O Grupo Naturalista Hábitat opina
Sobre o Día do Naturalismo Galego
Cosme Damián Romay Cousido
Hai poucos anos rondaba a mente do mestre xubilado cedeirense Rafael López Loureiro, Calel (*), a idea de reivindicar a figura de Pedro José García Balboa, isto é, do Padre Martín Sarmiento. Nacido un 9 de marzo de 1695 no Bierzo galegofalante, formou parte do clero, con Pontevedra e Madrid como puntos imprescindibles da súa traxectoria. Sarmiento interesouse sobre a chamada «historia natural», producindo unha vasta obra naturalista en gran parte aínda inédita e, por desgraza, amplamente ignorada.
Calel tentou, aló por 2022, que diversas persoas e entidades entenderan a importancia de Sarmiento no posterior devir dos estudos naturalistas galegos, e suxeriu que o 9 de marzo, día do natalicio do freire, fose instaurado o Día do Naturalismo Galego. E así sería. O primeiro evento deste Día foi celebrado na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago de Compostela o 9 de marzo de 2023, onde diversos persoeiros e entidades (entre elas o G. N. Hábitat) homenaxeamos a Martín Sarmiento e reivindicamos o seu legado: «Como xa sinalara o botánico Miguel Colmeiro, foi devanceiro na España do século XVIII en clamar pola necesidade dos estudos de Historia Natural».
Desde 2023 publicáronse varios traballos inéditos de Sarmiento, e existe a previsión de publicar aínda máis material. A obra naturalista do sabio berciano é, sen dúbida, útil e inspiradora, e moi meritoria para un contexto (século XVIII) con moitos impedimentos para os avances científicos. Finalmente, enunciar o desexo daquela xornada no CCG: «(...) o día 9 de marzo non debería ser unha xornada máis, (...) instamos a que figure en almanaques e nos programas escolares, que apareza nas redes sociais e na prensa, e que sexa un día para achegármonos á natureza e para que a natureza se achegue a nós».
Conclusión: o G. N. Hábitat fai súa tamén a homenaxe e reivindicación da figura de Sarmiento como primeiro naturalista galego, e participa desde 2023 en actos o Día do Naturalismo Galego (**). Facemos nosa a conclusión do comunicado lido aquel 9 de marzo de 2023 en Compostela: «Esperamos que o 9 de marzo, como Día do Naturalismo Galego, sirva para iniciar un proceso de coñecemento do noso medio, que encete novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos. Con esa información, rigorosa e de calidade, ogallá logremos protexer o que aínda se conserva e lograr restaurar o xa estragado. Este ano e sempre. Viva a Natureza! Viva a Ciencia! Viva Sarmiento!».
(*) Recomendamos a consulta das entradas sobre Sarmiento no blogue de Calel Ao noroeste do noroeste: costaartabra.blogspot.com/search?q=Sarmiento
(**) Neste ano 2025 cun faladoiro na sede do G. N. Hábitat: gnhabitat.org/natureza-e-naturalismo-na-coruna-situacion-actual-inquedanzas-e-perspectivas-de-futuro-09-03-2025/
- A Coruña aprueba los festivos locales para 2026: así queda el calendario laboral
- Las religiosas de María Inmaculada venden su sede de A Coruña al impulsor del Hotel Hilton y Marineda
- El Morriña Festival ya tiene horarios y anuncia un concierto gratuito para el sábado
- La ubicación de la Feria del Libro de A Coruña y Mostrart cambia por las obras
- De la barra del Chaflán a una lona en la plaza de Lugo para simbolizar la unión entre Estrella y el Dépor
- Cambios en la estación de bus obligan a modificar el acceso a la intermodal
- Nuevos alquileres en Xuxán: 36.000 euros y 700 al mes
- El Ayuntamiento blinda el uso dotacional del edificio de las Inmaculadas tras su venta al impulsor del Hilton en A Coruña