Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mozas da Coruña, nin un paso atrás

Un grupo de seis alumnas do instituto Rafael Dieste analiza o 8 de marzo desde dentro e fóra das aulas, desde a súa realidade e do que lles gustaría que cambiase. Elas, que teñen toda a vida por diante, saben que queda aínda moito por avanzar e que nas súas mans está facer do mundo un lugar mellor

8 de marzo, moito por avanzar

A Coruña

O 8 de marzo ten tantos significados como persoas pensan nel. Pode ser unha conmemoración do pasado e dos dereitos conquistados, mais tamén, presente, un recordatorio de todo o que queda por loitar, e, sobre todo, futuro. Seis alumnas do instituto Rafael Dieste de terceiro de Secundaria, Primeiro e Segundo de Bacharelato —que forman parte do proxecto de dinamización da lingua galega Aquí tamén se fala!—conversan sobre os desafíos de seren mulleres e adolescentes nunha época marcada polas redes sociais, a desinformación e o avance da ultradereita no mundo.

Se pensa no 8 de marzo, a Evelyn Miranda, de terceiro da ESO e orixe colombiana —leva seis anos en Galicia—, o primeiro que lle vén á cabeza é o dereito ao voto da muller e a Aroa Martínez, de Primeiro de Bacharelato, que «aínda queda moito» por avanzar.

Mencía López, de terceiro de ESO, espera que a cousa vaia mellorando cos anos, pero agora nota moita desigualdade entre homes e mulleres sobre todo porque «eles non saben o que é ser unha muller» e non lle dan importancia a comportamentos que son realmente molestos para quen os sofre. «A todas ou a case todas nos pasou o de irmos pola rúa e que homes de sesenta anos nos digan algo como: ‘que bonita’ e que nos miren de arriba abaixo... Sesenta anos e nós, catorce», denuncia Mencía.

E que pasa se se queixan ou reaccionan contra quen as incomoda pola rúa? «Moitas veces, cando contas o que che pasou, os demais fan como se nada, como se non tivese importancia porque relacionan violencia con agresión física, pero ten máis importancia da que parece», incide Aroa, porque aínda que non as toquen, eses comentarios fan que se sintan inseguras na rúa polo simple feito de seren mulleres. Por existiren e ocuparen un espazo que lles pertence.

Calquera que vise a estas rapazas desde fóra podería pensar que teñen as mesmas posibilidades e oportunidades que os seus compañeiros, en tanto que comparten a mesma aula e reciben a mesma formación, pero elas xa saben que non é así, aínda que, sobre o papel o pareza. «Se nós sacamos boas notas é o que temos que facer, se un rapaz ten boas notas fai algo extraordinario», apunta Karina Lugo, de segundo de Bacharelato. Sábeno tamén porque o ven nas súas casas, porque, aínda que lles digan que son iguais que os seus compañeiros ou irmáns, a realidade devólvelles a imaxe de nais e tías coidadoras e de homes que se desentenden da situación, como se iso fose o normal.

«O dos coidados penso que é un tema estrutural», relata Karina, que non cre, como a súa compañeira Sofía Mazás, de segundo de Bacharelato, que sexa casualidade que no itinerario de latín non haxa ningún rapaz.

Alumnas do Rafael Dieste

Alumnas do Rafael Dieste / Iago López

«Eu levo aquí dez anos, pero veño da República Dominicana, que é un país moi machista, aínda así, a miña nai, que non rematou os seus estudos, a min sempre me deixou escoller o que eu quería, tanto en xoguetes como nos estudos», comenta Karina que, coma Evelyn, agradece esa sensibilidade especial da súa nai para lle deixar medrar dicíndolle que é válida tal e como ela queira ser.

Os datos do barómetro Juventud y Género de 2023 son alarmantes, un 23% dos mozos entre quince e 29 anos considera que a violencia de xénero non existe e que é un invento ideolóxico, cando no ano 2019 era de case a metade, o 12%. No caso das mulleres, pasou do 5,7% ao 13,2%.

«Eu penso que os rapaces pensan que non existe a violencia machista porque non a saben identificar. Pensan que criticar o corpo dunha muller é unha opinión, cando é algo que non deben facer», relata Evelyn. Todas elas pensan que é urxente cambiar o modelo co que se trata este tema nas aulas para que non aburra e para conseguir que eles empaticen coa súa realidade. «Non vale con dicirlles que poderiamos ser as súas irmás. Somos persoas e iso debería valer para que nos respectasen», relata Karina.

«Cando dan as charlas sobre violencia machista, fálannos de asasinadas e está ben, porque é certo, pero hai moitas outras cousas máis pequenas antes das que tamén hai que falar, porque se non as falamos, vai chegar un punto no que se vexan como normais», incide Mencía, en referencia a comportamentos controladores e denigrantes para a muller. Para Sofía, o problema está aínda máis na base, en que moitos dos mozos «non entenden que o feminismo é igualdade» e, por iso «non senten que deban participar no cambio».

Alumnas del Rafael Dieste

Alumnas del Rafael Dieste / Iago López

E como se ven estas rapazas nuns anos? Polo de agora, teñen claro que queren seguir estudando, aínda que saben que acabar unha carreira non lles garantirá nin un posto de traballo nin un bo salario.

«Eu sei que non todo é por méritos nesta vida e que hai xente que ten moito camiño percorrido e que eu teño que facer o dobre», confesa Karina, a quen lle gustaría, algún día, ter un bo posto de traballo e volver ao seu país para contribuír ao seu desenvolvemento. «Eu son muller, negra e migrante», defínese, sabendo que ningunha desas condicións lle abrirá as portas, pero que ela reivindica porque forman parte de quen é e do que quere ser.

Susana Doldán, de primeiro de Bacharelato, escolleu o itinerario de ciencias puras e cre que o seu futuro estará no estranxeiro. «Xa non é unha cuestión de xénero, é que fóra hai máis oportunidades, máis laboratorios, máis traballos e mellor pagados», resume.

A estas rapazas, que lles queda aínda todo por diante, pero que xa viviron as primeiras etapas da súa educación, gustaríalles que, nos vindeiros anos, cambiasen moitas cousas nas aulas para que as que veñan detrás o teñan máis doado ca elas.

Evelyn teno claro. Desexa que as nenas non sintan a carga de «teren que cumprir un papel específico na sociedade nin de seren modernas pero sen pasarse para non ofender a masculinidade dos homes». Para Mencía, sobre todo, debe «deixar de estar normalizado o de que haxa un grupiño de rapaces que estean toda a clase molestando porque son ‘os graciosos’ e que a dúas compañeiras que falan un momento se lles chame inmediatamente a atención», ou que profesoras e profesores sexan respectados por igual desde o primeiro día, algo que agora non pasa.

E como ven elas o avance da ultradereita? hai translación ás aulas dos discursos conservadores? «Aquí vivimos como nunha illa. Eu penso que, nese sentido recibimos unha educación moi boa porque o instituto fomenta o noso pensamento crítico. Non creo que ningún rapaz de 18 ou 19 anos pense que o franquismo é unha boa idea», conclúe Karina.

Para Susana, moitas destas ideas parten non tanto do convencemento como das redes sociais que fomentan eses comportamentos e ideoloxías. Eses e moitos outros. «Están facendo moito mal á nosa sociedade porque cada vez hai máis presión por alcanzar unha perfección que non existe. Vemos vidas perfectas, pero non son reais», conclúe.

Tracking Pixel Contents