O Grupo Hábitat opina...

Sobre o futuro das zonas húmidas

Cosme Damián Romay Cousido

Ademais do Día da Candeloria —«Día da luz», no que «casan os paxariños»—, hoxe é o Día mundial das zonas húmidas. Conmemora en todo o mundo a aprobación da Convención relativa ás zonas húmidas de importancia internacional (Convenio de Ramsar), asinado nesta cidade iraniana un 2 de febreiro de 1971. As zonas húmidas son ecosistemas nos que a auga é o factor que domina a contorna e biodiversidade asociada. Poden ser de auga doce, salobre ou salgada, superficiais ou subterráneos, e mesmo ter sido creados polos seres humanos. Cobren o 6% da superficie do planeta, pero acollen o 40% das especies, situándoos entre os ecosistemas máis valiosos da Terra. Mil millóns de persoas dependen das zonas húmidas como medio de subsistencia. Nunha perspectiva galega, grandes espazos húmidos, como a ría de Arousa (unha das seis «zonas Ramsar» en Galicia) ou a ría de Muros e Noia, son o sustento de centos de familias. Porén, máis dun terzo das zonas húmidas a nivel global desapareceron no último medio século, a maioría das que se conservan sofren impactos diarios (contaminación, pesca abusiva, destrución de hábitats…). Ademais, o cambio climático está a causar estragos, alterando as dinámicas naturais de lagoas e ríos. Un exemplo é o río Ulla, con estiaxes cada vez máis frecuentes que acaban tendo impacto —en forma de explosións de microalgas e cianobacterias—, no encoro de Portodemouros, zona húmida que aínda conserva gran valor natural. A calidade das augas do Ulla teñen vinculación directa coa produtividade da ría de Arousa. Así e todo, onte publicouse en medios o «si» ao proxecto de celulosa na Ulloa por parte do gran «ente» de xestión e aproveitamento dos recursos hídricos de Galicia. O ente validou futuras verteduras da celulosa ao Ulla, sen apreciar impacto na calidade das augas do río e do encoro de Portodemouros. Afirmou que eran compatibles coa planificación hidrolóxica (!). Hai que lembrar que a permisividade desta entidade perante as continuas verteduras da mina de San Finx á ría de Muros e Noia supuxeron abrirlles dilixencias xudiciais. O desleixo perante a contaminación procedente da mina de Touro, que afectou ao Ulla e á ría de Arousa, tamén supuxo iniciar investigacións preprocesuais contra este mesmo ente.

Conclusión: as zonas húmidas seguen ameazadas a nivel global, e o caso de Galicia é paradigmático. O río Ulla, o encoro de Portodemouros e as rías de Arousa e Muros e Noia teñen a espada de Damocles da celulosa de Ulloa e da reapertura de minas. O G. N. Hábitat seguirá a loitar contra estes macroproxectos e a favor da conservación dos ecosistemas naturais.

Tracking Pixel Contents