Xoias coruñesas para os Goya
A actriz Lucía Veiga loce na gala do cine uns pendentes creados por Zeltia Rodríguez, bordados ao aire cun patrón inspirado no traxe tradicional

Zeltia Rodríguez, con dúas das súas pezas. | Carlos Pardellas
Cando Zeltia Rodríguez Sedes puxo por primeira vez o traxe tradicional a súa vida deu un xiro, porque quedou «alucinada». Ela, que é deseñadora gráfica, quixo comprender como estaban feitas as pezas que vestía sen saber que algo que aínda non sabía facer, o bordado ao aire, se convertería na súa profesión e que, algún día, os seus deseños sairían pola televisión nunha das galas máis vistas do ano, a da festa do cine.
A actriz coruñesa Lucía Veiga púxose en contacto con ela para levar uns dos seus pendentes á gala dos Goya, que se celebrou o pasado sábado, e, logo de lle dar moitas voltas ao estilismo, decidiu que levaría o modelo Alalá 15, un deseño que xa tiña en catálogo e que está á venda na web de Zeltia ao Aire por 195 euros.
«Eu propúxenlle que podiamos facer unha versión especial, que non tiñan que ser en negro, que os podiamos adaptar segundo ao que fose levar, pensamos en varias cores, pero ela decantouse polo negro co cristal checo [un tipo de abelorio que fai reflexos de cores que van desde o morado ao gris e, en ocasións, tamén verde]», relata Zeltia, que precisa unha semana para facer estes pendentes, porque a técnica require coser boliña a boliña con puntadas moi pequenas, cunha agulla finísima, que entra polo buraco dos cristais, e con enfiadas que non sexan moi longas para evitar que se enrede. «Eu traballo cinco ou seis horas diarias, porque visualmente máis non se pode», confesa a artesá, porque este traballo de precisión esixe moito esforzo da vista.
Ao final, cando Veiga decidiu o seu estilismo, decatouse de que non precisaba cambiarlle nada ao modelo que Zeltia xa tiña creado. «Vai de menos a máis, a peza e resalta a inmensidade das flores da capa, vimos que encaixaba perfectamente e así foi», comenta Rodríguez, que leva dous anos xa colaborando con De los Aires vestindo á actriz María Mera nos Mestre Mateo e tamén Estíbaliz Veiga levou un brazalete dela.
«A min os Mestre Mateo fixéronme moita ilusión tanto o primeiro ano como o segundo, pero os Goya son outra cousa, ademais foi como sorpresa», confesa Zeltia, que espera que esta promoción repercuta nas vendas, aínda que é cedo para dicilo. O que si que xa notou foi un incremento «de entre cen ou douscentos» seguidores nas redes sociais.
Logo de terse apuntado a pandeireta e de ter vestido o traxe tradicional para unha actuación, Zeltia asistiu a clases de bordado ao aire con Telly. «A min gústame moito practicar, entón estaba facendo probas e vin que o que estaba facendo quedaba moi bonito para unha xoia e, desde aí, empecei a crear pezas baseándome nos patróns tradicionais», lembra.
En 2017 empezou o proxecto coa idea de «a ver que pasa» e a dar clase, o 2020 supoñía que sería o seu ano, porque ía empezar a ir a feiras, pero a pandemia lastrou o seu crecemento, aínda que no 2021 xa puido retomar a actividade e centrarse plenamente en Zeltia ao Aire e nos retos que lle supón e, catro anos despois, vende por internet, segue dando obradoiros de bordado e os seus deseños comparten alfombra vermella coas grandes firmas de moda e de xoiaría.
- Sin seguro tras ocho años en el taxi por A Coruña
- El pueblo marinero a media hora de A Coruña que triunfa en TikTok: 'Perfecto para una escapada primaveral
- Así es el 'Park Güell coruñés': fue construído en el siglo XIX y es de acceso gratuito
- Activada la búsqueda de un desaparecido al caer al mar en Punta Herminia tras ser arrollado por una ola
- Dos edificios de O Castrillón unen sus portales para compartir ascensor
- El futuro de la intermodal de A Coruña, más cerca: la estación de autobús toma forma
- Air Europa reta al AVE y mantendrá su oferta de ocho vuelos diarios en el aeropuerto de A Coruña
- Henry Cavill pasea por la calle de la Torre