Rescatando do silencio os xogos das mulleres da aldea

A doutora pola Universidade da Coruña Manuela Vázquez investigou como as mulleres maiores dunha aldea de Ourense se xuntan todos os festivos para practicar un deporte tradicional que é para elas ximnasia, socialización e coidados

A investigadora de xogos tradicionais galegos Manuela Vázquez. |  María M. Bení

A investigadora de xogos tradicionais galegos Manuela Vázquez. | María M. Bení

A Coruña

«Sempre tiven claro que de facer unha tese versaría sobre xogos tradicionais», lembra Manuela Vázquez, que estudou Maxisterio en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte na Universidade da Coruña (UDC) e acaba de doutorarse nela cunha investigación sobre a bugalliña e o bugalliño, dous entretementos do rural ourensán. Pero fíxoo cunha análise «feminista», centrándose nos xogos que practican as mulleres e buscando darlles voz. «Existe moi pouca bibliografía sobre xogos practicados por mulleres adultas», explica, e en Galicia os estudos céntranse nos deportes das crianzas e os homes.

Vázquez entrevistouse con 25 mulleres e dous homes, todas elas persoas maiores da comarca do Ribeiro, «cunha media de algo máis de 83 anos». Entre eles está « última xogadora do bugalliño que aínda quedaba viva en Francelos» (Ribadavia), un xogo competitivo de dous participantes que «desapareceu hai máis de 40 anos» no que había que lanzar una bóla semellante a unha pelota de tenis e metela nun furado. Na bugalliña tamén hai que lanzar, aínda que cunha bóla máis pequena, a bugalla, e se pode xogar por equipos: a idea é chegar a 24 puntos exactos, sumando catro cando se mete no buraco e catro, ou dous, ao chocar coa do equipo contrario.

Ninguén estudara este xogo salvo un artigo nunha revista local de Modesto Martínez, pero Vázquez quedou «namorada» del e das súas xogadoras ao velo practicar a mulleres de Santo Estevo de Nóvoa, en Carballeda de Avia, e as entrevistou. Neste lugar, explica, as mulleres reúnense para xogar ou mirar «todos os domingos e días festivos en horario de tarde», case sempre na praza xunto á igrexa ou nunhca caseta que rehabilitaron. Sérvelles para manterse activas e considérano «unha forma de facer ximnasia», explica a investigadora, que engade que algunha vez lle comentaron que «se non xogan nuns días, logo senten maniotas nas pernas».

Pero o xogo «vai máis aló». Cando se xuntan falan, intercambian opinións, contan como se senten, festexan aniversarios ou outras datas que consideran importantes. «O xogo convértese como podemos observar nunha tradición social que fortalece os lazos entre as mulleres da comunidade», resume Vázquez.

E como se practica axuda a entender os roles asignados á muller. Así, o sitio do xogo está en zonas «próximas ás casas» por se se teñen que ausentar para atender algo, e «cando as súas nais, avoas, tías, etcétera xogaban», compatibilizábano con coidar crianzas, «convertendo estes momentos nunha extensión da súa vida cotiá, aspecto que nos xogos dos homes non se presenta». Agora o papel de coidadoras segue presente, e as xogadoras atenden, desde o terreo, a maiores.

Apostas de botóns e moedas

A investigación de Vázquez apunta a que nos xogos das mulleres estudadas sempre hai outras persoas, algo que non se dá nos dos homes. As féminas «están máis vinculadas a xogos onde existe a relación de cooperación pero tamén á da competición, a pesar de que tradicionalmente nos transmitiran o contrario». No caso da bugalliña hai pequenas apostas, agora de cinco céntimos, e antes de moedas de pouco valor ou obxectos como botóns.

Vázquez é activista na ONG Implicadas no Desenvolvemento e traballa co Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego para loitar contra a perda destes xogos, cun valor «incalculable», a través dun libro, a web xogostradicionais.gal e unha App. «Cada xogo que recuperamos ou promocionamos é unha historia que perdura, unha tradición que continúa latindo», resume.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents