Veciños de monte Mero piden que se lles teña en conta: «Aquí levamos toda a vida»

Residentes no ámbito onde a Xunta prevé construír máis de 4.000 vivendas temen ser expulsados do seu fogar | O Goberno galego promete «a menor afección posible» ás casas

Mónica Díaz, Marta Sánchez, Lucía Rodríguez,  María José López e Kike Castelo, no vieiro de  acceso a Maristas, no monte Mero. |  Iago López

Mónica Díaz, Marta Sánchez, Lucía Rodríguez, María José López e Kike Castelo, no vieiro de acceso a Maristas, no monte Mero. | Iago López

Marta Sánchez, Mónica Díaz, Lucía Rodríguez e Kike Castelo son residentes na rúa Monte Mero, María José López vive na avenida de Pedralonga, xusto na curva. Son veciños de sempre, dos que saben se un coche está alí porque xoga Maristas esa tarde, porque vén de facer a compra ou chega tarde comer a casa. Criáronse xuntos e pensaban que así seguirían eles e os que veñen detrás, pero o 27 de novembro do ano pasado todo cambiou.

A Xunta anunciou que expropiaría 43 hectáreas do Monte Mero para construír 4.310 vivendas, unhas públicas —promovidas pola Xunta— e outras de prezo protexido —de iniciativa privada pero de prezo taxado— e outras (o 20%) desenvolvidas polos promotores que xa son donos do solo e que poderán edificar. Ese día todo cambiou.

«Aquí levamos sendo os mesmos toda a vida, as casas pasan de avós a pais, de pais a fillos e de nós aos nosos fillos, porque os meus fillos xa viven aquí», explica María José López. Unha das últimas casas que se construíu no monte Mero foi a de Kike, os seus pais levantárona no ano 1968 e, a partir de aí, explican, xa non se construíu máis. Non porque ninguén quixese facelo, que ganas non lles faltaron nin lles faltan a moitos veciños que herdaron terreo na zona, senón porque a normativa non o permitía. E, así, aquel 27 de novembro tiveron que enfrontarse á realidade de que eles non, pero outros si.

Mónica Díaz, que ademais de residente no monte Mero é a presidenta da asociación de veciños de Eirís, quere deixar claro que consideran «moi positivo que por fin a Xunta se anime a facer vivenda de protección oficial, porque é moi necesaria e porque hai moita xente que a necesita», pero iso non quita para que pensen tamén que non é xustificación para que a Administración autonómica «faga as cousas como as quere facer». Iso é, deixando que os veciños se decaten pola prensa dos seus plans cos que, temen, se borrará para sempre o seu xeito de vida.

A Xunta sinalou en decembro, tras presentar a súa iniciativa, que en Monte Mero existen «unhas 38 edificacións», con usos como «residenciais, agrícolas, industriais...». Ante os temores veciñais de expropiacións, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, mostrou a intención do Goberno galego de tentar «a menor afección posible» nas construcións existentes e «compatibilizar, se é posible», a futura urbanización co xa construido. As casas, manifestou, «non teñen por que expropiarse» e, ainda que non desbotou totalmente esta posibilidade, prometeu: «Tentaremos que a maior parte delas se compatibilicen».

O proxecto conlevará a urbanización do ámbito, pero a conselleira insistiu en que «será realizada pola Xunta», que correrá cos gastos de maneira que os propietarios que se queden no sector non teñan que aportar, «en principio», diñeiro para as melloras. «De ter que facer algunha adecuación urbanística, determinaranno os estudios posteriores», puntualizou.

Os que viven no monte Mero saben que non poden «baixar un momentiño á tenda» porque se lles esqueceu o pan, por exemplo, saben que nunca lle poderán dar un alto á casa dos seus avós aínda que se lles quede pequena ou que non poderán poñer un tellado completamente novo porque só se permiten pequenas reparacións e intervencións de mantemento nas súas vivendas. «Non hai licencia para nada máis», resume Kike.

«Esta é unha zona que quedou pendente de urbanizar e nós sabiámolo, pero unha cousa é estar pendente de urbanizar e, outra moi diferente é que se nos expropie todo para facer vivendas de protección oficial. Van tirar vivendas individuais para facer outras vivendas individuais que lles van vender a outras persoas», relata Mónica Díaz e María José López, que é presidenta da asociación de veciños de Pedralonga, denuncia que, cos cartos que lles dean non van poder facer fronte a unha casa das que constrúan no monte Mero nin unha vivenda de condicións similares cerca da cidade e, seguramente, tampouco para un piso, á vista dos prezos que se poden consultar nos portais do mercado inmobiliario.

