Entrevista | Ricardo Cao Reitor da Universidade da Coruña

«As universidades podemos axudar a resolver o problema demográfico»

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, defende que a Universidade pode ser parte da solución do problema demográfico coa captación de estudantes estranxeiros, aínda que para iso, como para case todo, precisa máis financiamento e pechar a fenda de trece millóns de euros coa que comeza o curso

Ricardo Cao: "Ten sentido facer plans de financiamento a medio prazo, pero teñen que ser máis realistas"

LOC

Redacción

Como afronta este 2025, que retos se marca?

O aumento da investigación e en fondos de investigación, a internacionalización, non só na captación de estudantes internacionais, senón tamén no persoal de administración e servizos, nos investigadores e, para iso, o Eurocampus Emerge, que comezou este ano vai axudar.

Contan cun orzamento aprobado e «realista», a diferencia do ano anterior. Foi moi complicado chegar a eses 172 millóns?

Si, porque o gasto corrente ten xa moi pouca marxe de manobra, porque se contivo moito xa no 2024. Recorremos a ferramentas adicionais como a posta en venda do edificio da Politécnica de Serantes que está en desuso desde hai dous anos, polo que a Universidade xa non estaba a sacar ningún rendemento del. Son procedementos que serven para balancear de xeito excepcional as contas porque temos que pensar no seguinte plan de financiamento.

Deron xa algún paso para avanzar na venda?

Hai unha serie de procesos legais, que requiren que haxa acordos no Consello de Goberno e no Consello Social, tamén a redacción dos pregos da poxa, nos que estamos xa a traballar. A idea é que poidamos rematar ao longo do primeiro semestre de 2025. O valor que ten o edificio é de 7,68 millóns, pero somos prudentes e orzamos cinco.

Elixen ese edificio porque saben que hai interese real por mercalo?

Somos conscientes de que pode resultar interesante para certos sectores económicos, pero nós non podemos chegar a acordo con ninguén porque ten que ir a través dun procedemento público.

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao. | La Opinión

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao. / La Opinión

undefined

A que sector económico?

Ao sociosanitario. Nun proceso coma este a Universidade non pode decidir, aínda que nos gustaría que fose un uso o máis interesante posible para o público.

O plan actual de financiamento expira aínda no 2026. Está obsoleto tal e como cambiou a economía desde 2022?

É algo que temos que traballar antes de chegar a acordo as universidades galegas e a Xunta. Na parte do custo estrutural quedou moi obsoleto, influíu moito o encarecemento dos prezos. Temos que traballar en prol dun consenso que tamén creo que debe demandar que ese 1% de financiamento da Universidade que establece a Lei Orgánica do Sistema Universitario de España se acade bastante antes do 2030. Vai ser a nosa petición de cara á Xunta, que é a entidade financiadora.

Ten sentido facer estes plans de financiamento a cinco anos?

Ten sentido para darlle unha estabilidade e que as institucións poidan facer plans a medio prazo, o que podería ser mellorable é o seguimento do plan, que inclúa cláusulas que permitan a súa revisión durante a súa vixencia. Penso que deben ser realistas, sobre todo, en tanto ao custe estrutural, estamos a falar dos salarios, dos custes enerxéticos...

Ten que dicir máis veces que non que que si por esta situación?

Loxicamente, as restricións orzamentarias, obrígannos a priorizar. Iso forma parte das nosas obrigas. Eu véxoo como unha oportunidade de racionalizar e de facer uso doutras fontes de financiamento. Obviamente hai moitas cousas que nos gustaría facer e non podemos.

Como cales?

Unha residencia universitaria, pero non o imos facer porque non temos fondos para cofinanciar, tamén se vai postergar o EI 3, de Ferrol [Edificio de Investigación].

A Coruña vese mais prexudicada ca outras universidades por ter só unha residencia pública e estando o acceso á vivenda tan complicado na cidade?

Si. Temos moi poucas prazas de residencia universitaria, 118 na cidade e 24 en Ferrol, é unha limitación importante O problema do aluguer é moi importante, para todo o mundo, tamén para os nosos estudantes. As administracións que teñen competencias na materia deberían, dentro das solucións habitacionais que están a estudar, contemplar a situación do estudantado, que ten as súas propias necesidades.

Como prevén atraer a máis alumnado?

A demografía é a que é, e dentro de dez anos, se ninguén fai nada, a poboación galega en idade de cursar estudos universitarios vai ser menor. Debemos aproveitar o feito de que temos tres boas universidades para poder captar estudantes que veñan doutros lugares. O problema demográfico é un problema de país, as universidades podemos axudar a resolvelo. Está habendo a necesidade de captación de persoal técnico en determinadas áreas das que non damos formado xente suficiente. Seguro que as empresas estarían contentas de poder incorporar xente que se formase en Galicia aínda que non teña nacido aquí. Témolos xa en mestrados, un número importante de galegos de segunda e terceira xeración de latinaoamérica que veñen con bolsas da Xunta. Nos graos ese programa sería máis custoso porque ten que cubrir máis tempo, pero tamén virían a solventar problemas reais que están tendo as empresas e teriamos unha faixa poboacional en idade de ter fillos que axudará a solucionar o problema demográfico.

Pero se van vir e non teñen unha vivenda na que residir, igual queda todo en nada.

