O galego, un idioma de ida e volta, con Aquí tamén se fala!
Hai catro anos, antes do nacemento de Aquí tamén se fala, no instituto Rafael Dieste só había un alumno galegofalante, Román. O proxecto derrubou tantos prexuízos que agora, falar galego, mesmo con outros acentos, xa non é diferenciador

De esquerda a dereita: Aldán, Celia, Martín, Arcadio González, Darío, Emiko, César, Oli, Elyas, Sara, Alberto Pombo, Juliamny, Jusvely, Julieta, Mónica Reixía e Mencía, na cafetaría do instituto Rafael Dieste, con carteis da campaña Aquí tamén se fala! | Carlos Pardellas
Na casa de Julieta, o galego é un idioma de ida e volta que a fai sentir «moi ben». Os seus bisavós eran de aquí e emigraron a Arxentina, onde crearon a súa familia, despois viñeron os fillos e os fillos dos fillos e o idioma foise perdendo porque xa eran máis de alá que de acá, ata que hai volveron ás súas raíces e asentáronse na Coruña. Para practicar e mellorar o idioma, ela uniuse á iniciativa Aquí tamén se fala!, do seu instituto, o Rafael Dieste, que vén de recibir o premio á Innovación Educativa de Galicia, que outorga a Xunta.

Mestres e estudantes participantes no proxecto Aquí tamén se fala!, no seu instituto, o Rafael Dieste. | Carlos Pardellas
Aínda que non fala galego, o avó de Julieta si que o entende e di que lle fai ilusión que tanto ela, como a súa nai —que se apuntou á escola de idiomas para aprender o idioma— falen na lingua na que se comunicaban os seus devanceiros cando emprenderon unha nova vida ao outro lado do océano.
Esta é a historia de Julieta, que fala galego coa súa nai «para non perder o idioma», pero hai moitas máis nestes tres cursos que leva funcionando xa esta campaña de normalización lingüística, que naceu coma unha actividade para subir nota na materia de Galego e que tivo o seu xermolo nos comercios dos barrios da Agra do Orzán.
Desde aquel día de 2023 no que alumnos e alumnas de tres aulas de cuarto de Secundaria se botaron ás rúas en busca de dous puntos máis na proba de galego oral [mentres colocaban carteis falaban en galego entre eles e cos comerciantes], recibiron o apoio de Viggo Mortensen, fixeron un festival de música en galego, gravaron entrevistas, mergulláronse na literatura, foron mudando pouco a pouco e en común a concepción que tiñan do galego, empezaron a soñar con novos proxectos e agora teñen en marcha a rodaxe dunha longametraxe, un documental, e, contra todo prognóstico, hai quen xa ve o idioma como unha oportunidade de futuro.
En xuño de 2023, as irmás Jusvely e Juliamny levaban tan só nove meses na Coruña e oito estudando galego, sobre todo —recoñecían naquel momento— vían telenovelas para ir quedándose con vocabulario. Elas, como tantos outros alumnos estranxeiros, non tiñan necesidade de se implicar no proxecto porque estaban exentas da materia de galego —este curso será o primeiro que se examinen como se tivesen nacido aquí—, pero quixeron participar en Aquí tamén se fala! e formar parte da súa historia.
As súas raíces están en Venezuela, pero teñen seguro que queren quedar. Están xa en segundo de Bacharelato e en xuño, se todo sae ben, emprenderán un novo camiño. Julianmy quere estudar Dereito na Universidade da Coruña e Jusvely, Tradución e Interpretación Galego-Inglés, en Vigo. En menos de dous anos, pasou de non coñecer a lingua a querer traballar con ela o resto da súa vida.
Polo de agora, está axudando os seus pais a que empecen a falar eles tamén un pouco o idioma. «O galego é cultura, é historia do noso fogar e é importante para nós levalo arriba», condensa Jusvely, que asegura que sempre quixo «traballar cos idiomas e quería unha carreira que non fose en castelán».