Terreos no monte Mero, onde a Xunta pretende urbanizar para construír máis de 4.000 vivendas. |  Casteleiro/Roller Agencia

Terreos no monte Mero, onde a Xunta pretende urbanizar para construír máis de 4.000 vivendas. | Casteleiro/Roller Agencia

O drama é dobre cando se abren as fiestras e as portas das vivendas porque se pode ver a historia de Rebeca, unha muller de 42 anos cun 96% de discapacidade para a que o monte Mero é toda a vida que coñece. Ten o baño da casa adaptado ás súas necesidades, pode saír fóra cos cans e ao seu xardín sen tropezar nas escaleiras, a ninguén lle molestan os seus berros porque saben que está a ter unha crise e ten no silencio do campo o seu mellor aliado para estar tranquila. Ou a dunha veciña de máis de noventa anos; ou a de todos eses homes e mulleres que traballan un anaco de leira e que, para eles, é o mellor ximnasio e a mellor pastilla que pode existir. «Cando expropiaron o parque de Eirís moitísima xente morreu en menos de dous anos. A súa forma de vida desapareceu, pasaron de botar horas e horas cada día na horta a estaren sentados no sofá e morreron», relata Díaz, que pide que se teñan en conta esas situacións antes de borrar .

Explican que son un núcleo estable desde hai máis de sesenta anos, sempre as mesmas familias, sempre coas vivendas habitadas e que así pretendían seguir, se non podía ser con melloras, como que se aumentasen as frecuencias do bus ou que se abrise a man coas licenzas de reforma, pois igual que até o de agora. «Estase a dar o caso de que, cando morreron os avós, viñeron os netos vivir ás casas, sen ter vivido antes cos pais alí, o que é signo de bastante estabilidade e de que nos gusta vivir aquí», relata Mónica Díaz, que destaca, xunto aos seus veciños, que son parte da cidade sen estar metidos na cidade e que, lonxe do que puidese parecer, están comunicados. Non dirían que ben, porque levan anos reclamando a mellora das frecuencias dos buses, pero si que teñen alternativa ao coche co 1 A, ao seu paso por Pedralonga e na parte alta de Eirís e co 24, no seu percorrido pola Vedra.

«Aquí foi onde desfixemos os xeonllos aprendendo a andar en bicicleta, é onde nos criamos, onde están envellecendo os nosos pais e onde pretendiamos facelo nós», di Mónica sinalando o vieiro de acceso ao colexio de Maristas [o centro non está afectado por este plan de expropiación] que, coma os seus veciños, «nunca» pensou que Xunta e Concello chegasen a tanto. «Pretenden meter aquí as 4.000 vivendas que lle corresponden á comarca da Coruña, nin o imaxinabamos nin o entendemos, porque hai áreas na Coruña nas que non terían que tirar ningunha vivenda e aquí hai 38», comenta Mónica, facendo fincapé en que están habitadas e ben conservadas. Na presentación destas primeiras liñas do plan, tanto Concello como Xunta desvelaron que barallaran outras opcións, como intervir en Penamoa, O Portiño, As Rañas, Parque Alto e en parcelas da Zapateira, pero que, finalmente, se desbotaran para elixir o monte Mero, por, entre outras razóns, ser a prolongación lóxica de Xuxán, una barrio tamén aínda en construción.

«Pode ser que elixisen o sitio porque así constrúen todas as vivendas nunha esquina do Concello porque así molesta menos e que, así, de paso, esa xente molesta menos? Pois pode ser», comenta Díaz e Castelo explica que é «o mesmo que pasou en Sevilla cn Las Tres Mil Viviendas», un barrio marcado pola marxinalidade e pola delincuencia.

Peor quizais que saber que a súa casa e o seu xeito de vida se verá afectado para sempre é, neste momento, o non saber. Conta María José que, da reunión que mantiveron coa Xunta saíron «igual» que entraron, porque calquera dúbida que lle preguntaban tiña a mesma resposta: que no segundo semestre do ano (xuño ou xullo) estaría contratado o equipo redactor do proxecto e que serían eles quen lles poderían aclarar cuestións como por onde van ir as estradas, que casas están afectadas polo plan, se terán opción de seren realoxados no barrio... Ningunha pregunta ten resposta certa neste punto, pero os residentes no monte Mero empezaron a escoitar xa frases que moito lles soan, como a de: «Intentaremos que a afectación sexa a mínima posible e que a solución sexa a máis satisfactoria para todas as partes».

