Carrillo e a procura dun mundo mellor
A Pepe Carrillo non lle pesan os anos na rúa. Ten a certeza de que, co apoio da súa muller, Luisa Lata, foi quen de se dedicar ao que máis lle gusta, que é conquerir dereitos e mellorar as condicións dos traballadores. A UGT, o seu sindicato, a súa casa, rendeulle este venres unha homenaxe por toda unha vida de loita

Homenaxe a Pepe Carrillo / Iago López
O día que Luisa Lata pasou máis medo polo seu home, Pepe Carrillo, foi, sen dúbida, o 23 de febreiro de 1981, cando viu entrar os militares no Congreso e soubo que estaban a dar un golpe de Estado. Na súa casa, enriba dun armario, estaba a metade do arquivo dos afiliados da UGT na Coruña no sector de comercio e hostalaría. "A orde que tiña o meu sogro, que lla din eu, era que, se a min me detiñan, tiña que queimalo todo, porque daquela tiñamos un lote de afiliados e as fichas tiñan os enderezos, os DNI e era moi fácil ir por eles", relata Pepe Carrillo, que este venres recibiu unha homenaxe dos seus compañeiros e compañeiras por todos os anos dedicados á loita sindical, a traballar por un mundo mellor para os que veñen detrás.
Ese foi o peor día, pero Carrillo non se arrepinte do rumbo que tomou a súa vida, de traballar cara ao público en Retales Oliva, a coller coches ás dúas da mañá para chegar a unha reunión en Madrid antes de que raiase o día, de non querer ser cabeza de lista do PSOE de Culleredo a renunciar á pensión máxima cando pechou finalmente a fábrica de armas porque había 62 compañeiros que querían seguir loitando e el, e o seu inseparable compañeiro, Roberto Teijido, tiñan que ser os que pechasen a porta, os derradeiros en seren despedidos. "Nós sabiamos que iso significaba que marchaban cunha man diante e outra detrás, pero o importante é que el vai coa cabeza ben alta e os fillos, orgullosos", recoñece Luisa, porque foron aqueles tempos ben difíciles.
«Riscos sempre había, porque cando foi da fábrica de armas, cortabamos a estrada con neumáticos, pero o forte foi o 23 F», relata Carrillo, sabendo que ese día puido ter cambiado o devir da súa e de moitas outras vidas. Luisa tiña aínda moi presente a ditadura, as desaparicións, as penas de cárcere e as mortes e sabía que poderían volver atrás se o golpe prosperaba.
A ela tocoulle "moitas veces" facer de nai de pai dos seus tres fillos, pero sempre entendeu a entrega e o labor de Pepe tanto no sindicato como no partido. "Eu cando el me dicía que non podía vir a un sitio ou facer algo sempre pensaba: ‘é que alguén ten que loitar’... ademais que era polo ben de todos. Eu penso que o hai que entender así", confesa Luisa que, cando coñeceu a Pepe, non era máis ca un neno. "Fomos xuntos á escola, eramos veciños, empezamos a andar xuntos de mozos e despois casamos e foi a raíz de termos os nenos cando el xa se implicou máis e fundaron o Partido Socialista en Culleredo", explica Lata. Ela escolleu "non participar" nos actos, pero si acompañalo na súa andaina sindical e política. "Colliamos o seiscentos e iamos todos para que os nenos aprendesen tamén que había que loitar", relata Luisa, que non esperaba que o recoñecemento a Carrillo se tornase tamén nunha homenaxe a ela, que estivo sempre ao seu carón.
"Eu agora ando cos netos, veño de vez en cando e se hai unha manifestación vou, pero coma un máis, coma se non tivese sido secretario xeral. Eu non quero ser coma Felipe González ou coma Alfonso Guerra, que non marchan nunca", confesa Pepe Carrillo, que se criou nunha familia de esquerdas e que foi un profesor da República quen fixo que agromasen nel ideas socialistas e progresistas, tal e como lembrou a presidenta do Instituto José Cornide, Ana Romero Masiá.
Foi en 1979 cando se afiliou a ao PSOE e á UGT e, logo de trece anos traballando no comercio, entrou na fábrica de armas, onde rematou a súa vida laboral. Desde 1992 até 2020 foi secretario xeral comarcal da UGT da Coruña. No seu despacho, durante moitos anos, colgou un retrato de Pablo Iglesias, feito por Masiá, do cal os compañeiros lle agasallaron unha réplica para que poida ter a mesma vista que tiña desde a súa mesa, na súa casa.
Desde aquelas primeiras accións de ir repartir folletos ás empresas a hoxe cambiaron moito as cousas, tanto, que nunha viaxe a Madrid tanto Roberto Teijido coma el viron o primeiro teléfono móbil, cando nun restaurante lles levaron un aparello enorme á mesa para que puidesen chamar a casa. "Agora enseguida mandas unha mensaxe ou un correo, pero daquela había que coller o coche, deixabas as reunións sen pechar e chamábante á casa para que foses ao día seguinte, tiñamos que parar nun bar para falar co sindicato...", comenta Carrillo que se recoñece a si mesmo como pouco proclive á desesperanza.
"Eu teño saído da casa medio mosqueado, poñer a radio, escoitar a algún do PP dicir algunha burrada e acenderme. Eu, co apoio de Luisa púidenme dedicar ao que me gustou sempre e por iso estou satisfeito. Tiven sorte de ter moi bos compañeiros e de que na Coruña sempre tivemos moi bo ambiente", confesa. A pesar do auxe da extrema dereita, Carrillo confía aínda en que a unión dos traballadores é o único que pode facer un mundo mellor e asegura que hai relevo e se hai relevo, hai esperanza.
Foron moitos os compañeiros que quixeron mostrar o seu agarimo a este home tranquilo e de consenso, entre eles, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, que foi durante 32 anos avogado da UGT, e quen lle fixo unha advertencia: "Non te despistes, seguimos contando contigo"; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o seu compañeiro Roberto Teijido, do que di que son case "parella de feito" e o exalcalde de Culleredo, Julio Sacristán, quen lembrou que Carrillo botou dous anos indo cada noite onda el ata que o convenceu para que liderase a candidatura socialista na súa vila. A subdelegada do Goberno, María Rivas, quen lembra a Carrillo coma un "referente" xa cando ela era representante dos estudantes. E Ángel Iglesias, quen lle toma o relevo á fronte da secretaría xeral comarcal da Coruña da UGT, a quen Carrillo chamaba "rapaz" e a quen lle impoñía respecto ocupar o lado da mesa que Pepe deixaba baleiro.
Entre todos fixeron o retrato dun home "bo e xeneroso", dun "compañeiro", dun "obreiro e guerrilleiro" que loitou e loita por un mundo máis xusto para hoxe pero tamén para o día de mañá.
- Las terapias CAR-T contra el cáncer se consolidan en el Chuac de A Coruña, con casi 40 pacientes tratados en dos años
- 19 detenidos en la provincia de A Coruña por estafar 500.000 euros en Tenerife mediante el 'timo del sicario
- Un piso de tres habitaciones en O Ventorrillo se vende por 140.000 euros
- Un buey de 2.000 kilos de Lugo a Riazor
- A Coruña dice adiós a la hamburguesería que dio de comer a generaciones
- Un restaurante de barbacoa coreana causa sensación en A Coruña con sus 'mesas burbuja' y su decoración 'de película
- De Sanbrandan a Toñito: los ‘gigantes’ panaderos de la comarca de A Coruña
- ‘Punto negro’ de multas en el nuevo San Andrés