A Coruña celebra a Rosalía de Castro

Trinta veciños len algunhas das pasaxes máis salientables da escritora no aniversario de seu nacemento

A Coruña

Preto de trinta veciños participaron, este domingo, na lectura dalgúns dos fragmentos máis importantes da obra de Rosalía de Castro, como parte da conmemoración do 188 aniversario do seu nacemento. Na rúa Rego de Auga, ás portas do teatro ao que dá nome a escritora, os lectores recuperaron pasaxes das súas obras máis coñecidas, como Cantares gallegos, Follas novas o En las orillas del Sar, entre outros. A música tamén estivo presente da man de poemas musicados da ilustre escritora interpretados con guitarra e harmónica, nun acto convocado pola Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega e a A.C. Alexandre Bóveda.

Unha das rapazas presentes no acto, Ana María Manzano, comenta que comezou a ler os seus libros cando chegou á Coruña dende Barcelona, onde naceu. «Gústame o que transmite coa súa escrita, que é unha forma moi bonita de contar historias que en realidade son moi tristes», sinala. Mercedes Leis destaca que a escritora tivo un papel crucial no Rexurdimento da literatura galega. «Despois dos Séculos Escuros que atormentaron a Galicia, ela e outros escritores como Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal lograron abrir un camiño á literatura que lemos hoxe en día», sinala. Ámparo Rodríguez explica que a escritora foi a autora máis importante da literatura galega a través dos seus relatos de temas que non se tocaban naquela altura.

Tracking Pixel Contents