Non son argumentos novos para eles, son os mesmos que recibiron os veciños afectados pola construción da ampliación do hospital. «O máis satisfactorio para esta parte é que nos deixen en paz», resume Díaz, que se queixa tamén de que este plan de construción de vivenda non respecte este pulmón verde da cidade, algo do que o Concello non vai sobrado.

A pesar de que seguiron o mesmo procedemento co Concello, seguen esperando a que os citen a unha reunión desde novembro. «Queremos que o concelleiro de Urbanismo [Francisco Dinís Díaz Gallego] nos explique por que nós temos que perder as nosas casas para que se fagan vivendas de protección oficial e chalés». Así que as presidentas das entidades veciñais carecen de información para calmar a incerteza e a preocupación dos veciños, cando menos até mediados de ano, cando poderán solicitar reunirse co equipo redactor do proxecto.

Lucía Rodríguez incide en que, estea a súa casa ou non no plan de expropiación, ela, como todos os veciños que residen no monte Mero, vai estar afectada porque vai cambiar radicalmente o barrio e porque van sufrir as consecuencias das obras, con ou sen casa.

Non é a primeira vez que aos propietarios dos terreos do monte Mero levan as de perder por un plan de desenvolvemento público. «Antepasados nosos xa foron expropiados para construír a fábrica de armas, porque era un interese público. Fíxose o de dentro e o de fóra e, agora, volven expropiar os fillos e os netos», laméntase Kike Castelo, que denuncia que lles quitan os seus «dereitos como propietarios para venderllos a outros».

Marta Sánchez deixa tamén claro que cren que este proxecto aínda se pode parar e que todos os veciños e veciñas, incluso os pequenos propietarios dos terreos que xa non puideron construír unha vivenda porque estaba prohibido, se encontran moi unidos nesta loita. «Nós eliximos este xeito de vida e, agora, quítannolo», denuncia Sánchez que, como os seus compañeiros, fai fincapé en que hai outras opcións que serían menos lesivas, como expropiar os edificios que se encontran en situación ruinosa no centro da cidade e rehabilitalos para vivenda social.

Castelo quéixase, ademais, de que todo este proxecto se está a facer sen «transparencia e sen participación cidadá», xa que o método elixido para sacalo adiante éo PIA (Plan de Interese Autonómico), que recorta prazos e o proceso de exposición pública.

Contra este plan, aseguran, só lles queda unha cousa: «a unidade» e «chegar até o final para que se pare», resume Sánchez, a quen ese 27 de novembro, como a todos os veciños, lle viñeron moitos números á cabeza, porque cambiaron as fiestras o pasado mes de agosto e reformaran integramente o baño para facelo accesible o ano anterior e porque non é o mesmo o que lles poidan dar a cada un deles pola súa vivenda [que levan xa anos pagadas e sen cargas] na expropiación que verse cuns cartos no banco pero sen teito.

«A nós non nos vai chegar o que nos dean para comprar as casas que fagan», di Lucía Rodríguez, que sabe que quizais o prezo que lles aboen non lles chegue nin para mercar un solar.

«Nós non pagamos hipoteca nin alugueiro porque esas casas xa as pagaron por nós con moito esforzo. Aínda que teñas un soldo pequeno, se tes o teu teito, amáñaste. Co que nos dean terémonos que meter a un piso, e con 53 anos e prexubilada por enfermidade, quen me vai dar unha hipoteca?», pregúntase María José, que repite que ela ten ese teito pagado e que é inxusto que teña que ter que «empezar de cero».

Na mesma situación están Mónica e Marta, con salarios mileuristas, que xa cren que no banco se van rir delas cando entren solicitar unha hipoteca. Quéixanse ademais do inesperado da noticia e de que ninguén lles explicase que todo isto podería pasar para que puidesen organizarse, tamén economicamente, porque hai, polo menos unha vivenda, á que lle cambiaron todas as fiestras o pasado de mes de agosto e na que o verán anterior se reformou o cuarto de baño. Miles de euros que, supoñen, non lles devolverá o xustiprezo que lles paguen pola casa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents