A reconversión naval, no escenario

Ibuprofeno Teatro trae ao Rosalía unha montaxe ambiciosa de memoria histórica e política achega do peche do estaleiro Ascón, na ría de Vigo en 1984, que deixou sen traballo a máis de 1600 persoas

Os actores de ‘Recoversión’, no escenario. |  LOC

Os actores de ‘Recoversión’, no escenario. | LOC

A Coruña

Do metal dos estaleiros á madeira das táboas do teatro. «É a primeira vez que unha compañía trae esta temática ao teatro. Non existen documentais nin películas do tema, polo que decidín traer a historia do meu pai ao escenario. Custoume moito creala, porque foi un conflito interno comigo mesmo tardar tanto en contar a vida do meu pai e decatarme de moitas cousas que descoñecía sobre o tema», sinala o director da obra Reconversión, Santiago Cortegoso.

Ibuprofeno Teatro presenta este sábado, no Teatro Rosalia (Rúa Rego de Auga, 37), ás 20.30 horas, a obra Reconversión, que conta a historia do peche do estaleiro Ascón, en 1984, na ría de Vigo. A obra é un exercicio de memoria histórica sobre uns acontecementos socioeconómicos que tiveron un impacto enorme na sociedade con resonancias a nivel global. O director, que tiña dez anos no momento dos acontecementos, explica en primeira persoa a vivencia da súa familia. O propio Cortegoso sae da súa pel e entra na do seu proxenitor sobre as táboas. «O proxecto ten un carácter moi autobiográfico, persoal e íntimo, porque eu estou actuando na obra e o meu papel será o do meu pai», comenta o director.

O texto foi creado ao abeiro do XI Laboratorio Teatral da Fundación SGAE 2023 e publicado en galego por Edicións Positivas, e segue os pasos do pai do autor, un home que traballou no estaleiro Ascón durante trinta anos. Cortegoso lévanos do íntimo ao político sintetizando na persoa de seu pai as vivencias de toda una xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984.

En escena hai oito actores-músicos que interpretan unha banda sonora en directo, formando unha charanga. Artur Abad, Cristina Collazo, César Goldi, Celia González, Davide González, Fran Lareu, Nani Matos e Santiago Cortegoso dan vida aos protagonistas desta viaxe ao pasado, que entre o íntimo da historia e o político, transportará ao público á época da posguerra, ao «Felipismo» dos 80, ao auxe da industria siderúrxica galega e a súa caída, dende un estilo de vida rural nunha sociedade capitalista con cambios constantes. «É unha obra que é extrapolable, porque está temática pasou ao redor de todo o mundo», comenta o director.

Tracking Pixel Contents