O Grupo Naturalista Hábitat opina...

Sobre a xestión da Costa de Dexo-Serantes...

cosme damián romay

O espazo natural da Costa de Dexo (Oleiros), foi declarado monumento natural no ano 2000, cunha extensión de 266,8 hectáreas. Tardouse case un cuarto de século en artellar un plan de xestión para o espazo (!). Este plan someteríase o 24 de xullo de 2024 ao trámite de información pública durante apenas un mes. As alegacións non tardaron en chegar: os límites do espazo no novo plan de xestión modificábanse, recurtando a extensión do mesmo en máis de 36 hectáreas con respecto á área orixinal (!). Con esta mingua deixábanse fóra treitos de cantil de gran valor ambiental, con colonias de cría e repousadoiros do ameazado corvo mariño cristado (Gulosus aristotelis, antes Phalacrocorax aristotelis). Tampouco se abordaba de xeito completo o catálogo de biodiversidade do espazo, e non había unha análise completa (con medidas de conservación) para aquelas especies catalogadas como ameazadas. O «achicamento» do Monumento Natural Costa de Dexo, ademais de estar inxustificado desde o prisma da biodiversidade, deixaba fóra elementos xeolóxicos de interese, como o filón de pórfido granítico do Seixo Branco. Co novo deslinde, cantís litorais, praias de area e coídos, illotes, furnas e «ollos» quedarían sen protección. Tampouco abordaba de xeito integral (cun calendario específico de erradicación con suficiente dotación económica) a problemática de especies exóticas invasoras (catalogadas oficialmente ou non) como son Carpobrotus edulis, Eucalyptus globulus e Acacia dealbata, entre outras. En resumo, ese plan de xestión deixaba desprotexidos os valores naturais do Monumento Natural Costa de Dexo. Por todo isto, o movemento conservacionista acolleu con expectación o anuncio da administración galega do 9 de decembro de 2024 polo que se revisaba o deslinde e o plan de xestión en conxunto, e se volvía someter a exposición pública. Novas decepcións: a superficie do Monumento Natural no novo plan volvía ser inferior á orixinal (4,1 hectáreas) e de novo deixábanse fóra dos límites do espazo natural elementos como illotes e cantís de interese para as aves mariñas, para desesperación do ambientalismo. Actividades problemáticas como a caza, as mascotas soltas e as plantacións forestais industriais do xénero Eucalyptus non eran correctamente abordadas no novo plan. As novas alegacións non tardaron en materializarse.

Conclusión: O plan de xestión do espazo natural da Costa de Dexo (ou máis correctamente, de Dexo-Serantes) chegou tarde e mal, e decepcionou a aquelas persoas e colectivos que, como o G. N. Hábitat, consideramos posible unha boa xestión destas áreas protexidas. Lembramos que blindar a protección dos valores naturais e xeolóxicos é unha obriga da administración pública galega.

Tracking Pixel Contents