«Os relatos orais provocan unha felicidade de encontro»

As historias á calor da lareira, a tradición oral e a figura do contador son algúns dos puntais nos que se apoian os narradores Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín na súa proposta ‘Contos na Lareira’, este sábado no teatro Colón

Quico Cadaval

Quico Cadaval / LOC

A Coruña

O actor e director Quico Cadaval presenta a súa nova proposta, Contos na Lareira, unha viaxe á orixe dos contos orais locais e a figura dos contacontos. Estará acompañado polo poeta e narrador Celso Fernández Sanmartín no teatro Colón este sábado ás 20.30 horas.

Contos na Lareira é unha obra que pon o foco nos contos tradicionais en galego. Que prevalece?

Celso Sanmartín e máis eu temos algo en común, que vimos dun mundo familiar, no que as nosas vidas contábanse a través dos relatos orais. Algúns son contos e outros fábulas, pero sempre cun mesmo obxectivo: explicar a realidade ou unha verdade. Entendemos os contos e as anécdotas como formas para contar historias.

Cal é a súa fonte de inspiración para preparar os relatos que leva ao escenario?

No caso dos Contos na Lareira, como presentamos na Coruña, quixemos centrarnos nalgo tradicional, pero tamén no fogar e na tradición familiar. A luz e as fogueiras foron os lugares onde nacían todas estas historias. Ademais, imos sumar o rol da tecnoloxía e a fascinación que hai por ela hoxe en día. Un exemplo é o querer comprar o último modelo de móbil nada máis saír a venta. Empezamos polo tradicional, pero non sabemos onde remataremos.

Lembra o primeiro conto ou lenda que lle narraron en galego?

O primeiro conto narroumo a miña avoa materna, e a temática eran as pantasmas. Tiña unha mestura entre o sobrenatural e o cotián que me impactou.

Cal é hoxe a función dos contos orais, na súa opinión?

A min parécenme unha cousa extraordinaria, porque semella que xa pasou o tempo, pero, cada vez que rematamos algunha actuación, prodúcese unha explosión imaxinaria na que todo p público se pon a comentar historias entre eles. Os relatos orais provocan unha felicidade de encontro.

Durante o franquismo, época na que non se podían contar estes relatos de portas para fóra, perdéronse algunhas de estas historias?

A xente tiña limitada a súa capacidade pública. A literatura e os espectáculos perdéronse. É dicir, foi o motivo da pérdida de grandes riquezas, como a cultura popular a oral.

Cal é o estado deste xénero no país, en Galicia en particular?

Atopámonos en plena forma. Galicia é unha potencia neste tipo de arte, no arte de contar historias, que ten hoxe moita actividade e estase a recoñecer como arte autónoma.

As capacidades narrativas orais teñen moitos beneficios, e un deles é a capacidade de crear masas. Pódese catalogar aos políticos como contacontos?

A verdade é que os políticos imparten a súa actividade pública grazas á súa forma de falar. É unha cualidade que teñen que ter. Baixo meu punto de vista, un grande narrador é Gabriel Rufián, de Esquerra Republicana de Catalunya, porque sabe practicar a fala e atraer ao público.

Que incidencia cre que terá, no eido da transmisión oral e os contacontos, o desenvolvemento da Intelixencia Artificial?

Pode ser unha boa ferramenta para contar un conto e para axudar a crear novas historias, pero estas deben pasar por nós, os contadores de historias, porque somos os que temos a sensibilidade para podelas contar.

Tracking Pixel Contents