Conta o profesor Alberto Pombo que este proxecto xa naceu ao grande, aínda case non tiñan os primeiros carteis postos e xa estaban pensando en como ir máis alá e en como cumprir os desexos destes estudantes tan implicados. De feito, explica Pombo, a primeira banda programada no festival de música escollérona porque Oli, que naceu en Venezuela e que leva sete anos aquí —acábase de reencontrar coa súa nai hai tres meses despois de todo este tempo—, nunha sesión na que lle preguntaron cal sería o seu soño en relación co proxecto, contestou que «gravar a Boyanka Kostova», así que, dirixiron os seus esforzos cara a ese lugar. Dito e feito. Soño cumprido.
Por suposto que os datos do uso do galego son os que son e ninguén nega que a proporción de galegofalantes vai perdendo terreo, pero existen redutos coma este, nos que a situación vai mudando e na que cómpre poñer o foco, porque está a romper moitos prexuízos e a poñer en cuestión moitas ideas preconcibidas. Porque, como concordan os participantes do proxecto, ser parte de Aquí tamén se fala! no instituto vese como unha cousa que «mola». «A que máis», incluso, escóitaselle dicir a Darío.
E ese cambio de percepción axuda a que non sexa só a lingua dos avós ou a que se usa por educación cando se vai á aldea nin unha obriga ou unha materia que pon máis complicado o aprobado, é unha porta aberta ao mundo que lles permite descubrir cousas que descoñecían e que agora entra no seu top de intereses, ben sexa pola música, con grupos como Grande Amore, Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, ou polos cómics Megatoxos, de Anxo Fariña, que recomenda Aldán.
El é un deses rapaces que, de usar o galego «na casa», está xa a relacionarse máis co idioma grazas a Aquí tamén se fala! tanto, que, seguindo o exemplo de grupos que foi coñecendo estes anos, está empezando a rapear en galego e describe como «agradable» esta transición.
A profesora Mónica Reixía, que se incorporou ao proxecto cando xa estaba iniciado, ten moi claro que o Aquí tamén se fala! non sería o mesmo sen estes e estas estudantes que deixan que o galego os atravese e forme parte non só das súas vidas senón tamén da dos que os rodean. «Son brillantes e teñen algo dentro que a min me fai levantarme todos os días pola mañá pensando que merece a pena. Teñen maxia e creo que iso é o que fai que traballemos tanto sen que nos importe», conclúe.
«Eu nacín no monte, non nacín na cidade», di Elyas, que, con un ano deixou a rexión montañosa da rexión de Fez, en Marrocos, da que é orixinario para vivir en Galicia, aínda que viaxa habitualmente para visitar a súa familia. Manexa varios idiomas: o galego, castelán e inglés, pola escola, árabe e o dariya, que é o árabe que se fala en Marrocos, porque llos ensinaron na casa e, a través da súa nai, chegou ao moi minorizado amazigh. «Ela é dunha rexión do sur e é o seu idioma, intereseime polo abecedario, pero tamén pola a cultura que reside alí desde tempos preislámicos», relata Elyas que, deste idioma coñece xa o abecedario e pode formar palabras, pero quere mellorar no vocabulario para poder falalo con soltura. Na súa casa hai unha mestura de idiomas e acentos. «Co meu padrastro, que é orixinario de Cedeira, podo falar galego ou castelán, co meu irmán, castelán ou árabe e, coa miña nai, puramente árabe. Na rúa, cos meus amigos podo falar en galego ou castelán, pero se me falan en galego sempre contesto en galego», recoñece.
El xa foi escolarizado en galego e pon o foco na importancia de que este proxecto nacese precisamente no Rafael Dieste. «Naceu nun instituto que, desde hai tempo tiña certa reputación na cidade e nunha cidade que xa tiña tamén unha sona de que a xente non falaba máis que unhas palabriñas en galego. É incrible que unha campaña coma esta nacese precisamente aquí e que teña o maior foco de atención á hora de falar dos proxectos de innovación do galego», resume.
A Mencía, unha das cousas que máis lle gusta de participar en Aquí tamén se fala! é que as súas opinións se teñan en conta. «Non nos tratan coma nenos pequenos, dos que teñen que estar diante todo o tempo para dicirlles o que teñen que facer, déixannos facer as cousas como pensamos que deben ser, explícannos o que non sabemos, escóitannos e vémolo máis coma un hobby que coma un traballo para a escola», confesa.
