Dobre premio para Román Rojo: Filosofía e Poesía

O instituto Rafael Dieste celebra este mes os dous galardóns que recibiu o seu alumno Román Rojo Campaña, de primeiro de Bacharelato: gañador da Olimpíada Filosófica en disertación e o primeiro accésit do Minerva de poesía

Román Rojo Campaña, no instituto Rafael Dieste. |  Iago López

Román Rojo Campaña, no instituto Rafael Dieste. | Iago López

A Coruña

No instituto Rafael Dieste hai catro anos, só Román Rojo Campaña falaba galego, agora o panorama cambiou moito, desde que profes e estudantes se aliaron para lle dar vida ao proxecto de dinamización lingüística Aquí tamén se fala!. Román cursa agora primeiro de Bacharelato e este mes recibiu dúas boas novas. A primeira, que quedara no primeiro posto da XII edición da Olimpíada Filosófica na modalidade de disertación, que lle dá o pase directo para representar a Galicia na final estatal, que se celebrará en Mallorca o 28 e 29 de marzo e á que irá tamén Claudia Rodríguez Vázquez, alumna do Eusebio da Guarda, que quedou segunda. E a outra, que o poema que enviou ao premio Minerva de Poesía fora distinguido co primeiro accésit.

Román ten dezaseis anos, naceu en Camariñas, pero hai cinco anos veu á Coruña para estudar a Secundaria no Dieste. Confesa que sempre lle gustou escribir, aínda que a súa vocación non vai polas carreiras de Letras, senón pola rama sanitaria, xa que as súas materias favoritas son Bioloxía e Química. A vida pode aínda dar moitas voltas, pero Román ten na cabeza xa o que lle gustaría estudar cando deixe o instituto: «Medicina ou Bioquímica».

Como tantos outros talentos na vida, o de Román para a filosofía despertouno unha profesora, Beatriz Cuesta, o ano pasado, que foi a que lle abriu a el e os seus compañeiros e compañeiras a porta a este mundo de reflexión e a que animou os estudantes a participar na Olimpíada. Román deu o paso, pero non se clasificou, así que, este ano, decidiu seguir probando na que, ao seu parecer, é «a modalidade máis complicada», a de disertación, xa que o concurso establece probas diferentes segundo as idades dos candidatos.

«A todos nos gustou porque é un ambiente superguai o que hai na olimpíada de filo, de feito, cada ano van máis centros. Galicia é unha das que máis centros ten, porque se apuntan máis de 25 cada ano», comenta Román Rojo.

O camiño é longo, porque este exame consta, primeiro, dunha proba escrita sobre un tema concreto, neste caso: Os coidados. Coidado do medio, coidado das persoas e coidado de si. «Nesta proba participamos unhas oitenta persoas de toda Galicia, de todas elas, fomos seleccionadas catro para a final, que se celebrou en Santiago. Tivemos que facer unha defensa oral con preguntas ante un tribunal. O meu estaba formado por dous profesores de instituto e o decano da Facultade de Filosofía, Xavier de Donato, que é catedrático de Filosofía da Ciencia», relata Román Rojo, que foi o gañador do proceso.

Nos tempos da intelixencia artificial e de tirar de Chat GPT cando a cousa se complica, estes rapaces tiveron que facer o exame escrito de xeito presencial e «sen medios externos», así que, aínda que o levaban preparado da casa e cada un podía saber ben que autores quería citar ou por onde quería enfocar o tema, no momento da proba só tiñan o traballo que fixeran previamente, desde que se anotaron, en decembro, até finais de xaneiro, cando comezou o proceso de criba.

Así que, nese tempo, hai moitas horas de estudo, moitas versións e traballo compartido entre estudantes e moito intercambio de opinións e de ideas entre eles e os profesores. «Eu téñolle que agradecer un montón a Jesús Escariz, que é o meu profe deste ano, porque me axudou moitísimo a traballar para a Olimpíada e porque nos botou unha man en todo o que quixemos», confesa Rojo que, así como tiña moi claro que se quería presentar á proba de filosofía, ao certame Minerva non mandou o poema até o último momento.

«A nosa profesora de galego, María Lema, presentounos o premio Minerva en outubro, cando saíu a convocatoria, os nosos profes sempre nos convidan a participar en certames e eu, como xa tiña na cabeza que me gustaba escribir poesía, e tiña algunha copla escrita, pensei en presentarme a ver que pasaba. Estiven desde novembro ata xaneiro reeditando o poema e mandándollo á miña profe para que mo corrixise e me dixese que tal ía, e o día antes de que rematase o prazo, mandeino, porque non me decidía sobre como quería deixalo», comenta Rojo, sobre o proceso de creación.

«De feito, agora, que xa o enviei e que xa recibín o primeiro accésit, que sería como un cuarto premio, teríao mandado distinto», confesa Rojo, que le a Lorca e a Rosalía e que debutou nos concursos literarios este ano no Minerva, un premio que gañaron autores agora consagrados, como Lucía Aldao ou Ismael Ramos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents