O triángulo vermello da resistencia

Mercedes Núñez foi unha muller que loitou ata a súa morte contra o fascismo, sendo represaliada nun cárcere franquista e nun campo de concentración nazi. A súa historia chega as librarías cun libro escrito polo seu fillo, Pablo Iglesias, e a xornalista Carme Vidal, con ilustracións de Belén Diz

Ilustración de Mercedes Núñez na rúa Real da Coruña no ano 1966 feita por Belén Diz para o libro ‘O triángulo vermello’. |  LOC

Ilustración de Mercedes Núñez na rúa Real da Coruña no ano 1966 feita por Belén Diz para o libro ‘O triángulo vermello’. | LOC

Corría o ano 1966. Mercedes Núñez, nada en Barcelona, pero filla dun xoieiro de Bergondo, pasea polas rúas da Coruña co seu fillo Pablo. Hai un momento no que chegan a emblemática rúa Real. Alí párase e dille o seu fillo que lle saque unha foto. «É o lugar onde perdín a liberdade», comenta tras a instantánea.

Esa icónica fotografía é unha das ilustracións de Belén Diz no libro O triángulo vermello, que será presentado este venres as 19.30 horas na Asocaición Cultural Alexandre Bóveda (San Andrés, 36). A xornalista Carme Vidal e o fillo de Mercedes, Pablo Iglesias, son os autores desta obra que recupera esta historia de resistencia. «Hai anos achegueime á vida de Mercedes Núñez cando se publicou o seu libro Cárcere de Ventas en A Nosa Terra», lembra a xornalista, que se encargou naquel momento de facer o estudio biográfico desta obra que foi recuperada.

Foi nesa prisión franquista onde perdeu a liberdade en 1940 tras ser detida na Coruña. O seu delito? Traballar na creación do Partido Comunista. «No cárcere de Ventas viviu momentos tremendos. Mercedes e as súas compañeiras tiveron que vixiar a unha muller á que lle mataron os seus dous fillos, xa que tiñan medo que se suicidara», conta a xornalista. Mercedes acadou a súa liberdade en 1942, pero aquela experiencia non freou a súa forza para loitar contra o fascismo. Esta muller, que tiña que presentarse nos xulgados cada quince días, escapa a Francia e alístase nas forzas antinazis. De novo é detida, pero esta vez acaba no inferno: o campo de concentración de Ravensbrück.

«Alí pasou un tempo moi duro e sempre pensou que era unha morte segura», explica Carme Vidal. Este campo de concentración, que era exclusivo de mulleres, foi o segundo máis grande despois de Auschwitz. Mercedes conseguiu sobrevivir e conservou un triángulo vermello co que os nazis marcaban os prisioneiros que eran considerados comunistas.

Na súa volta a Galicia estableceuse en Vigo. «Comezou a dar charlas polos institutos contando a súa experiencia no campo de concentración. Ademais foi nomeada delegada galega de Amical de Mauthausen y otros campos [asociación de vítimas do nazismo en España]».

Mercedes morreu en 1986 sen que recoñeceran os deportados. O seu fillo ocupouse de mantela viva, difundindo a súa traxectoria e gardando obxectos e documentos da súa vida como o carné de pertenza á Resistencia francesa. Pablo tamén garda aquel triángulo vermello que dá nome o libro e co que Mercedes foi sinalada, pero que hoxe en día sirve para representar a resistencia e a valentía dunha muller que dedicou toda a súa vida a loitar pola liberdade e contra o fascismo.

Tracking Pixel Contents