«É un camiño que percorremos xuntos nestes tres anos e que cambiou a vida e a forma de ver o galego de moita xente. É moi bonito, a verdade», di Julianmy, que incide en que, aínda que moitos deles non naceron aquí, tratan de falar galego entre eles para practicaren e porque defenden que «o peor galego é o que non se fala».
Esa frase tena sempre moi presente Oli, que di que sempre estará «agradecido» a que, cando entrou no instituto, lle tocou nun grupo co profesor Alberto Pombo. «El inculcoume o galego e gústame falalo na casa, cos amigos, tamén co meu padriño, aínda que coa miña tía e coa miña nai fale en castelán, pero xa estou intentando ensinarlles. Miña nai vai facer un curso tamén de galego», comenta Oli, a quen lle tocará pasar de alumno a profesor da súa nai cando a situación o requira.
César, que tamén naceu en Venezuela, consideraba que o galego era unha lingua coma outra calquera, pero a súa percepción deu un cambio cando foi vivir a Italia e empezou a aprender italiano. «Entendín que unha lingua non é só para falala, senón que ten cultura e moitas outras cousas detrás, e ese é o motivo polo que estou aquí», recoñece e asegura que, aínda que na casa, pola súa orixe, falan castelán, de cando en vez practican o galego.
Martín é de Perú e leva moi pouco tempo no proxecto porque entrou no Rafael Dieste «hai uns meses», así que, aínda que está exento de galego, decidiu entrar en Aquí tamén se fala! e coñecer o idioma, pero tamén a cultura e a xeografía galegas e, grazas os obradoiros ligados ao proxecto, puido gravar a César Morán, en Náutica; a Nuno Pico, de Grande Amore, en Burela; a Chicharrón, en Ferrol, e a Xoán Rubia, de Voces Ceibes, en Ares.
Celia chegou a Galicia desde Cataluña cando tiña dous anos e, aínda que se criou aquí, mantén a relación coas súas raíces e o seu idioma e é quen de comparar de primeira man a situación sociolingüística do galego e do catalán e faino cun exemplo moi sinxelo pero moi revelador para a mocidade. «En Cataluña, Los 40 ten música en catalán e aquí non», evidencia e quéixase tamén da situación do galego en redes sociais. «Se estou vendo Instagram, probablemente, o único que me saia en galego sexa o Aquí tamén se fala!. Se non o busco, non me sae», sentenza.
Dese descoñecemento fala tamén Darío, que naceu en Galicia e criouse aquí e, coma tantos outros rapaces, non falaba galego máis que «coa avoa e as súas irmás» e nas visitas á aldea. «A verdade é que o podo falar perfectamente, pero non é o idioma que máis falo, aínda que o proxecto me está a axudar a usar máis a lingua e non só no ámbito escolar. A min estame descubrindo cousas que eu non sabía, por exemplo, na música. Eu coñecía ás Tanxugueiras ou ás Fillas de Cassandra, que foron as que o romperon, pero puiden coñecer outros grupos que pensaba que non me gustarían, pero si que me gustaron», recoñece Darío, que asegura que esa descuberta lle axudou a rachar co prexuízo de que o galego estaba ancorado no pasado e no rural. «A xente non sabe que se fai música moderna en galego, como Boyanka Kostova ou Grande Amore», recoñece.
Na casa de Emiko, de pai galego e nai xaponesa, agora fálase «basicamente galego». Ten unha explicación. «Na casa falabamos sobre todo castelán, pero como o meu pai é galego e ás veces falaba galego e a miña nai, aínda que daquela non estudaba o idioma, entendíao perfectamente, cando eu me metín en Aquí tamén se fala! fixemos o cambio e agora falámolo máis. A miña nai, cando meu pai non lle fala en galego, pídelle que cambie para poder practicar e reforzar», explica Emiko, porque a súa nai agora si que está formándose xa no idioma.
