo público da Coruña no que se eliminen especies arbóreas con potencial invasor (como acacias, eucaliptos e metrosideros) substituíndoos por especies arbóreas autóctonas, sen que isto supoña estragar con plantacións as zonas de pradería aberta e biodiversa.

-Terceiro, explorar as posibilidades de restauración ambiental da contorna da ría do Burgo, tras a dragaxe finalizada en abril de 2024. Neste sentido, hai outros tres puntos quentes arredor da ría: 1) a retirada do recheo onde estaba situada a Bunge en Culleredo, para restaurar a antiga xunqueira da Marisqueira e permitir a creación dun filtro verde que reteña os sedimentos do río Mero (o cal evitaría ter que realizar novas dragaxes na ría); 2) a lagoa de Fonteculler, xunto ao paseo marítimo, que debería recuperar a súa condición de intermareal; e 3) a contorna do Xardín Botánico, no que se debería retirar a maior cantidade posible dos recheos que sepultaron nos anos 70 valiosas xunqueiras, para posibilitar a súa restauración.

-E cuarto e último, lograr que a poboación da Coruña e comarca tome conciencia dos valores naturais da súa contorna, e entenda que unhas áreas urbanas con máis espazos verdes e máis especies autóctonas son máis sás e vivibles.

Conclusión: o G. N. Hábitat desexa para o 2025 unha comarca da Coruña con menos especies exóticas invasoras e con máis espazos públicos biodiversos e ben xestionados, que redunden no benestar da cidadanía.

Tracking Pixel Contents