O Día das Letras Galegas das cantareiras: «A tradición está para ser reinventada»
A Real Academia presenta polo 17 de maio unha serie, un proxecto para público infantil e un simposio
Cerceda, Muxía e Malpica serán os escenarios principais da celebración

Presentación do programa do Día das Letras Galegas / Carlos Pardellas
A Real Academia Galega (RAG) programa polo Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía popular oral, unha serie web, un proxecto para público infantil e un simposio. Malpica, Muxía e Cerceda serán os escenarios principais destes festexos.
O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, recordou este luns, na presentación do programa, que foi «en 1963» cando se celebrou por primeira vez o Día das Letras Galegas, co foco posto en Rosalía de Castro e Cantares gallegos, unha obra que «empata coas mulleres que encarnan a tradición popular». Fala das homenaxeadas deste ano, que son as cantareiras de Cerceda Adolfina e Rosa Casás Rama, a pandeireteira de Muxía Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens (Malpica), que son Teresa García Prieto, Prudencia Garrido, Asunción Garrido e Manuela Lema —todas elas falecidas hai máis de dez anos—. Aínda que tamén será un ano para recoñecer a contribución das dúas integrantes do grupo falecidas máis recentemente, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, e de milleiros de mulleres que en cada aldea tiveron un papel destacado na creación e transmisión dun riquísimo patrimonio de tradición centenaria.

Mercedes Peón, na web serie / LOC
Freixanes desvelou onte na Coruña que o primeiro acto será o 10 de marzo. Da man da comunidade escolar de Cerceda, presentarase o proxecto infantil Primavera das Letras, que contará desta volta coa escritora Paula Carballeira e a ilustradora Nuria Díaz. É a maneira de achegar a rapazada máis nova ao galego. Carballeira, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, escribiu para a ocasión As ferreñas, unha peza teatral que combina música, poesía e radio, entre outros elementos, pensada tanto para a lectura individual e colectiva como para a representación dentro e fóra da escola.
Unhas semanas despois, a finais de marzo, a RAG presentará na súa web a serie documental Se canto é porque quero, de Damián Varela e Alba López. «O que buscamos é transmitir que esta tradición oral está viva. A nosa intención é facer unha homenaxe a estas mulleres transmisoras da oralidade e tamén ubicarnos no presente», expón Alba López.
O pleno da RAG do 17 de maio será en Malpica, coas intervencións de Antón Santamarina, Ana Boullón e Xesús Alonso Montero. Poderá seguirse en directo dende a páxina web da Academia. As súas contribucións recolleranse posteriormente no Boletín da Academia xunto aos relatorios que se presenten no simposio das Letras que, como é xa costume, se celebrará no último trimestre do ano e reunirá voces especialistas en distintos aspectos relacionados coa poesía popular oral e as cantareiras. Tras o verán tamén haberá un simposio, probablemente en Muxía, no que os expertos falarán das novas liñas de investigación sobre a poesía popular oral.
A académica Ana Boullón, impulsora desta candidatura gañadora, manifestou que hai «un rexurdimento da música galega entre os máis novos» con grupos como «Mondra, Fillas de Cassandra ou Baiuca». «Iso non xorde da nada, procede dunha tradición de músicos como Xabier Díaz, Milladoiro ou Fuxan os Ventos», engadiu.

Fotograma no que aparece Richi Casás / LOC
Este 17 de maio, explicou, o obxectivo é «salientar a forza viva da tradición». «Non é unha cuestión arqueolóxica, a tradición está para ser reinventada», comentou, e recuperou unhas verbas de Castelao para dicir que «a tradición é a alma de Galicia». «Queremos facer un recoñecemento á tradición popular, que sexa celebrada en todos os lugares nos que existen ou existiron cantareiras que bailaban e cantaban e expresaban a alegría de vivir, a crítica social, a retranca e as relacións interpersoais», manifestou.
Víctor F. Freixanes expuxo que, cando a RAG elixe a quen vai homenaxear no Día das Letras Galegas, pensa «en tres cousas: a calidade da obra e da persoa, a significación da exemplaridade, e a conexión cos novos tempos», e, engade, «sen esquecer a sementeira das vellas xeracións». «Sen Rosalía de Castro non seríamos nada», declara, e insiste en que o importante é «atopar esa viaxe entre memoria histórica e a ilusión do novo tempo». «A lingua non é so texto escrito. Ten moitas formas de transmisión. Neste caso, dese mundo da música popular», conclúe.
Tres capítulos de ‘Se canto é porque quero’
A webserie Se canto é porque quero é unha proposta de tres episodios, o primeiro arredor de Rosa e Adolfina Casás, outro dedicado ás Pandeireteiras de Mens e o último a Eva Castiñeira. Damián Varela e Alba López González son os codirectores. O propio título da serie bebe do Cancioneiro popular galego recollido pola etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. O académico é unha das voces entrevistadas, canda a música Mercedes Peón, Richi Casás (neto de Rosa Casás e autor de Fuliada na vila) no primeiro episodio, que afonda na historia da recolla de coplas e músicas. O segundo capítulo, dedicado ás Pandeireteiras de Mens, recollerá os testemuños de Isabel García Quintela e Manel Fernández Pensado, da Agrupación Folclórica Aturuxo; e voces de integrantes da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda e mais Carme e Uxía da Pontragha. O derradeiro episodio, con Eva Castiñeira como protagonista, recollerá un encontro no colexio dos Muíños de Muxía no que Mondra e Caamaño&Ameixeiras conversarán co alumnado.
- El pueblo marinero a media hora de A Coruña que triunfa en TikTok: 'Perfecto para una escapada primaveral
- Comienza la demolición del Hotel de Pacientes para la construcción de accesos al Hospital de A Coruña
- Matrícula en colegios de A Coruña: el 51% de los centros no cubre plazas
- Arrancan en Agrela las obras de la glorieta en el cruce de avenida de Fisterra con calle Gutenberg
- Un popular influencer gastronómico prueba 'el mejor marisco gallego' en este restaurante de A Coruña: 'Templo del producto
- Fallece un trabajador que cayó de una altura en la antigua lonja del Gran Sol en A Coruña
- Este convento de monjas de clausura de A Coruña celebró las primeras misas en gallego durante la dictadura franquista
- La otra cara de la compraventa de inmuebles en A Coruña: pisos con inquilinos dentro