Entrevista | Sergio Pascual Espinilla Investigador en Estudos Lingüísticos

«O discurso sobre violencia de xénero debe ser racional e aportar solucións»

Sergio Pascual estudou Xornalismo, e o seu interese pola análise do discurso e a súa preocupación polo «problema social» da violencia de xénero levárono a investigar como se fala dela a nivel político, institucional e mediático. Analízao nunha tese coa que acaba de doutorarse na Universidade da Coruña (UDC)

O investigador Sergio Pascual.

O investigador Sergio Pascual. / Germán Barreiros/Roller Agencia

Por que elixiu o tema?

Quería investigar cunha vinculación directa co que está a suceder na sociedade, e a violencia de xénero probablemente sexa o problema social máis grave arestora.

Atopa dous xeitos de entender a violencia de xénero.

Analicei como os actores políticos a representaban: como un suceso, unha cuestión illada, ou se é unha cuestión pública que nos interpela como sociedade. A tese tivo o apoio da Deputación da Coruña, e quixen tratar como respondían a través das súas campañas os concellos nos que houbo un feminicidio: na Coruña o da rúa da Estrella, María Judith Martins, e na Pobra do Caramiñal o de Diana Quer. Quixen facer o estudio comparativo cunha campaña posterior da Xunta de Galicia, a de “non debería pasar pero pasa”.

Que viu?

Unha parte importante da campaña da Xunta céntrase na vítima. Incide na idea de que se sae pola noite poden pasar situacións de violencia de xénero. Estás dicindo: «coidado, vítima, se saes», cando o problema non é de que ela saia a correr, senón do que a ataca.

E nas campañas municipais?

Na Pobra do Caramiñal fixeron unha curtametraxe moi interesante. Había unha mudanza nos roles: os homes aparecían como vítimas e as mulleres como vitimarios, unha mensaxe de empatía para que os homes se dean conta do que están a pasar as mulleres. Producíase na rúa: é un problema social, non algo privado, senon nunha esfera pública. Era a mudanza da visión.

E na Coruña?

Interpelase aos homes como aliados, como persoas que tamén forman parte do problema para solucionalo, para tratar de implicalos na loita contra a violencia sexual. O que vemos desde o ollo municipal é que, pese a ter menos medios e recursos, hai un cambio de mirada. Agora estamos vendo que hai moito rexeitamento ao propio feito de falar de violencia de xénero.

De quen?

Hai partidos de extrema dereita que falan de violencia doméstica, que negan a súa existencia... Pasos atrás dos que hai dez anos non estariamos a falar. Cada vez vemos máis discursos, na sociedade e na xuventude, máis polarizados e centrados en atacar á vítima.

Fala tamén do branqueamento dos criminais.

Nos medios de comunicación e entorno político adoitase empregar o termo lacra, que son as secuelas que deixa unha enfermidade. Estamos dicindo que o asasino, violador, acosador, é unha persoa enferma ou o foi, estamos atenuando a carga do que mata a unha muller polo mero feito de selo.

Fala dunha predominancia do discurso emocional ao falar sobre a violencia de xénero.

No discurso político apélase ás emocións, pero coidamos que o discurso debería ser moito máis racional: argumentos que aporten solucións. Ás veces os discursos emocionais son moi efectivos, podémolo ver co auxe do populismo, pero tamén é certo que ás veces atopamos unha carencia de discursos con aspectos máis racionais como a dotación de medios para dar solucións á violencia. O emocional é importante, necesario, pero ten que vir acompañado de aportar solucións.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents