A batalla fronte a dor no quirófano co inicio do uso do cloroformo para anestesiar (1847)

Retrato de James Young Simpson. | Autor anónimo, Surgeons´ Hall Museum, Edimburgo
xosé a. fraga
O 20 de decembro de 1847, no quirófano do Hospital Real de Santiago de Compostela (actual Hostal de los Reyes Católicos), Domingo Barreiro e Georgina Caamaño foron operados polos doutores Vicente Guarnerio e José González Olivares. A transcendencia desas intervencións é que tiveron lugar sen dor, polo uso novidoso de cloroformo como anestésico. Xunto coa operación realizada o mesmo día en Barcelona polo médico Antonio Mendoza era o comezo da utilización desa substancia en España, empregada por vez primeira por James Young Simpson a inicios de novembro en Edimburgo. Un notable avance na Medicina e nas condicións das persoas sometidas a intervencións cirúrxicas.

Retrato de Antonio Casares. | Anónimo
Retos da Cirurxía a mediados do século XIX

A batalla fronte a dor no quirófano co inicio do uso do cloroformo para anestesiar (1847)
Ata a metade do século XIX os cirurxiáns debían realizar as operacións dun xeito ben rápido, pois carecían de medios para sedar o doente; asemade, tiñan problemas coas hemorraxias e a propia intervención xeraba case sempre perigosas infeccións, polo que a taxa de mortalidade entre os pacientes que pasaban por un quirófano resultaba moi elevada. Esas intervencións constituían un terrible espectáculo, co enfermo amarrado na mesa de operacións, berrando, soportando un sufrimento brutal. Por iso un dos elementos que distinguían aos mellores cirurxiáns era a rapidez da súa intervención. James Syme, a quen lle chamaban o «Napoleón da cirurxía», fixérase célebre en 1823 ao completar en Edimburgo a amputación dunha perna —incluíndo a cadeira— en menos dun minuto. A aplicación da anestesia permitiría aos especialistas dispoñer de tempo para traballar con vagar nas súas intervencións e, ademais, reducir o sufrimento do operado.

A batalla fronte a dor no quirófano co inicio do uso do cloroformo para anestesiar (1847)
A escola médica de Edimburgo, un modelo de éxito
Na capital de Escocia, esa activa e fermosa cidade chea de historia, na que a chuvia adoita formar parte da paisaxe cotiá, funcionou unha das escolas médicas máis importantes dos séculos XVIII e XIX, xerando avances decisivos que transformaron a Medicina e a Cirurxía. Edimburgo exerceu o liderado no conxunto do Reino Unido e a súa sona e influencia chegaron a moitos lugares, entre outros a Galicia.
Nese proceso participaron destacados médicos e cirurxiáns, como John Hunter e Benjamin Bell. Outro Bell, Charles, foi unha figura da Cirurxía e Medicina británicas, un dos anatomistas máis importantes da súa época. A conexión deste Bell coa Coruña procede da súa intervención como médico voluntario a principios de 1809 en Portsmouth, onde chegaran uns 5.000 soldados enfermos e feridos do exército expedicionario británico que foron repatriados no porto herculino despois da batalla de Elviña. Bell aproveitou para realizar un rexistro gráfico dalgúns dos feridos que lle serviron de base para elaborar pouco despois unhas pinturas ao óleo sobre lenzo. Hoxe as Corunna Paintings están expostas no Museo de Cirurxía de Edimburgo (Surgeon´s Hall Museum), templo da historia desta disciplina.
