Nova Galega de Danza: tres espectáculos para bailar 20 anos
Nova Galega de Danza cumpre vinte anos e quéreo celebrar dun xeito moi especial, poñendo sobre o escenario os seus tres espectáculos máis recentes: ‘Leira’, ‘Berro’ e ‘Dique’, tres días seguidos sobre as mesmas táboas, as do Colón, onde o seu director, Jaime Pablo Díaz, deu os primeiros pasos
Hai dez anos Jaime Pablo Díaz tiña serias dúbidas de se podería seguir adiante coa súa compañía, a súa aposta de vida, Nova Galega de Danza. Logo de darlle moitas voltas decidiu que si, que pagaba a pena intentalo unha vez máis e, grazas a que a moeda se decantase por seguir adiante, naceron espectáculos como Leira, Berro ou Dique, que esta semana volven ao teatro Colón, para festexar os primeiros vinte anos de vida desta compañía radicada na Coruña.

Un momento da coreografía.
«Eu quería estar na cidade cunha celebración diferente e moi especial, como había moita xente que nos preguntaba cando volveriamos estar con Leira, [o espectáculo estreouse en xaneiro de 2020], porque aínda que se di que a danza non ten público, nós quedamos sen entradas e non volvemos á Coruña, aínda que o espectáculo xirou moito, pero por fóra, esta foi a maneira de volver á cidade pero de facelo con tres funcións de tres espectáculos diferentes». As actuacións serán o 17, con Leira; o 18, con Berro, e 19 de xaneiro, con Dique, no teatro Colón. As entradas, que son gratuítas están xa esgotadas, aínda que quen retirase os convites e saiba xa que non vai poder asistir, poden devolvelos ata o 17 de xaneiro ás 12.00h na billeteira da praza de Ourense ou escribindo un correo electrónico a gestiontaquillasimce@coruna.gal, para que outras persoas poidan gozar das funcións.

Dúas bailarinas da compañía.
Cando o comentou coa compañía, dixéronlle que era «unha tolemia» porque son tres espectáculos moi diferentes que requiren montar e desmontar no mesmo día para poder facer a seguinte función. Unha semana antes de subir ao escenario do Colón para darlle vida a esta celebración da danza, a compañía ensaiaba nas instalacións do Centro Coreográfico Galego non só para repasar as coreografías senón tamén para «coller fondo», porque con cada un dos espectáculos teñen que cambiar o chip, aínda que todos teñen o mesmo nexo común: «a nosa tradición, a nosa cultura e o noso sentir», resume o director da compañía.
«O normal é ter varias funcións na fin de semana, pero do mesmo espectáculo, pero nós queriamos arriscar», relata Jaime Pablo Díaz, que asegura que, con Leira xiraron tanto que, aínda que levaban uns meses sen facelo, en canto puxeron a música «automaticamente» lles saíron os pasos, porque os músculos teñen tamén memoria. Cómpre lembrar que Iván Villar recibiu o premio Max como mellor intérprete masculino de danza por Leira no 2021 e o espectáculo foi finalista a mellor proxecto de danza do ano.

Un momento do ensaio de Nova Galega de Danza.
Cada unha das pezas que forman parte desta triloxía coa que Nova Galega de Danza celebra os seus vinte anos de vida naceu dun lugar diferente, aínda que todas exploran a identidade galega, desde Leira, que fala da conexión coa terra, a Berro, que «deforma» o baile tradicional ata quedarse con micromovementos e Dique, que se mergulla na historia do dique de Campana de Ferrol e das mulleres que axudaron a crealo.
«Eu levaba tempo investigando sobre as mulleres de Ferrol e aparecíame moito Mela, a Carbonera, que era unha muller que eu coñecín, unha revolucionaria no seu momento, unha sindicalista... Atopei un libro, que se chama Mulleres en feminino, que tiña cinco liñas sobre o dique, tanto me gustou que empecei a buscar máis información sobre o que sucedera no dique de Campana, que estaba dentro do arsenal de Ferrol e que foi a obra de enxeñería máis importante do seu tempo. Nel traballaron duascentas mulleres que formaron unha asociación para poder ser empregadas como cargadoras nese mundo de homes», explica Díaz, que lembra que cada dato que descubría desta historia era máis apaixonante que o anterior. Cando xa tiña toda a información e estaba completamente absorbido pola historia decatouse de que non a debía contar el, e foi entón cando falou con Marta Pazos e cando foron construíndo un equipo no que todas as integrantes son mulleres, para contar esta fazaña das ferrolás.

Nova Galega de Danza.
Aínda que estes tres espectáculos seguen en xira, na cabeza de Jaime Pablo Díaz bulen xa outras moitas ideas que poden chegar algún día aos escenarios, algunha, asegura, non tardará moito. Nestes vinte anos a compañía viviu de todo, momentos moi bos, como cando foi bailar a China, e outros peores, como cando cando a súa viabilidade perigaba.
«O outro día tiven unha reunión fronte ao teatro Colón e lembreime de que hai dez anos estaba enriba do escenario facendo unha entrevista e pensando en que tiña que pechar porque xa non podía máis, porque me sentía realmente esgotado de loitar porque costa moitísimo, sobre todo cunha compañía coma esta, que é privada, aínda que ten axudas, pero que precisa mover moita xente», comenta Jaime Pablo Díaz que, nese momento de moitas dúbidas pensou: «E se non fago isto, que fago? se é o que me gusta e o que levo facendo desde pequeno. Eu, de feito, empecei no Colón, co Rey de Viana. Por iso estou moi agradecido de poder celebrar os vinte anos neste teatro, porque me leva ao recordo de cando actuabamos cinco días seguidos en agosto, enchendo o teatro todos os días e estou feliz de poder volver aquí», conclúe Díaz.