Entrevista | Francisco Jorquera Voceiro do BNG

«Rexeitar as contas non é cálculo electoral: había que dar un puñetazo na mesa»

Francisco Jorquera é o portavoz do grupo municipal do BNG, que a finais do ano pasado decidiu non negociar co Goberno local os orzamentos do Concello de 2025 afirmando que o PSOE incumprira pactos anteriores. Votou en contra da cuestión de confianza que presentou a alcaldesa sobre as contas, pero, como non apoiará unha moción de censura do BNG, Rey manterá o posto e aprobará os seus orzamentos

O portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera.

O portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera. / Carlos Pardellas

A Coruña

Como decidiron non negociar?

Foi decisión autónoma e democrática do BNG da Coruña. Unánime do grupo municipal e do Consello Local, con asembleas de afiliados.

A alcaldesa afirma que cumpriu o 50% dos acordos de investidura.

Pregúntelle cales son. Pola posición de firmeza do BNG, o PSOE fixo tarde, mal e arrastro algún esforzo, pero o grao de incumprimento segue sendo enormemente elevado: faltan regularizar servizos en precario, dar pasos para impulsar a área metropolitana, o parque de Monte Martelo, o Parque Cidade, o da Agra do Orzán... No acordo orzamentario de 2024 o grao de cumprimento dos compromisos é moi cativo.

A que cre que se debe?

O PSOE goberna como se tivera maioría absoluta, cando a señora Inés Rey é alcaldesa en virtude dun pacto subscrito co BNG. Goberna con falta de humildade, con moita soberbia, prepotencia, sen practicar o diálogo co tecido social, está pouco a pé de obra, non atende suficientemente ás necesidades do día a día. Se suprimen por primeira vez nunhas contas non prorrogadas os orzamentos participativos, e hai parálise dos consellos de participación.

A alcaldesa afirma que ao renunciar a negociar, vostedes convértense en «irrelevantes».

É sorprendente que responda dunha forma tan agresiva. Di que o BNG ten unha posición pouco construtiva, e na mesma entrevista, que se compromete de maneira total e absoluta a chegar a acordos co BNG. O BNG deu o voto favorable, por poñer por diante os intereses da cidade, a modificativos dos orzamentos de 2024 que significaban aceptar que tardasen en executarse programas e actuacións incluídas a iniciativa nosa. Na entrevista [en LA OPINIÓN] vin unha alcaldesa cortante, altiva, tirando balóns fóra, sen responder á maioría das preguntas e incorrendo en graves contradicións. Reclamámoslle humildade, outro xeito de gobernar, que dialogue e cumpra o acordado, e o ton da entrevista amosa que de momento non tomou nota.

Cre que a súa posición lle dá maior forza negociadora con ela?

A posición do BNG sempre foi responsable, construtiva. Pero en política e en todas as ordes da vida, hai que dar un puñetazo na mesa cando os incumprimentos son reiterados. Está na man do PSOE decidir se toma nota.

Que tería que facer o Goberno local para reabrir o diálogo?

O diálogo está aberto. No mesmo pleno no que se rexeitou a aprobación inicial dos orzamentos, aprobouse inicialmente a ordenanza das vivendas de uso turístico e foi froito de diálogo e negociación. Non pedimos a Inés Rey que leve a cabo o programa do BNG. Simplemente que aquelo que asinou o cumpra.

Que lle pide este ano para negociar os orzamentos de 2026?

Antes de iniciar a negociación, é imprescindible que todo o que está acordado se cumpra.

Reclámalle que cumpra este ano todo acordo de investidura pactado para a metade de mandato?

Se hai circunstancias obxectivas que xustifiquen algún retraso ou que haxa que matizar algo que estaba acordado, nós nunca fixemos política de todo ou nada.

O PP presentoulle unha emenda as contas e pediulle que a respaldara. Falou co portavoz popular, Miguel Lorenzo, ou fala agora para unha moción de censura?