Alexander Munro converteuse en 1722 no primeiro profesor de Anatomía na Universidade de Edimburgo, con formación en centros tan prestixiosos como a Universidade de Leiden. O seu fillo e neto, con similar nome, sucederíano na cátedra. Os dous primeiros da saga foron salientables profesores, pero —finalmente— a endogamia acabaría demostrando as súas nefastas consecuencias. O terceiro Munro resultou ser un mal docente e anacrónico cientificamente, nas súas clases lía as notas do avó, recibindo as protestas dos alumnos no momento no que reproducía a frase: «cando eu estudaba en Leiden». Xa aludimos a James Syme, catedrático de Cirurxía clínica de 1833 a 1869. El foi quen aceptou como asistente seu en 1853 a un inglés recén licenciado, Joseph Lister. Este médico —figura central no combate fronte as infeccións xeradas nos procesos operatorios (asepsia, antisepsia) que salvaron moitas vidas— sería designado profesor en 1855 na Universidade de Edimburgo.
O éxito do modelo médico-cirúrxico de Edimburgo non foi produto da casualidade. O Concello da cidade implicouse, desde principios do século XVIII, puxo recursos ao servizo da universidade, que soubo transformarse, atenta aos novos coñecementos. Ademais, o corporativismo estivo controlado, reduciuse o afastamento médico-cirurxián e dignificouse o labor deses profesionais. Os avances importantes foron trasladados ao terreo da aprendizaxe e apostouse polo ensino práctico, nunha cidade na que atrancos ideolóxicos e relixiosos foron escasos.
Francisco de Neira en Edimburgo
A Edimburgo acudiron moitas persoas, ben para estudar Medicina e/ou Cirurxía ou para completar a súa formación. Vou referirme só a unha, ao lucense Francisco de Neira, catedrático de Institucións médicas da universidade compostelá, quen pasaría a ser en 1784 o primeiro profesor universitario de Galicia da área de Ciencias que completaba a súa formación en institucións europeas. Neira pasou catro anos realizando unha ampla viaxe de estudos polos principais centros científicos europeos. Actualizou os seus coñecementos de Física experimental, Anatomía, Clínica e Botánica nas escolas de París, Londres e Edimburgo. De volta en Santiago, en 1789 asumiu a cátedra de Física e incorporou —por vez primeira na universidade galega— a obra de Isaac Newton.
James Young Simpson e a chegada da anestesia
Entre os profesores da escola médica de Edimburgo tamén salientou un especialista que xoga un papel protagonista no tema que hoxe tratamos, James Young Simpson (1811-1870), profesor de Obstetricia na universidade da cidade escocesa, primeiro en utilizar o cloroformo como anestésico en 1847. Un ano antes comezara a usarse o éter sulfúrico con esa finalidade. Despois dalgunha experiencia en EEUU, o médico Robert Liston, formado en Edimburgo e catedrático de Cirurxía do Colexio universitario de Londres, utilizouno en decembro de 1846 nunha amputación. Por certo, cando o operado —Frederik Churchill, 36 anos— espertou da anestesia pediu que non o operaran: «doutor, penseino mellor, cambiei de opinión»; xa non tiña perna.
A aplicación do éter resultaba incómoda e os especialistas buscaban un posible substituto, proceso no que interveu Simpson. A proba inicial co cloroformo, o xoves 4 de novembro de 1847, ten sido recollida en numerosas publicacións. O médico adoitaba xuntarse polas noites na súa casa con dous dos seus asistentes, cos que ás veces probaba os efectos anestésicos de diversos produtos químicos. Simpson obtivera cloroformo dun farmacéutico e os tres decidiron probar os seus resultados. Inhalaron a substancia, que inicialmente lles provocou certa excitación e alegría para, finalmente, deixalos durmidos, non espertando ata a mañá seguinte. O experimento foi arriscado, a dose utilizada puido ter consecuencias nefastas, pero non foi así e Simpson concluíu que o cloroformo podería ser utilizado como anestésico. Á semana seguinte usouno con éxito cunha paciente nun parto.
O cloroformo en Galicia
As novas sobre o uso de cloroformo por Simpson espalláronse rapidamente por Gran Bretaña, o 20 de novembro xa foi utilizado polo cirurxián William Fergusson no hospital St. Bartholomew de Londres e en decembro era algo coñecido no resto dos países europeos. A España chegaron polos xornais médicos e de información xeral inglesa e, sobre todo, francesa.
