O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre os censos invernais de aves acuáticas
Cosme Damián Romay Cousido
Outro ano máis, e van máis de corenta, o G. N. Hábitat participa nun evento internacional con relevancia científica: os censos de aves acuáticas invernantes (International Waterbird Census), coordenados pola ONG Wetlands International. Esta actividade, que leva realizándose desde o ano 1966 cada mes de xaneiro nun número crecente de países, é especialmente útil para a toma masiva de datos simultáneos, que permitan obter unha foto fixa de cantas aves acuáticas están presentes nunha rexión e en que zonas concretas se concentran. Deste xeito, e comparando series de datos anuais, poden realizarse avaliacións de tendencias poboacionais, identificación de áreas importantes para determinadas especies e mesmo caracterizar zonas húmidas críticas para a invernada de aves acuáticas. Nesta última categoría englobaríanse os denominados «Humidais Ramsar», de importancia internacional, representados en Galicia por seis espazos: rías de Ribadeo e Ortigueira-Ladrido, lagoa da Frouseira (Valdoviño), Corrubedo, enseada do Grove e Parque Nacional das Illas Atlánticas. Estes humidais son importantes a moitos niveis, subministrando por exemplo recursos pesqueiros e marisqueiros ás poboacións humanas da súa contorna. En todo caso, todas as zonas húmidas son útiles a nivel humano (moitas son fundamentais para o subministro de auga e control de inundacións), e teñen a miúdo relevancia na realización destes censos de aves. O G. N. Hábitat, coa colaboración da Sociedade Galega de Historia Natural, está a cubrir o treito costeiro entre cabo Prioriño (Ferrol) e Traba (Laxe), abranguendo zonas húmidas fundamentais para as aves acuáticas como as rías de Ferrol, Ares-Betanzos, A Coruña e O Burgo, os encoros de Abegondo-Cecebre, Meicende e Rexidoiro, o complexo húmido de Baldaio, a enseada da Insua (Ponteceso/Cabana) e a lagoa de Traba en Laxe, ademais de treitos de costa semiexposta. As persoas voluntarias, equipadas con prismáticos, telescopios e fichas de campo, identificarán a nivel específico as aves presentes e contabilizaran os números totais das mesmas en tramos ben delimitados. Os resultados enviaranse á Xunta de Galicia, quen se encargará da súa remisión a Wetlands International e da súa eventual publicación.
Conclusión: as zonas húmidas onde viven as aves acuáticas son ecosistemas de gran valor ecolóxico, e calquera alteración nestas suporá unha diminución na diversidade e abundancia destes seres vivos. O G. N. Hábitat segue comprometido co coñecemento das tendencias poboacionais e da distribución local das aves acuáticas invernantes en Galicia, co fin último de obter a información necesaria para neutralizar ameazas e garantir a conservación tanto das especies censadas como do conxunto destes valiosos hábitats.
- Así era la 'pequeña Ibiza coruñesa': una discoteca que revolucionó las noches de A Coruña en los 90
- Luz verde a la ordenación para unos 200 pisos en dos edificios en Visma
- El absentismo en la recogida de basura continúa: 1 de cada 4 trabajadores no acude a su puesto
- Arde un piso en la avenida de Hércules, en Monte Alto
- Arrancan los trabajos arqueológicos en la zona de la futura urbanización de pisos del Parque de Oza
- Veterinarias de A Coruña se suman al parón contra la norma que «limita» su criterio
- La ‘magia’ musical que hizo volver a brillar la calle San Juan
- El ejemplo A Coruña: organización colectiva y apoyo mutuo en la era del individualismo