Chegar á música tradicional pasados os 55

Algunhas das alumnas dos grupos de iniciación sénior de Donaire admiten que sempre quixeran cantar e bailar, pero nunca tiveran tempo para dedicarlle a esta formación ata a xubilación; outras acoden ás clases polas súas fillas ou netos. Son 31, teñen entre 56 e 80 anos e están a cumprir un soño

Bailadores do grupo sénior de Donaire, durante un ensaio. | Iago López

Bailadores do grupo sénior de Donaire, durante un ensaio. | Iago López

Cando se publique esta reportaxe, seguramente, Luisa xa estea xubilada. Foi unha compañeira de traballo, Lupe, a que lle falou de Donaire e quen a animou a que lle puxese solución a esa «materia pendente» que tiña de sempre: «tocar a pandeireta» e, unha vez que se anotou a clase, xa se animou tamén a ir a baile tradicional. Alí atopouse con Mari Carmen e con Silvia, ás que coñece desde os catro anos. «Foi unha sorpresa moi agradable reencontrarnos aquí», admiten.

Alumnas do grupo sénior de pandeireta tocan para os compañeiros e compañeiras de baile. |  Iago López

Alumnas do grupo sénior de pandeireta tocan para os compañeiros e compañeiras de baile. | Iago López

Silvia ten 64 anos e está xubilada desde hai dous. «Eu traballaba no rural e tiña dúas nenas na escola. Nos últimos anos traballabamos a música tradicional e tiña unha mamá que tocaba moi ben a pandeireta e, durante a pandemia, fíxonos un montón de vídeos, tróuxonos pandeiretas... Eu díxenlle que, cando me xubilase, había ir aprender tocar con ela e díxome que si, pero morreu. Entón quedoume esa cousa. Luisa díxome que se ía apuntar este ano e vin con ela. E moitas veces penso nela cando toco e digo: ‘vai por ti, que vou aprender a tocar a pandeireta’», relata Silvia. A casualidade quixo que a filla desa rapaza e mais ela compartan agora profesora, Olga Kirk, que leva máis de trinta anos dando clase de música e baile tradicional e que —asegura —o grupo sénior, que comezou este curso a súa andaina, é co que máis contenta está.

A profesora Olga Kirk, durante a entrevista. |  Iago López

A profesora Olga Kirk, durante a entrevista. | Iago López

Non esconde que, ao principio, tivo «medo», sobre todo, coa formación de baile porque temía non atopar o punto exacto entre a esixencia e o pasalo ben e, por suposto, por se se lle mancaba alguén. «Ao final lesioneime eu», confesa Kirk, que ten 31 alumnas e alumnos nestes grupos sénior de iniciación de entre 56 e 80 anos. «Aquí non hai presión, é diversión total, pero con moitas ganas de aprender e de facelo ben», resume Kirk.

Ensaio do grupo de baile sénior, de Donaire.|  Iago López

Ensaio do grupo de baile sénior, de Donaire.| Iago López

Na aula atópanse situacións de todo tipo, Elena admite que obrigou ao seu fillo a ir a baile cando era «pequeniño»e despois, foi el quen a mandou a ela ir a clase. «Cando empecei a estar un pouco máis relaxada, apunteime tamén a pandeireta», confesa, así que, o de ir por imposición durou pouco tempo.

«Primeiro obrigouno pero despois só quería ir ao colexio se había baile», lembra Olga Kirk do fillo de Elena, Antonio Prado, profesor agora, el tamén, na asociación. Porque en Donaire hai familias enteiras que se coñecen desde hai 25 anos —os que cumpre o grupo este curso—; Suso, por exemplo, vai a clase de baile coa súa parella porque empezaron a ir as súas tres fillas a Donaire de pequenas e agora non queren chegar «a unha foliada con elas e non saber facer nada», así que, polo menos, queren aprender a darlle un xeito ao baile.

Mari ten 66 anos e declárase «forofa» de Carlos Núñez «desde hai quince anos». «Onde vai el, vou eu», sentenza, así que, quixo aprender a tocar a gaita. «Empecei e non fun capaz, así que, como segunda opción, probei coa pandeireta, a ver se me era máis fácil. Souben dos grupos sénior e estou encantada porque vexo que avanzo», confesa. A Florinda sempre lle gustou cantar, «de toda a vida», incluso de nova se quixo dedicar á música, pero eran outros tempos e non puido ser. «Tiña unha guitarra, e todo, pero despois marchei a Suíza e, cando regresei, intentei buscar algo, pero os horarios que había eran moi tarde, ata que atopei a Donaire e estou encantada», relata. Carmen ten 64 anos a piques de cumprir 65 e, antes da pandemia, como ela é de Vilaboa, empezara a ir alí a clase de pandeireta, pero co confinamento, «cortouse todo», así que, unha vez levantadas as restricións, quixo retomar a actividade, pero xa o fixo en Donaire.

María Lema é das máis veteranas, con 75 anos, ela como tantas outras, tivo que aparcar as cousas que lle gustaban porque había outras que sempre tiñan prioridade. «Cando eu era nena había que facer outras cousas, xusto o curso pasado empezaron en Donaire a filla, o xenro e mais a neta e a nena, que está moito comigo, díxome que viñese e empecei, pero sentíame mal, porque non daba o ritmo das rapazas novas que había, e dixen que non, que para tocar a rastro, facíao na casa. Pero despois dixéronme que empezaba un grupo sénior e, entón, quixen probar outra vez e moi ben, moi contenta», relata María Lema, que, igual que Gloria, chegou a Donaire da man da súa neta e da súa nora.