O momento da difusión da anestesia coincidiu en Galicia coa presenza na Facultade de Medicina compostelá dunha serie de activos profesores interesados polas novidades, como era o caso de José González Olivares (1802-?), Vicente Guarnerio Gómez (1818-1880) e Andrés Laorden López (1813-1902). Xa en febreiro de 1847 González Olivares, catedrático de Enfermidades da Muller e os Nenos, utilizara o éter sulfúrico nunha operación.
Canto o cloroformo, Vicente Guarnerio, catedrático de Clínica cirúrxica, explicaría que se informou da experiencia de Simpson en Edimburgo polo xornal parisiense El Journal des débats do día 24 de novembro, que recibira o 3 de decembro e leu o 4. Consultamos o periódico e confirmamos que na páxina dous do 24 de novembro apareceu información sobre a iniciativa do médico escocés. Mais, se Guarnerio adoitaba ler ese xornal, podería acceder á nova xa pola lectura do exemplar do 20 de novembro, que sinalaba o achado de Simpson. O texto do 24 é máis amplo e está asinado por G. Richelot, que identificamos como Gustave-Antoine Richelot (1807-1893), tradutor de obras de John Hunter, un dos dous fundadores dun xornal especializado, L´Union médicale, quen explicaba que o texto publicado no Journal des débats era unha versión reducida do aparecido anteriormente nese medio. Efectivamente, L´Union Médicale do 23 de novembro, destaca en portada e na páxina seguinte un amplo artigo (Le chloroforme. Noveau moyen de faire disparaitr), que engadía, ademais, como se preparaba o cloroformo, o método de Eugène Soubeiran.
A nova mobilizou a varios profesores. O día 19 dese mes de decembro Antonio Casares, catedrático de Química, que dispuña dunha pequena cantidade de cloroformo elaborado por el, segundo un método semellante ao de Soubeiran, reuniu no seu laboratorio da universidade aos profesores de Medicina Vicente Guarnerio, José González Olivares e Andrés de Laorden e ao catedrático de Matemáticas Domingo Fontán. Alí aplicou —cun pano no nariz e boca— media dracma (uns 1700 mgrs) de cloroformo a un can, quen ficou durmido nuns dous minutos. Ao animal fixéronlle —previa incisión nunha nádega— unha beliscadura no nervio ciático que tería que provocar unha aguda resposta, mais non reaccionou. A escena seguinte lembra algo á acontecida na casa de Simpson en Edimburgo, se ben aquí os médicos non participaron no auto-ensaio. Casares aplicouse algo menos de media dracma de cloroformo, axiña estaba abatido e recuperouse nuns minutos. A cousa funcionaba.
Operacións iniciais con cloroformo en Galicia, o publicado e o acontecido
Ao día seguinte da proba realizada, o 20 de decembro, Guarnerio realizou a primeira intervención con anestesia clorofórmica na súa clínica cirúrxica do Hospital Real de Santiago. Existía unha notable expectación, de feito asistiron varios profesores da facultade e numerosos alumnos. O enfermo, Domingo Barreiro duns 60 anos, sufría un cancro no pene e o cirurxián amputoullo parcialmente; en medio da desgraza, Domingo non sufriu dor na operación. Esa mesma mañá, González Olivares operou usando cloroformo a Georgina Caamaño, de 38 anos, á que realizou unha amputación de mama e baleirado ganglionar dunha axila. Cómpre salientar que nesas intervencións usouse cloroformo empapado nun pano, mentres que Simpson empregaba goteo do anestésico sobre compresa. O éxito das operacións fixo que a continuación se estendese a súa aplicación nos quirófanos do Hospital Real.
