O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre o ENIL da Torre de Hércules
Cosme Damián Romay Cousido e Andrés Pereira, biólogos en nome do G.N. Hábitat
Mañá faise un lustro da publicación no Documento Oficial de Galicia da declaración provisional do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Torre de Hércules na Coruña. Esta feliz efeméride anímanos a realizar unha retrospectiva deste espazo e mirar ao futuro con certo optimismo, sempre e cando o plan de conservación (que se atopa en exposición pública) blinde cuestións fundamentais relativas ao uso público e xestión dos hábitats.
Ata comezos dos 80, a contorna da Torre de Hércules eran básicamente agras litorais de pastoreo e cultivo con parches de matogueira atlántica e arborado disperso. Preservábanse algunhas zonas húmidas (A Lagoa, na cabeceira do Areal —sinónimo de praia das Lapas—), e só as visitas de turistas á Torre, cos coches aparcados na rampla de subida e nos arredores, anticipaban o cambio que acontecería a mediados desa década dos 80.
Nesa altura, comezouse a construír o barrio de Durmideiras, coa apertura de novos accesos. Canchas de fútbol, campo de golf, e poucos anos despois o trazado do paseo marítimo. A Lagoa foi parcialmente reenchida para un aparcamento ao pé da Torre, e as plantacións de árbores exóticas (chopos e metrosideros) ocuparon parte desas agras de cultivo. As especies invasoras comezaban a estenderse descontroladamente.
O novo milenio supuxo a fin de vacas e ovellas pastando nos campos da Torre, e os usos do espazo (segas intensivas, eventos deportivos multitudinarios, pirotecnias...) distaban moito de ser compatibles cos (minguantes) hábitats naturais.
A presión do G. N. Hábitat e de parte da cidadanía coruñesa fixo que a administración local considerara a idea de conservar os recunchos de maior valor ecolóxico da Torre, como parte da estratexia para dotar a este monumento dunha contorna aberta e natural.
O G. N. Hábitat participou na idea de crear un ENIL sobre unhas 40 hectáreas arredor da Torre, realizou un inventario da biodiversidade nesa superficie (máis de 600 especies catalogadas!), fixo roteiros ambientais, suxeriu un esquema de segas verdadeiramente compatible coa conservación do medio e combateu ás especies exóticas invasoras.
En relación con isto, no período 2018-2024, o G. N. Hábitat realizou 85 xornadas de eliminación da flor de coitelo (xénero Carpobrotus). Nestas xornadas participaron case 1.700 persoas voluntarias, retirando máis de 82 toneladas desta planta invasora sudafricana: máis da metade da superficie ocupada está xa libre desta ameaza!
Conclusión: o G. N. Hábitat celebra o quinto aniversario do ENIL da Torre de Hércules coa mirada posta na aprobación dun plan de conservación que garanta a preservación efectiva dos valores naturais deste espazo, e permita continuar coa mellora da calidade ambiental deste recuncho privilexiado da cidade da Coruña.
- El mayor fondo inmobiliario del mundo en A Coruña: pisos, locales y suelo en Visma y O Castrillón
- El mayor grupo empresarial de Portugal entra en el proyecto para construir viviendas en As Xubias, en A Coruña
- El atardecer de Mera, el preferido de la profe de ‘Cifras y Letras’
- La nulidad de las multas de tráfico de Emvsa hace perder al Concello 200 juicios en un año
- Dos heridos en un accidente múltiple con seis vehículos en la autopista entre A Coruña y Ferrol
- El Concello se plantea la venta forzosa del edificio modernista de Rubine
- Alvedro, sin margen de mejora sin más rutas por una ocupación que roza el 100%
- La última vuelta de las agujas de la relojería artesanal en A Coruña