Polas súas alumnas e por unha casualidade acabou Mavi no grupo. «Hai xa bastantes anos, puxen un día no Facebook que a miña ilusión era aprender a tocar a pandeireta porque había un sorteo dunha de Sanín. Elas viron a publicación e cando rematou o curso regaláronme unha pandeireta moi chula, cunha Torre de Hércules gravada, co meu nome e o ano. Entón, tiven que vir a clase. Pregunteille a unha alumna, que sabía que tocaba e díxome que viñese a Donaire e xa son de Donaire para a vida», relata. Os inicios non foron doados, porque, primeiro, estivo nun grupo con rapazas novas. «Sentíame coma nos vídeos estes da xente que vai ao ximnasio que todos van para un lado e hai unha que vai para o outro... pois eu era esa. Botei un par de anos e, cando vin que había o grupo sénior, dixen: ‘ese é o meu sitio’ e encantada, aínda que Olga esixe moito», confesa Mavi.

Están de acordo con ela as compañeiras cando di que, estando nese grupo, impórtalles menos que as cousas non saian á primeira porque hai moi bo humor. «Eu veño con máis ganas e con menos presión e dinse cousas que me fan moita graza. De feito, gravaron un vídeo e eu non puiden vir e fastidioume un montón», admite.

Teresa ten 65 anos e empezou no grupo «por coñecer o folclore galego e facer algo de baile». Tanto o seu pai, como o seu avó cantaban, pero poucas veces os viu. Facíano cando ela era pequeniña e, despois, «xa se perdeu ese costume» na casa. Ela lembra as festas «coa música do momento», pero non xa con «muiñeiras nin xotas». Tamén se cantaba no fogar de Beatriz, de 56 anos, pero ela, coma tantas outras, «por unhas cousas e por outras» nunca foi a clase, así que, cando se xubilou anticipadamente, pensou: «isto débollo á miña nai» e empezou a ir a Donaire. Di que as clases son como o que se facía na súa casa «pero mellorado», así que, cada sesión tamén a transporta a ela a aquelas lembranzas da súa nenez.

Julia Places é a máis veterana, ten 79 anos, é de Boiro, pero hai doce anos, cando naceu o seu primeiro neto, empezou a ir e vir máis á Coruña. «Eu xa ía a pandeireta en Boiro, e vou aínda. A miña filla, sen eu dicirlle nada, díxome un día que me tiña un evento, que era vir a pandeireta co neto. El deixou, que agora non ten gana de vir, pero eu estou encantada, porque a xente é marabillosa», explica Julia, que pensaba que, ao ser a maior de todas, non lle ían falar, pero nada máis lonxe da realidade. «Os martes veño a baile con Olga e os xoves, con Bea», comenta entre eloxios ás súas profesoras. «En Boiro empezamos unha amigas, eu son a máis nova delas e pasámolo moi ben», relata, tanto, que ata van ás foliadas e hai quen as invita para que vaian tocar a outros concellos. «É que somos moi divertidas», resume.

José, de 68 anos, chegou á música tradicional polo acordeón, encontrou «bo ambiente» e, entón, decidiu «facer algo máis» e anotouse a baile. A súa muller animouse a ir con el e ela, pola súa conta, vai tamén a pandeireta. «Pensabamos que nos habían doer os xeonllos, pero facemos que saltamos e xa está», di entre risas José, porque o seu é o sentir de moitas outras das que van a clase todas as semana .

No outro lado da moeda está Mari Loli, que admite que «nunca» lle gustara a música tradicional, pero agora vai a gaita, a pandeireta e a baile. «Cando ía á escola quería aprender castelán, non lle daba valor á gaita nin ás cancións», explica. O seu cambio radical chegou coa prexubilación. Ela era «bastante nova», así que, «quería facer algunha actividade» diferente porque pasar de «traballar oito horas e case dúas de camiño e facer despois todo o da casa» a estar sen ocupación fíxoa pensar que «non valía moito xa». Entón decidiuse pola gaita porque era algo ao que ela lle daba valor real. «Empecei por aí e, canto máis aprendía, máis me gustaba, despois, seguín pola pandeireta e polo baile, que non lle dou moito, pero ando detrás das outras», di entre risas.

Loli, sen embargo, empezou con sete anos a bailar, cando os seus pais emigraron e a meteron interna nun colexio en Ferrol. Estivo alí ata os doce anos e sempre bailando. Hai quince anos retomou a pandeireta e o canto e despois, o baile. Hai cinco anos empezou cunha amiga en Donaire. «Eu non me anotei neste grupo, porque consideraba que bailaba mellor, porque como tiña tanta historia d que bailara de pequena, pero a profesora mandoume para aquí. Eu pensaba que igual podería ir con xente nova, pero agora estou encantada, non me cambio porque o paso en grande con elas»,confesa. Loli, ademais, leva a afección máis alá, porque tres veces ao ano vai a actividades en pobos de Castela e está a rematar xa o seu traxe tradicional.

No polo oposto está Isa, de 62 anos, que empezou con toda a ilusión en 2021 a tocar pandeireta e «ao segundo día» xa quixo abandonar porque «pensaba que non ía dar aprendido». Algo parecido lle pasou a Chus, que fixo «dúas tendinites» en canto empezou en pandeireta, pero esa etapa de lesións logo pasou e agora toca tamén o tamboril e vai a baile.

Elas, como tantas outras mulleres da súa xeración, tiveron que antepoñer outras tarefas ás súas ganas de aprender, así que, agora gozan deste tempocompartido que é só para elas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents