Donaire: 25 anos de música e fogar na Coruña

Cando falan de Donaire, os socios, sexan de toda a vida, ou acabados de chegar, din sempre que é «casa», que é «familia» e, por iso, un lugar seguro do que non se queren desprender. A entidade cumpre 25 anos e celébrao con actividades especiais, como a gala Dálle Donaire, do 5 de abril, no Ágora

Donaire: 25 años de música e fogar

Iago López

A Coruña

«Cando empezamos non sabiamos nada, pero nada é nada, non sabiamos como tiñamos que facer, pero tiñamos moitas ganas e queriamos que fosen os propios alumnos e alumnas as que colleran o relevo e as que levaran o mando da asociación despois de que a botaramos a andar e que, aínda que crecese, que seguise sendo unha cousa moi familiar e iso conseguímolo», explica Ermitas Miguel, a socia número un de Donaire, fundadora e presidenta durante os primeiros dez anos da entidade e, agora, presidenta de honra, aínda que, en realidade, ela nunca foi a clase nin de pandeireta nin de baile.

A entidade cumpre agora 25 anos e, para celebralo, organiza actividades especiais, como o festival Dálle Donaire, o 5 de abril, no centro Ágora, no que, ademais de música e baile en directo, proxectaranse mensaxes de persoas que formaron parte deste primeiro cuarto de século da agrupación.

«Cando empezamos non sabiamos nada de montar asociacións, pero nada é nada»

Mario Lage ten vinte anos e recórdase a si mesmo sempre en Donaire, e sempre coa xente de Donaire, para el é «familia», como o é tamén para Bea Mariño, que comezou de pequeniña en clase de pandeireta con Olga Kirk como mestra e, case sen decatarse, pasou de alumna a profesora, até o punto de que Donaire é agora mesmo, non só a súa paixón e o seu lecer, senón tamén o seu xeito de vida e a súa principal fonte de ingresos.

Bea Mariño, Patricia Lores, Mar Hermida, Ermitas Miguel e Mario Lage, onte, en Donaire.  | |  IAGO LÓPEZ

Bea Mariño, Patricia Lores, Mar Hermida, Ermitas Miguel e Mario Lage, este martes, en Donaire. / Iago López

A cousa empezou no ano 2000, cun grupo de nenas que ían a baile no colexio no barrio dos Castros, que estaban «encantadas» pero ás que non se lles dedicaba moito tempo. «Un grupo de pais e nais, con Olga [Kirk] e Pablo [Díaz], pouco a pouco, fomos facendo unha asociación dedicada ao baile aínda que naquel momento non sabiamos como tiñamos que facer. Ao principio buscamos os socios debaixo das pedras, porque necesitabamos ter algo de base, fixemos socios a todos os que se nos poñían por diante», lembra cun sorriso Miguel, que sempre confiou en que Donaire cumprise 25 anos e moitos máis.

Tan familiar era Donaire naqueles primeiros anos que «non chegaban» a vinte nenos e nenas e a roupa gardábase nuns armarios que había na tenda de mobles que tiña o home de Ermitas. Pouco a pouco foron medrando, tirando de contactos para poder ter actuacións e dárense a coñecer e conseguiron deixar de facer as reunións «nun bar dos Castros» a poder alugar un local como sede e, de aí, pouco a pouco, a coller a nave na que agora están no polígono da Grela. «A cada problema que nos xurdía buscabámoslle solución», lembra Miguel, que se define como o «catalizador» da entidade neses primeiros anos, a que facía que non houbese roces e que todo funcionase da mellor maneira posible.

Nese primeiro grupo xa estaba Bea Mariño que, daquela tería «sete ou oito anos». Ela vivía na rúa da Merced e, nun dos edificios, daba clase Olga, así que, ela, cada vez que pasaba por diante, paraba a mirar e a escoitar, até que a súa nai a apuntou a Donaire e, desde aquel primeiro día, xa nunca deixou de formar parte da entidade. «Eu empecei en pandeireta, pero apunteime tamén a baile por presión social porque ían todas as miñas amigas. De mestra estiven en máis sitios, pero de alumna, sempre en Donaire», confesa Mariño.

«Un grupo de mamás pedímoslles que nos abrisen un grupo no 2012 e aquí seguimos»

Para Patricia Lores, tocar a pandeireta e aprender a bailar era unha «materia pendente», sempre lle gustara e, aínda que o intentara de pequena, naquel momento non deu cos mestres axeitados e acabou por aparcar a música tradicional, até que chegou á Coruña hai dous anos e, como tanta outra xente, entrou en Donaire da man dunha das súas amigas, que xa formaba parte da entidade. «O primeiro ano foi imposible apuntarme porque había moita xente, pero o ano pasado conseguimos que nos abrisen un grupo e, aínda que levo moi pouquiño aquí, teño a sensación de que é moi casa», declara Lores.

Tamén foi idea de Mar Hermida e doutras nais que Donaire habilitase un grupo máis pero no 2012. «Eu vin polos meus fillos. Cando tiñan tres anos, probamos noutra asociación e o primeiro ano, moi ben, pero ao seguinte, pedíronme que os sacase de alí. Na casa tiñamos o disco de Pablo e de Olga Tic Tac, e a todos nos gustaba moito e, como os viamos moito polo barrio, un día soubemos que tiñan esta asociación e que daban clase en San Diego e apunteinos. Todos os venres coincidiamos un grupo mamás que tiñamos que esperar polos rapaces. Pasado un ano, máis ou menos, pedímoslles se nos podían facer algo para nós, a ver se podiamos aprender algo», lembra Hermida. E, desde aquel día, elas seguiron sempre, fosen os seus fillos ou non.

Reportaje por los 25 años de Donaire

Sede de Donaire. / Iago Lopez

«Era un momento que era só para nós, os nenos estaban atendidos e nós podiamos liberar a mente. Era e é un momento de risas, de complicidade», relata Hermida, que é a protagonista dunha lembranza que teñen unha chea de rapaces na cabeza, cando aturuxou en Lorient, antes da actuación de Donaire desde o público e o seu berro fixo calar a todo o estadio.

Un deses pequenos era Mario Lage que sabe o momento xusto no que se namorou da música tradicional: «Lembro ver un videoclip de Mamá Cabra no que estaban bailando e dicirlle a miña nai que eu tamén quería bailar e como ela xa coñecía a Olga, apuntoume e aquí sigo», relata Lage que, daquela, tería uns sete anos. «A min emocióname moito velos, porque eran tan pequeniños... Nunca pensei en atopar unha asociación así, os meus fillos nunca quixeron deixar, para eles Donaire é familia, é casa, amizades, viaxes, experiencias...», confesa Hermida. Bea Mariño que agora se está a reencontrar con compañeiras e compañeiros que tiveron que deixar o grupo, pero que volven para o 25 aniversario, destaca que Donaire é unha parte da súa vida. «Levabamos igual doce anos sen estar xuntas e é como se non pasara o tempo», conclúe.

Todos coinciden en que Donaire pode seguir medrando, pero que debe facelo sen perder a súa esencia, que todos os que cheguen manteñan a luz prendida e se preocupen de coidar o que é o seu fogar.

Tracking Pixel Contents