O legado cantado da clase traballadora do mar
Susana Rodríguez Barcia e Bosco Gil presentan hoxe a súa antoloxía de cancións mariñeiras anglosaxoas traducidas ao galego

Susana Rodríguez Barcia y Bosco Gil de Gárate / Pablo Vázquez Varela
Cando se pensa en cancións ligadas ao traballo, o habitual é que a mente viaxe cara o sur de Estados Unidos, onde os escravos negros puxeron as primeiras pedras do blues durante as longas xornadas da recollida do algodón. En Galicia, eses cantos rítmicos vinculados a tarefas repetitivas —neste caso no eido da industria e do mar— teñen ata nome propio, celeumas. Porén, hoxe non podemos escoitalas.
«Perdéronse. Se existiron como tal esas cancións para optimizar tarefas no barco non nos chegou ningunha. Son moi antigas, se cadra non se trasladaron ao papel. Si que existen vinculadas a outros traballos do mar, como as das mulleres conserveiras, compiladas por Xurxo Souto», explica Susana Rodríguez Barcia, profesora de Lengua Española na Universidade de Vigo e coautora de Cantos do mar, un libro editado por Rinoceronte que suple ese baleiro de celeumas propias, e traduce do inglés ao galego 60 cantos de traballo e cancións mariñeiras anglosaxoas dos séculos XVI e XX e outras de orixe francófona. A outra pata do proxecto é o músico e poeta Bosco Gil de Gárate, pai das primeiras compilacións que despois deron pé ao libro e en cuxa guitarra e voz cobran vida e ritmo os cantos. Xuntos presentan hoxe o libro na Tobeira de Oza (12.00 horas), na Coruña, con interpretación incluída dalgúns dos temas.
«A tradición en inglés era marabillosa. Tivemos a sorte de topar con Moisés Barcia, de Rinoceronte, que lle atopou o sentido, e alá fomos. O certo é que en galego funcionan moito mellor que en castelán pola propia estrutura da lingua, con moitas palabras monosílabas e agudas. Ademais, culturalmente hai moito nexo polo tema do mar», comenta Rodríguez Barcia.
Unha tradución «sen domesticar» na que non faltan os cantos nados noutros lugares imprescindibles da xeografía do traballo no mar: o porto e as tabernas. «Parecía que o libro pedía que aparecesen as drinking songs, cancións de beber, cancións pirata. Non podía faltar a da botella de ron que cantan en Treasure Island ou The wellerman, sobre os baleeiros, que se fixo moi popular ultimamente por Tiktok», exemplifica a autora. De piratas ou mariñeiros, todo un legado musical que merece ser cantado. «É unha reivindicación da música da clase traballadora. A música non pertence ás elites, senón ás clases populares», defende.
- El restaurante de A Coruña en el que puedes comer hasta reventar por 13 euros: 2 platos, postre y bebida incluída
- Os Mallos, zona cero del churrasco en A Coruña
- Los cruceristas inundan las calles de A Coruña: 'La ciudad nos ha parecido muy bonita
- San Juan será festivo autonómico en 2026 y A Coruña escoge otro festivo local
- Veinte trabajadores, dos prácticos y cuatro muelles para el récord de cruceristas
- Marc Anthony dará un concierto en A Coruña el 13 de julio
- Los conciertos que vienen a A Coruña este 2025
- Cinco cruceros coinciden hoy en A Coruña con 14.000 pasajeros