Efectivamente, pero as competencias que nós temos en vivenda son case cero, pero temos grupos de investigación que estudan estas problemáticas e que teñen propostas claras, como, por exemplo, rehabilitar vivendas e que maiores e estudantes, con servizos comúns, poidan convivir.

No plan de axuste falaban de que as xubilacións suporían un aforro nos próximos anos, canto podería reducir o desequilibrio económico de trece millóns de euros co que comeza o ano a Universidade?

Calculamos que nun millón de euros e, co paso do tempo, máis. Hai unha previsión de xubilacións forzosas, por cumprir a idade, de 128 persoas nos próximos cinco cursos, pero depende tamén das xubilacións voluntarias. Nos últimos anos, en especial no último curso, houbo o dobre de xubilacións voluntarias que forzosas.

Prexudícalle á Universidade que os prezos das matrículas estean conxelados desde hai dez anos e que agora sexa a Xunta a que as subvencione?

A Xunta decidiu subvencionar o 99% da matrícula do estudantado que cumpre certas circunstancias, xa que deixa fóra, por exemplo a Erasmus que van facer o curso completo noutro país, ou os que teñen bolsas do Ministerio ou que non aproban as materias esixidas. A Xunta fixo isto metendo na ecuación as universidades, no canto de subvencionar os interesados. Iso supón que o ingreso que fai a Xunta tarda máis que o que facían os alumnos e xera tensións de tesourería. Isto consta como unha entrada de fondos da Xunta na Universidade, cando foi unha decisión da Xunta, nós non estamos recibindo nin un céntimo máis do que recibiamos. En canto á conxelación das taxas, para nós, oxalá que fose máis diñeiro, o que non queremos é que se endureza o acceso ao ensino universitario a quen non poida optar á vía da subvención da Xunta. Todo radica en que necesitamos máis fondos para manter a estrutura. Non é un aumento do financiamento.

Como ve a Cidade das TIC? O proxecto parece estancado.

Desde o ano pasado a situación variou totalmente. Vimos de adxudicar o plató virtual a Pedralonga Estudios, están comezando os traballos para a construción dos platós físicos, que vai haber ao carón do plató virtual... Hai eidos nos que os avances non foron tan visibles, como a sociedade de xestión. Desde o punto de vista legal e xurídico houbo avances porque tomamos novos acordos tanto no Concello como na Universidade porque a sociedade de xestión non pode ser destinataria da cesión demanial que recibiu a Universidade porque os pregos concesionais non o permiten. Traballouse arreo co Concello, que estableceu o seu proceso para os acordos que requiriron cambiar os estatutos, a Universidade xa o ten rematado. Tivemos un traballo intenso co Concello para a regularización do convenio para a urbanización da Cidade das TIC.

En que punto están ?

A parte que tiña a Universidade encargada está feita, pero resta por recibir os fondos aos que se comprometeu o Concello e estamos traballando con eles para solucionar os flocos que hai pendentes. Concorremos a un par de convocatorias que non foron exitosas, a última si, pero cun financiamento moi pequeno para unha incubadora de empresas. Seguimos abertos a iniciativas que existen. Agora mesmo hai un número importante de empresas do sector TIC que estarían desexosas de poder ocupar algunha nave. Temos que concorrer a convocatorias competitivas para obter financiamento. Pensamos que a Cidade das TIC ten que estar totalmente aliñada coa política industrial da Xunta en materia TIC e por iso é importante que se poidan incorporar á sociedade de xestión e a todo o proxecto, tanto a Xunta, a través de Industria ou do Igape , e por suposto, o Concello, para nós sería importante que estivese tamén a Deputación.

Está chegando tarde o Concello na Cidade das TIC?

Gustaríanos que os tempos fosen máis breves e oxalá poidamos aceleralos, sobre todo para o convenio. O problema foi que non se incluíu unha partida económica nos orzamentos e iso xerou modificativos dos orzamentos. Para nós é un tema importante porque son tres millóns de euros que se investiron, o Concello adiantou máis de 600.000 pero o resto está aínda por percibir por parte da Universidade, que fixo o esforzo de executalo.

Non pinta ben coa cuestión de confianza enriba da mesa.

Pode que non. Igual peco de inxenuo, pero penso que todos os grupos políticos están polo labor de desatascar a Cidade das TIC.

Hai risco de que con tanto atraso, cando a Cidade das TIC estea rematada xa non faga tanta falta ou estea obsoleta?

Non creo, podemos perder algunha oportunidade dalgunha empresa que queira estar dentro de seis meses, porque os edificios non se remodelan nun chis, leva tempo e o custe é importante. A min gustaríame que, para o ano que vén, estea xa a sociedade de xestión constituída coas catro administracións, que tiveramos xa algún convenio asinado, e algún proceso público aberto para algún proxecto para a cesión dos espazos necesarios. Non somos unha inmobiliaria, perseguimos que esas cesións de espazos teñan unha reversión importante para os nosos estudantes e investigadores.

Como prevén conseguir que os doutores e investigadores queden na Universidade?

Temos que ser imaxinativos e crear fórmulas para que poidan compaxinar a actividade privada co ensino e, co paso do tempo, pese máis a parte do ensino que a da empresa privada.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents