Un roteiro na Coruña para lembrar a Castelao

Con motivo do 75 aniversario do pasamento do artista e político en Bos Aires, a Fundación Castelao e a Real Academia de Belas Artes organizan diferentes actos este martes para rememorar a súa figura cun percorrido por lugares da cidade ligados a súa vida

Estatua adicada a Castelao na praza do Humor da Coruña. |  Casteleiro/Roller Agencia

Estatua adicada a Castelao na praza do Humor da Coruña. | Casteleiro/Roller Agencia

A Coruña

Neste 2025, celebrase o 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, figura clave da cultura galega, que faleceu un 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires. Con motivo desta efeméride, a Real Academia Galega de Belas Artes en colaboración coa Fundación Castelao celebran hoxe na Coruña unha serie de actos de homenaxe que inclúen un roteiro gratuito que percorrerá distintos puntos relacionados co artista.

«Os actos comezarán cunha ofrenda floral diante do monumento a Castelao dos Xardíns de Méndez Núñez, feito por Manuel Ferreiro Badía en 1986», explica Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, que participará na ofrenda xunto ó presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.

O colexio Eusebio da Guarda será a primeira parada do roteiro no que Miguel Anxo Seixas Seoane fará de guía: «Alí expuxéronse dous cadros de Castelao nunca exposición no ano 1912», conta o presidente da fundación. A seguinte visita será ó Circo de Artesáns en Santo André. «En marzo do ano 1920 expuxo grazas a Médico Rodríguez unha serie de debuxos que logo formarían o álbum Nós [publicado en 1931]».

A continuación, Miguel Anxo Seixas Seoane levará os participantes do roteiro ata a zona do Cantón Grande. «Alí estaba nos seus comezos o xornal El Ideal Gallego, onde Castelao colaborou como debuxante». O artista galego estudou medicina en Santiago de Compostela, onde se uniu á tuna. Na zona do Obelisco «chegou a actuar con esta formación para acadar fondos para un instituto de tuberculose da Coruña».

O roteiro continuará lembrando o seu labor político. «Na zona do Hotel Eurostars Atlántico fíxose unha asemblea polo estatuto de autonomía en 1931, mentres que no Teatro Rosalía fixo un discurso para defendelo o 7 de xullo de 1936, sendo aprobado finalmente o 28 xullo».

A parada na praza de María Pita servirá para lembrar dúas institucións claves para Galicia: «Onde agora está a Fundación Paideia, no ano 1917 estaba o lugar onde se reunían as Irmandades da Fala da Coruña». Por outro lado, no edificio no pazo de María Pita estaba a Real Academia Galega, na que Castelao ingresou no ano 1934. «Cando morre Antón Vilar Ponte fanlle alí a homenaxe e Castelao axudou a levar a caixa», expón o experto.

Para Miguel Anxo Seixas Seoane, a cidade foi un lugar importante na vida do Castelao: «A Coruña era un sitio que tiña un gran peso republicano e progresista e era clave para o seu obxectivo».

O Castelao debuxante

O acto de homenaxe a Castelao rematará na Real Academia de Belas Artes, onde Seixas Seoane dará a conferencia Castelao: beleza e verdade. «El foi escritor e político, pero os debuxos déronlle moita fama», explica o presidente da fundación.

Para o experto, «Castelao cría que a arte tiña que ser unha arma útil para a sociedade». Seixas Seoane lembra que «el quería ser paisaxista, pero non tiña unha visión elitista». «El facía humor intelixente co que buscaba sacar un sorriso e concienciar a xente para cambiar Galicia», conclúe.

Tracking Pixel Contents