O relato dos médicos protagonistas é a base da que se parte para a descrición que acabamos de realizar. A Avelino Franco Grande sorprendeulle o período que pasou entre a recepción da nova, 4 de decembro, e a experimentación, o 19. Pescudou nos arquivos do hospital e atopou que un tal Manuel Alejos, de 21 anos, puido ser operado usando cloroformo entre o 8 e o 12 dese mes. O paciente sufriu a amputación dunha perna «por el método y procedimiento de Bell» e houbo problemas, a cantidade de cloroformo utilizada non abondou e o pobre Manuel soportou unha gran dor. Por iso —probablemente— tivo lugar a experiencia do 19 no laboratorio de Casares.
O fracaso con Alejos podería explicar que non fose recollida na narración realizada polos médicos. A pescuda de Franco Grande puxo de manifesto, de cara a coñecer o acontecido, a necesidade de contrastar e verificar versións e ver o encaixe delas cos feitos coñecidos. Os humanos de todo tipo e condición —incluídos, desde logo, os científicos— adoitamos esaxerar os nosos méritos e agachar o que non nos permite relucir.
Década dourada e decadencia da Facultade de Medicina compostelá
A participación de varios profesores na anestesia visualiza á Facultade de Medicina da universidade galega traballando sobre un tema de vangarda, un feito salientable que nos leva a preguntar polas posibles razóns desa destacada posición. Nese sentido, cómpre sinalar un elemento ao que xa fixemos alusión, a feliz circunstancia de coincidir unha serie de activos profesores interesados polas novidades, como era o caso de José González Olivares, Vicente Guarnerio Gómez e Andrés Laorden López, quen, como vimos, contaron coa colaboración dalgún colega doutra facultade. Nun período —e esta é unha razón relevante— no que os estudos das áreas científicas na Universidade de Santiago se atopaban nun momento doce.
Os plans de estudos impulsados polo liberalismo conservador no ámbito estatal permitiron que os estudos de Ciencias fosen creados en Compostela no contexto do plan Pidal de 1845 como unha sección dentro da Facultade de Filosofía. Despois, en 1857 (plan Moyano), afastaríanse dos de Filosofía e podemos realmente falar dunha Facultade de Ciencias; por outra banda, nese mesmo 1857 creouse a Facultade de Farmacia. O resultado deses cambios foi un incremento do profesorado e a dotación de gabinetes e laboratorios. Asemade, arredor da actividade de profesores da Facultade de Medicina creouse a Academia de Emulación (1847-1850) e o seu voceiro, a Revista Médica (1848-1850). Todo iso axudou a que a universidade despregara unha actividade acorde coas esixencias dos tempos e a que xurdisen iniciativas ao seu redor.
Lamentablemente, ese impulso modernizador perdeu forza en pouco tempo. Varios profesores salientables abandonaron Compostela: Guarnerio, en 1850, Laorden, en 1854 e Olivares, en 1858. Por outra banda, Antonio Casares pasou a ocupar diversos cargos de representación, o que repercutiu no seu labor científico, que foi reducíndose á análise das augas e á docencia, sen ser quen de formar escola. Ademais, a Facultade de Ciencias desaparece en 1867. O resultado é que a Facultade de Medicina compostelá pasaría a estar desconectada das novidades científicas durante décadas.
- Detenido un hombre en Monte Alto por sospecha de retención ilegal de su madre
- Cuándo, dónde y a qué precio comer las laconadas de las Lacónicas de A Coruña
- Una influencer viguesa visita A Coruña para probar 'la mejor tortilla de España': 'Es perfecta
- La ampliación del hospital de A Coruña derriba la escuela infantil Golfiño: «Me da mucha pena»
- El día después del incendio en Monte Alto: «Me encontré el taller inundado»
- La urbanización fallida del entorno de la Torre, camino de un nuevo pleito judicial
- Libertad para los tres detenidos en la operación contra el menudeo de droga en los barrios de A Coruña
- Golpe al menudeo de drogas en A Coruña, con cuatro registros y varios detenidos