O Grupo Naturalista Hábitat opina

Sobre a proliferación de sendeiros

Cosme Damián Romay Cousido

Noticias recentes na prensa revelan numerosos proxectos de «valorización» do territorio a través de sendeiros e pasarelas. Moitas están proxectadas no litoral, pero tamén existen exemplos de novos sendeiros ciclables a carón de ríos e incluso (innecesarias) pasarelas suspendidas no aire en espazos protexidos (caso do Courel). Desde o Grupo Naturalista Hábitat levamos anos advertindo que estes sendeiros e pasarelas non son inocuos ambientalmente, e poden supoñer unha proliferación de molestias, aumento do lixo e entrada de especies exóticas invasoras en espazos ecoloxicamente sensibles. Máis aínda: debido á necesidade de reservar espazos tranquilos e libres da intervención humana no territorio, a tendencia debería ser cara a clausurar sendeiros «redundantes» e «camiños a ningunha parte». De feito, o plan de xestión do Espazo Natural da Torre de Hércules na Coruña inclúe esta simplificación da rede de vieiros do espazo. Infelizmente, semella que os poderes públicos e o sector turístico buscan sendeiros en lugares máis salvaxes, á vez que presumen de premios. Así e todo, nos criterios dos chamados Sendeiros Azuis (SAs) recóllense preceptos interesantes: «Antes da construción ou implantación do Sendeiro Azul, débense analizar os posibles impactos que o propio sendeiro poida ter sobre o medio ambiente. (...) Os SAs deben contribuír a protexer a calidade do medio ambiente, especialmente as comunidades biolóxicas e os hábitats naturais». Engaden que: «Os promotores dos SAs deberán describir nas súas solicitudes os distintos tipos de hábitats, os traballos realizados para a súa protección e os valores ambientais presentes ao longo do percorrido da ruta». A realidade é distinta: déuselle a categoría de Sendeiro Azul a algúns vieiros que supoñen a degradación de Zonas de Especial Conservación, como a ES1110005 Costa da Morte, debido á Senda Litoral de Arteixo, Senda do Mar Razo-Baldaio e Sendero Costa da Morte-Camariñas. Os principais impactos son: fragmentación de hábitats naturais de interese comunitaria; atropelos de fauna por tránsito de bicicletas e mesmo motos; aumento dos procesos erosivos nestes camiños por dito tránsito; molestias derivadas da presenza de cans soltos (faixas de exclusión de cría de aves nas beiras do sendeiro); entrada de especies exóticas invasoras facilitada por estes camiños, en especial plumacho da Pampa (Cortaderia selloana), uña de gato (Carpobrotus edulis) e sempreviva sudafricana (Helichrysum petiolare); aumento exponencial do lixo en zonas antes libres del. En resumo, o contrario do que establecen os criterios dos devanditos Sendeiros Azuis.

Conclusión: o Grupo Naturalista Hábitat solicita que, por norma, se eliminen carreiros innecesarios e se descarte calquera proxecto de novos sendeiros en espazos con interese natural. Só de xeito excepcional, de deseñarse, os novos sendeiros deberán estar fóra de zonas ecoloxicamente sensibles e deberán obedecer estritamente os criterios dos Sendeiros Azuis.

Tracking Pixel Contents