Xosé Rodríguez, o matemático que mudou a historia
O libro ‘Xose Rodríguez González (1770-1824), o paseante da luz’, editado por Xosé A. Fraga, repasa a historia do científico e a súa pegada na política

Xosé A. Fraga, este mércores, cun exemplar do libro. / German Barreiros/Roller Agencia
Hai máis dun ano que o divulgador Xosé A. Fraga puxo o ollo na historia do matemático Xosé Rodríguez González (1770-1824). «Naquel momento, Ana Tarrío, profesora de Matemáticas, e mais eu comentamos que era o bicentenario do seu pasamento e que era unha figura que merecía divulgarse e coñecerse máis polo público», recorda.
Os dous falaron coa directora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, Ana Romero, e coa Reitoría da Universidade da Coruña para facer realidade esta homenaxe. «Finalmente uniuse o Ceida —Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia— e formamos unha tripla alianza para facer unha actividade divulgativa», conta.
Desta forma naceu o libro O matemático Xosé Rodríguez González, o paseante da luz, que foi presentado onte na Biblioteca de Estudos Locais. «Encargueime da edición e de reunir os textos dos intervintes na xornada sobre o matemático que fixemos en xuño en Santa Cruz», sinala Fraga, quen insiste en que é importante por «o foco sobre este científico».
Xosé Rodríguez González, relata o divulgador, «viviu nun momento no que a actividade científica era moi escasa». Foi, polo tanto, «un pioneiro». «Iniciou a actividade científica moderna en Galicia», destaca, e asegura que foi tamén un home de mundo: «Despois de sacar a cátedra de Matemáticas en Santiago, percorreu centros de formación científica en París ou Londres». «Ningún galego de aquela época acadara esa formación e contactos», afirma.
A súa pegada é moi importante, e así o demostran os traballos que publicou «sobre o meridiano e a forma da Terra». «Crea escola e xera discípulos como Domingo Fontán, quen logo confeccionou o primeiro mapa científico de Galicia», engade.
O matemático tivo, ademais, "importantes postos en Madrid, como director do Observatorio Astronómico e membro da Academia Nacional de Ciencias", e tamén foi profesor de astronomía. «Tivo moito impacto, foi un motor da modernización», declara Fraga.
O divulgador defende que a importancia de Xosé Rodríguez González vai máis aló do campo das matemáticas. «Non foi o típico científico que estaba nunha burbulla. Tamén participou na actividade política, na transformación do século XIX», expón.
Xosé A. Fraga conta que, na Coruña, o matemático acudía en moitas ocasións ao Club de la Esperanza, «un café onde estaban os liberais máis destacados», pois «sempre estivo a favor de instaurar un sistema de liberdade». Ademais, foi deputado nas Cortes do Trienio liberal e «participou moi activamente desde esa perspectiva de modernización do sistema política». Un home que merece ser recordado, e non só a nivel galego. «Tamén ten un lugar salientable a nivel estatal», comenta Fraga sobre un científico que naceu nunha familia humilde en Bermés, en Lalín, rompeu moitos moldes e logrou un «gran éxito profesional».
A súa vida rematou en Santiago de Compostela no ano 1824, meses despois do seu regreso a Galicia. Foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño ao día seguinte.
- Sin seguro tras ocho años en el taxi por A Coruña
- El pueblo marinero a media hora de A Coruña que triunfa en TikTok: 'Perfecto para una escapada primaveral
- Activada la búsqueda de un desaparecido al caer al mar en Punta Herminia tras ser arrollado por una ola
- Matrícula en colegios de A Coruña: el 51% de los centros no cubre plazas
- Dos edificios de O Castrillón unen sus portales para compartir ascensor
- El futuro de la intermodal de A Coruña, más cerca: la estación de autobús toma forma
- Arrancan en Agrela las obras de la glorieta en el cruce de avenida de Fisterra con calle Gutenberg
- Un popular influencer gastronómico prueba 'el mejor marisco gallego' en este restaurante de A Coruña: 'Templo del producto