Eses pequenos cambios son pequenas conquistas que os estudantes van facendo e que son o resultado do seu propio esforzo e tamén da súa satisfacción. «Eu digo con orgullo e parece que sen falta de humildade, pero é porque estou pensando neles [os e as alumnas] e non en nós, hoxe en día creo que é innegable que o Aquí tamén se fala! do Rafael Dieste se converteu na referencia da normalización lingüística do país, pero é 100% traballo destes rapaces. É cuestión de escoitalos e de ver onde están os espazos de prestixio que lles interesan a eles», relata Pombo.
E ilustra a pegada do proxecto cun exemplo, o de Román, que, antes de que comezase o proxecto, hai catro anos, no Rafael Dieste era o único alumno galegofalante. «O outro día, na cafetería dixéronme: ‘non sabes esas rapazas que van con Román e que tamén falan galego?’ e non sabía a quen se refería porque agora xa non é algo identificador no instituto», conclúe. «Sabemos que é a pequena escala e que falamos do noso micromundo, pero é unha transformación e a escala de eliminación de prexuízos hai un cambio real de uso da lingua galega», describe Pombo do galego que se fala con outros acentos.
Sara, como as irmás Jusvely e Julianmy, forman parte dese primeiro equipo que se aventurou a pegar carteis no seu barrio, e aínda que, ao estaren en segundo de Bacharelato, o tempo e a esixencia dos seus estudos non lles permiten estar tan implicadas en cousas como as gravacións musicais, dalgún xeito, gustaríalles seguir formando parte disto que algún día axudaron a crear e que xa se está a copiar en máis de douscentos centros educativos de Galicia. Nestes dous anos lograron tamén, segundo lembra Pombo, «convencer o deporte galego para que usase o galego e gravar a varias bandas e organizar o primeiro festival de música profesional de Europa, organizado por un instituto».
O profesor Arcadio González, que levaba dinamización lingüística cando comezou o proxecto, tira dunhas palabras que lle di moito o seu pai, que tamén foi docente, para explicar o éxito deste programa: «A escola sen alumnos non existe. Podería non ter profesores e que os rapaces se autoxestionasen, pero sen eles non ten sentido. Nós somos facilitadores de recursos, aínda que, como nos movemos moito no eido audiovisual e da comunicación, eles coñecen moi ben ese mundo», relata González, que quere poñer en perspectiva os 10.000 euros do premio da Xunta —é o quinto certame que gañan, un deles cunha dotación económica de 5.000 euros—, porque aínda que parecen moitos cartos, «non son tantos» para todo o que queren facer.
«O departamento de galego, que move a cinco profesores e 600 alumnos ten un orzamento total de 197 euros», explica González, sobre como foron os vimbios sobre os que se creou Aquí tamén se fala!, que, ao principio gravaba cos móbiles dos profesores e que agora aspira a ter unha aula de audiovisuais na que poidan traballar na edición de vídeo varios alumnos á vez. «Nós compartimos co instituto unha aula na que agora poden gravar unha banda, pero queremos que empecen eles a producir música, por iso faremos obradoiros, e parte do orzamento temos pensado dedicalo á compra de instrumentos profesionais, unha cámara e un ordenador» relata Pombo, que asegura que as decisións en Aquí tamén se fala! «non son democráticas» senón «horizontais» porque precisan a implicación de todos para poderen sacar adiante os proxectos e, polo de agora, estano conseguindo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los nuevos bonos de Media Distancia en Galicia saldrán a la venta el 23 de junio
- Los nuevos trenes y frecuencias aumentan un 59% el tráfico entre A Coruña y Madrid
- Un banco en un paso de peatones de la avenida de Gran Canaria de A Coruña
- Prisión provisional y sin fianza para el detenido por el crimen de la Sagrada Familia
- El tiempo en A Coruña: la niebla toma el relevo de las altas temperaturas en plena cuenta atrás para San Juan
- La Policía Nacional acude a Riazor por un aviso de intento de agresión sexual en los baños públicos
- La comunidad de peruanos en Galicia avisa de que no pedirá dinero para incinerar a Maritza
- Detenido un hombre por matar con un cuchillo a su pareja en Sagrada Familia