Varias veces, para escoitar a súa visión, pero non houbo negociación. Transmitinlle o mesmo que no pleno: entendiamos que os orzamentos non nos valían. Se as emendas se aproban, admítense a trámite os orzamentos. O PP non foi capaz de aclarar, pese a que lle formulamos varias veces a pregunta en pleno, se estaba disposto a aprobar os orzamentos. De ser así que negocie co PSOE. Creo que incurreu nunha grave contradición: fixo causa da aceptación da emenda pero en cambio en ningún momento expresou que ía votar a favor dos orzamentos, co que a emenda non tiña percorrido. O PP fixo un artificio.

En 2016 a oposición aprobou unha emenda aos orzamentos...

Se o PP vota en contra da aprobación, rexéitanse os orzamentos, incluída a emenda. O BNG procura ser unha forza política seria. Se o único problema para votar en contra dos orzamentos é que non se modifiquen as bases de execución [como fixo o Goberno local e o PP quixo emendar], entón para esta viaxe non facían falta alforxas. Habería que preguntar ao PP por que votou en contra dos orzamentos de 2024.

Tamén quixo cambiar partidas.

Esa non era a causa fundamental da súa emenda.

Que pensa do cambio nas bases?

Que resta capacidade de decisión e control ao pleno sobre as modificacións nas partidas orzamentarias e sobre a capacidade de control e fiscalización da xestión. Estes orzamentos son un retroceso en participación e en control democrático. Votando en contra da aprobación inicial tamén estabamos votando en contra da modificación.

No pleno, Lorenzo afirmou que vostedes e o Goberno local facían teatro, dando a entender que pactaran antes o que ían facer.

Respecto o seu dereito a fabular. Postos a falar de teatro, creo que o que fixo coa emenda era unha teatralización. O BNG nunca entendeu a política como teatralización.

Presentarán alegacións?

Están pensadas sobre todo para a participación da sociedade, e as causas para alegar son taxadas. Alegar significaría situarnos nun terreo parecido ao que antes explicaba.

Para a alcaldesa, a súa actuación só serve para retrasar mes e medio a aprobación das contas.

Dos orzamentos de 2024 iniciouse a tramitación en novembro de 2023. Culminouse antes de rematar 2023, para que entrasen en vigor o 1 de xaneiro de 2024. Este ano o Goberno presenta os orzamentos para a aprobación inicial o 6 de febreiro, cun enorme retraso, tardou en facer os seus deberes. E se non quería retraso, tiña a opción de prorrogar e negociar actualizacións.

Todo isto lles beneficia de cara ás eleccións de 2027?

O BNG non adoptou esta decisión por un cálculo electoral cortoplacista, senón porque entendía que era necesario obrigar ao Goberno local a unha rectificación. Toda a xestión municipal se caracteriza pola lentitude, retraso. Rey recorre a grandes anuncios de futuro para ocultar á desatención do día a día.

Rey podería levar os orzamentos de 2026 a cuestión de confianza.

Agardo que non o faga.A maioría da Corporación non ten confianza da alcaldesa. Alá ela se se quere someter a un desgaste, perda de credibilidade.

Cre que lle fai perder votos?

Non se pode frivolizar o recurso a unha cuestión de confianza, non é un trámite administrativo. O 11 de febreiro a maioría da Corporación, que é a representación da cidadanía da Coruña, dixo que non tiña confianza en Inés Rey. Politicamente é algo moi relevante, e se confundiría se fixera un uso frívolo do recurso a unha nova cuestión de confianza. Para A Coruña non é bo unha situación de ingobernabilidade, na que o Goberno local, por non cumprir os acordos e ter unha actitude de diálogo, se arrisque a quedar en minoría en moitos asuntos.

Respaldaría unha moción de censura se hai outra cuestión?

O PP non votou a favor de regular as vivendas de uso turístico; oponse a declarar A Coruña como zona de mercado tensionado; cambiou o PXOM cando gobernaba para subir a edificabilidade en As Percebeiras, na canteira de Durmideiras...Non contemplamos que a cidade teña un alcalde do PP.

Confía persoalmente na alcaldesa e no voceiro municipal, José Manuel Lage, para negociar?

O BNG nunca lle dita os interlocutores a outras forzas políticas; non admitiriamos que o quixeran facer con nós.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents